Hoxe queremos compartir con vós unha foto desa historia non tan antiga, xa que moitos dos nosos pais e avós de seguro que se lembran. É o tempo no que case todo o mundo tiña leiras e cultivaba millo para darllo aos animais.
E moitos rianxeiros, o que facían era acudir ata a chamada “molinera”, que tedes na imaxe. Pertencía á familia Pérez, polo que nos contou algún veciño. Polo visto, orixinalmente estaba situada preto do Castillo, onde a rexentaba o señor José e a súa muller Urbana (da familia Pérez).
Máis adiante levouse para Rinlo, onde seguiron os fillos, Lucho e Ramón. Estivo activa ata que comezaron a construír pola zona, pero ata a década dos 80 aínda funcionou.
As mozas adoitaban ir con sacos co millo en gran e alí moíano para despois darllo ás galiñas ou aos porcos da casa en forma de fariña. E para que vexades como eran as cousas, o muiñeiro non cobraba en pesetas, senón en especies. Quedábase coa chamada maquía. É dicir, unha parte da fariña que se quedaba o muiñeiro do traballo.
Esta palabra deu lugar a varias frases ao longo da nosa xeografía. Recollemos algunha presente no Corpus lexicográfico da lingua galega:
- “Non fíes en maquía de muiñeiro, nin creas en comida de despenseiro”.
- “O muiñeiro maquieiro cóidase o amo do rueiro”.
- “O muiñeiro que oi e ve non pode ser paroleiro”.
Rematamos o post agradecéndolle a Manuel Franco que nos cedera a imaxe para a súa difusión.
En Abuín tamén había unha.
Graciñas polo apuntamento, Helena. Temos que buscar entón máis datos para sacar algo.
eu iba de pequena; recordo mais que nada o aresendo e o polviño branco que cubría todo; no noso caso, a fariña era para facer pan de millo; tiñamos daquela forno na casa; miña abó era pesca; iba a vender a Imo peixe a cambio de millo -entre outras cousas-; a tarefa miña era debullar; e acompañar a miña abó a molinera.