Xa temos lista a colección completa de imaxes do que deu de si a III Marcha BTT de Rianxo. En concreto xuntamos 2.530 fotografías de distintos puntos da proba. Para que vexades mellor as imaxes, velaquí todo organizadiño por zonas:
- Álbum da saída
- Álbum do primeiro tramo de subida ao monte
- Álbum de subida ao Lioira (cruce de separación da ruta de 27 kms)
- Álbum do avituallamento
- Álbum da subida aos tobogáns (45 e 70 kms)
- Álbum de subida ao Pico Muralla (ruta de 70 kms)
- Álbum de paso por Ourille (ruta de 70 kms)
- Álbum pola beira do río (27 e 45 kms)
- Álbum de chegada a meta e entrega de premios
CRÓNICA
De novo, a terceira edición da BTT de Rianxo foi todo un éxito. Se o ano pasado participaron unhas 520 persoas, nesta ocasión déronse cita máis de 610 ciclistas de toda Galicia e incluso algún chegado de Ponferrada e de Portugal. A proba, organizada pola Peña Cicloturista Castro Barbudo de Taragoña, estase a convertir xa nun clásico para moitos amantes da bicicleta de montaña.
Esta foto resume moi ben o que foi a proba: tivo tela, pero os corredores acabaron encantados.
Cada ano vai a máis a cousa. É unha das primeiras probas da tempada, a xente xa ten ganas de rodar antes de que chegue o bo tempo. Así que é unha oportunidade para medir as pernas e tamén as forzas con outros amigos e deportistas. Porque, sen dúbida, é unha proba dura.
Hai que ter en conta que tamén é a marcha máis numerosa de todas as que se organizan no Barbanza. Así que parabéns unha vez máis á organización por reunir tanta xente. Iso si, está claro que despois non hai auga quente para tantos corredores e o que primeiro chega é afortunado.
Os primeiros dous quilómetros discurriron tranquilos a través da estrada de entrada a Rianxo. Diante ía a xente da organización e tamén os que se apuntaron á ruta de 70 kilómetros. Nin máis nin menos que unhas 300 persoas. A pesar de que era moi dura e esixente, está claro que a xente tiña ganas de marcha. Agora ben, entre o frío, a chuvia e as subidas tan complicadas, non todo o mundo puido facer a marcha longa.
A mañá comezaba despexada e con boa temperatura. A xente estaba con folgos, pero tampouco había présa por lanzarse. Iso si, os montes de Rianxo era unha serpe de cores que no paraba de moverse.
No monte Lioira o grupo separábase. Os máis fortes continuaban pola ruta de 45 e 70 kilómetros, mentres que os da marcha de 27 kilómetros tiraban para abaixo.
Un dos que se animou foi o actor e humorista David Amor, que vimos que certamente está en boa forma.
Unha das bicicletas que máis sorprendeu entre os participantes e entre os espectadores foi esta. Como podedes ver, non son as típicas rodas de mountain bike. Para quen non as coñeza, trátase dunha fat bike, unha bicicleta pensada para a neve e para a area, xa que grazas á súa grande superficie de ata 5 polgadas permite un agarre moi alto. E xa vedes que este corredor, que fixo a ruta de 45 kilómetros, puido coas costas e coa lama do camiño.
En Ourille seguía a néboa e o mal tempo. O peor, iso si, xa quedaba atrás e xa tocaba tirar para a abaixo despois de tanta subida polo monte.
Xa na meta, tocaba coller folgos. Así que as calorías queimadas se recuperaron rapidamente grazas á cervexa, á tortilla, á empanada e ao choripán.
Nos trofeos, de novo estivo arriba de todo Supermán-Brandán. Todo un espectáculo velo enriba da bicicleta. Semella que anda sola, pero vese que detrás hai moito adestramento e tamén un físico privilexiado. Así que noraboa.
A outra fóra de serie é Silvia Dosil. Que de novo demostrou estar moi forte e ser a primeira entre as mulleres. Destacar que nesta ocasión a presenza feminina foi moi alta, así que agardamos que pouco a pouco este deporte se estenda máis entre as mulleres.
Unha resposta a “Fotos e crónica da III Marcha BTT de Rianxo”