Tag Archives: Rinlo

A antiga “molinera” de Rianxo

3 Feb

Hoxe queremos compartir con vós unha foto desa historia non tan antiga, xa que moitos dos nosos pais e avós de seguro que se lembran. É o tempo no que case todo o mundo tiña leiras e cultivaba millo para darllo aos animais.

molinera

E moitos rianxeiros, o que facían era acudir ata a chamada “molinera”, que tedes na imaxe. Pertencía á familia Pérez, polo que nos contou algún veciño. Polo visto, orixinalmente estaba situada preto do Castillo, onde a rexentaba o señor José e a súa muller Urbana (da familia Pérez).

Máis adiante levouse para Rinlo, onde seguiron os fillos, Lucho e Ramón. Estivo activa ata que comezaron a construír pola zona, pero ata a década dos 80 aínda funcionou.

As mozas adoitaban ir con sacos co millo en gran e alí moíano para despois darllo ás galiñas ou aos porcos da casa en forma de fariña. E para que vexades como eran as cousas, o muiñeiro non cobraba en pesetas, senón en especies. Quedábase coa chamada maquía. É dicir, unha parte da fariña que se quedaba o muiñeiro do traballo.

Esta palabra deu lugar a varias frases ao longo da nosa xeografía. Recollemos algunha presente no Corpus lexicográfico da lingua galega:

  • “Non fíes en maquía de muiñeiro, nin creas en comida de despenseiro”.
  • “O muiñeiro maquieiro cóidase o amo do rueiro”.
  • “O muiñeiro que oi e ve non pode ser paroleiro”.

Rematamos o post agradecéndolle a Manuel Franco que nos cedera a imaxe para a súa difusión.

Advertisements