Xa non queda nada para unha das grandes probas deportivas que se celebran no noso municipio. Neste caso trátase da III Marcha BTT Concello de Rianxo, que terá o domingo 22 de febreiro. Se queres participar, podes apuntarte xa porque as prazas son limitadas por 7€ antes do 18 de febreiro.
O ano pasado había un límite de 500 prazas, que se completaron de forma moi rápida. Este ano poden formar parte da marcha ata 600 bikers, e xa hai inscritas 240 persoas, polo que de seguro que se superan as previsións. Os organizadores xa indican que se está a “consolidar como unha marcha de referencia que ninguén se quere perder”. De feito, xa está confirmado o gañador do ano pasado, Brandán Márquez, o que algúns definen como o “gran dominador do noroeste peninsular” da BTT.
Haberá tres niveis diferentes, segundo a forma física de cada un. Para o iniciados, a ruta será de 27 quilómetros. Haberá outra para os que teñan un nivel alto, cunha lonxitude de 45 quilómetros. E para os sobrados hai unha ruta de 70 quilómetros.
O presidente da Peña Ciclista Castro Barbudo, Ramón Castelo, coméntanos que con respecto á pasada edición “as rutas están modificadas nun 80% aproximadamente”, de tal xeito que a de 40 pasou a 45 kms e a de 60 aumentou a 70 kms. Iso si, Castelo sinala que á “ruta de 45 chega para calquera que ande ben na bicicleta e a de 70 só debe meterse a xente cun moi alto nivel físico e técnico”.
Iso si, calquera das variantes da proba contará con “vistas espectaculares” polos montes rianxeiros. As rutas con menor duración irán tamén preto do río Te ata chegar á praia da Torre, para rematar polo paseo marítimo. No caso da ruta de 70 kms os participantes terán que enfrontarse á “emblemática subida á Muralla”, aínda que nesta ocasión se pasará polo monte de Rois e a baixada será unha novidade.
Deixar unha resposta