Hoxe é deses días nos que publicamos algo con moita tristura. Acabamos de coñecer a noticia de que faleceu de forma repentina Carlos Gey, tenente alcalde de Rianxo. Polo que dende aquí mandamos un abrazo á familia.
Dende o Concello acaban de anunciar que “por mor do repentino falecemento do Teniente Alcalde do Concello de Rianxo, D. José Carlos Gey Hermo, suspéndense todas as actividades programadas pola Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística para esta fin de semana”. As bandeiras ondean xa no concello a media hasta e celebrarase un pleno extraordinario por esta cuestión.
A verdade é que durante estes anos coincidimos con el en moitos actos, polo que a nova nos colle con maior sorpresa, se cabe. E era habitual lector deste blog e do noso facebook, onde adoitaba escribir. Tiña ademais 63 anos, polo que tiña moita vida por diante e era un dos candidatos á alcaldía nas próximas municipais, polo que o impacto entre a veciñanza é, sen dúbida, moi grande.
Segundo informa La Voz de Galicia, semella que puido sufrir un infarto. Faleceu de forma repentina ao mediodía, na súa casa. Onte atopábase xa mal, foi ata o hospital do Barbanza, onde lle deron a alta de madrugada. Hoxe decidira descansar na súa casa. Os familiares atopárono insconsciente e os médicos non puideron reanimalo.
Durante este tempo no que estivo de Primeiro Tenente de Alcalde en Rianxo, era tamén o responsable de Urbanismo, Industria, Comercio, Mar e Novas Tecnoloxías. Defendeu o xeito estes últimos meses e puidemos velo en moitas outras actividades e eventos. Queremos lembrar algún deses momentos traballando a prol do Concello. DEP.

Carlos Gey, terceiro pola esquerda, durante a reunión cos arquitectos locais para tratar o PXOM

Primeiro pola esquerda, na entrega de trofeos na II BTT Concello de Rianxo

Durante a presentación da Pasarela Castelo da Lúa
Non podo escribir que me gusta, aínda que o gusta non sexa para iso. Eu tamén me sumo á dor dos seus.