Outro ano máis, puidemos desfrutar dos primeiros momentos do novo ano en Rianxo grazas a un traballo estupendo da Comisión de Juadalupeñas. Por ese motivo, moita da xente que saía ata Boiro an fin de ano agora queda aquí e dinamízase un pouco todo o que ten que ver coa hostalería.
Na praza había xa unha carpa montada dende o día anterior, da que poder escapar do frío. O coche marcaba 4ºC, pero parecía que estábamos a -1º. Aínda así, moita xente guapa. A xeada non impedía que as mozas lucisen vestidos e zapatos de tacón alto. Mentres que nos mozos destacaban os traxes con lazo (pajarita en castelán).
Na entrada da carpa, aberta dende a 1 da madrugada, había unha alfombra vermella. Alí, a xente da Juadalupeña recibíanos cun vasiño de cava gratis para darnos a benvida.
Á 1.30 horas aínda non se animara moita xente a ir por alí. Moitos seguían nas súas casas, despedindo o ano, coa sobremesa e falando antes de saír. Pero dentro, a disco móbil de The Karavan xa estaba a dar conta dos temas que máis soaron durante o ano para facer entrar en calor a xente.
Comentar tamén que dentro da carpa había un photocall moi propio destas datas, con gorriño de Papá Noel incluído. E os que tomaban algo, facíano a prezos populares, xa que os combinados estaban a 3,5 euros, a Red Vintage custaba 2€, as cervexas e refrecos 1,5€, mentres que as augas valían 1€.
Por se fose pouco, con cada consumición regalábase unha pulseira luminosa.
Ás 2 da mañá o DJ deixou de pinchar, para dar paso á actuación do Trío Unión y Fuerza. Os tres compoñentes déronlle movemento ao corpo con salsas, merengues e pachangeos varios para que non decaese a festa.
E preto das 3 das mañá a xente das Juadalupeñas comezou a repartir de balde entre todos os que estaban na carpa gominolas varias. Había que prepararse para comer as uvas, pero en forma de doces.
Así que ás 3.35 minutos, os DJ fixeron soar o reloxo da praza de Castelao e todo os que estaban alí comezaron a papar as gominolas, cada un ao seu ritmo, pero con moitas risas.
Por certo, hai que salientar que o ambiente da xente que saía era moi variado. Había adolescentes, mozos de 20 e 30 e pico anos, pero tamén matrimonios cos fillos e xente xa máis entrada en anos pero con ganas de pasalo ben. Así que realmente era como celebrar unha festa na praza, nada semellante ao que se ve noutros locais en fin de ano. Era unha representación de todos os veciños alí metidos, falando, bebendo e bailando.
E así como había varios centos de persoas dentro da carpa, nos bares había tamén movemento. As mesas do Gallaecia e do Guadalupe estaban cheas, así como os soportais da praza. Había xente na terraza do Barallán (a pesar do frío) e no resto de locais abertos. Así que de novo unha moi boa iniciativa que agardemos que siga tendo continuidade.
Por certo, que ás 3.45 se cantou a Rianxeira, como non. Vamos, que semellaba que estabamos en pleno setembro. DJ Peri, Goxi DJ e H Freak seguiron pinchando, o Trío Unión y Fuerza seguíu tamén cada hora coa súa sesión, e os que tiñan fame puideron comezar a desfrutar do chocolate con churros nun posto que había na praza.
Deixar unha resposta