Moitos de nós usamos o coche de xeito habitual, ben para ir ao traballo, movernos, ir de compras ou ben viaxar como agora en Semana Santa. Ata hai ben pouco en Rianxo había dúas gasolineiras, pero dobraron grazas que abríu outra de Meroil no porto de Rianxo e outra de BP no polígono de Te.
Máis gasolineiras deberían significar máis competencia e opcións para o consumidor… ou non. De feito, hai ben pouco, a Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia puxo 32,4 millóns a Repsol, Meroil, Cepsa, Disa e Galp por “coordinación en materia de precios, intercambio de información y pactos de no agresión”, como se pode ler nesta información de El País.
Así que decidimos facer unha comparativa do prezo do gasoil habitual, do novo gasoil, da gasolina de 95 e da gasolina de 98 octanos. Para iso, botamos man da web do Ministerio de Industria, Energía e Turismo www.geoportalgasolineras.es. Todos os operadores e todas as personas que leven a xestión efectiva dun punto de venda de carburantes para subministro a vehículos están obrigados a enviar os prezos cada luns ou ben cada vez que os cambien. E poden consultarse nesa web.
Así que fomos recompilando estes prezos en distintos momentos dende hai dous meses, para ver cal é a estación de carburantes máis barata de Rianxo. Vamos, establecer onde nos podemos aforrar uns céntimos ao fin de mes. Loxicamente despois entra se nos gusta máis un tipo ou outro de gasolina, xa que os aditivos cambian.
Comezamos vendo os prezos do gasoil. Podedes clicar enriba da imaxe para ampliala.
Como vedes, comezamos a analizar o 13 de xaneiro estes datos. Ese día, así como o 2 de febreiro ou o 23 de marzo nas tres había o mesmo prezo. O 17 de xaneiro a estación máis barata era a de BP, mentres que o 5 de febreiro era a máis económica a de Repsol. Curiosamente a de BP foi a máis cara o 25 de febreiro e a de Repsol a semana do 11 de marzo. A de Meroil vemos que non chega a ser a máis barata, pero tampouco a máis cara
O día que máis diferenza houbo entre o gasoil máis barato e o máis caro foi a semana do 17 de febreiro, con 2 céntimos. A continuación o 12 de febreiro con 1,6 céntimos.
Se falamos do novo gasoil, velaquí o gráfico que obtivemos:
O 13 e 19 de xaneiro e esta semana pasada os prezos coincidiron nas tres gasolineiras (poñemos Meroil como unha soa, porque vimos que os prezos da de Taragoña e a de Rianxo eran os mesmos sempre, así que unificamos o dato).
O 12 de febreiro era a de Repsol a que tiña o prezo máis baixo, sendo Meroil o 5 de febreiro a máis económica.
En canto a máis caras, BP era na que máis custaba repostar as semanas do 2 e 25 de febreiro, así como o 11 de marzo.
A maior diferenza de prezo entre todas foi o 12 de febreiro, con 2 céntimos por litro entre a máis barata e a máis cara.
Continuamos cos datos da gasolina 95:
Os prezos foron os mesmos en tres ocasións: o 13 e 19 de xaneiro, e o 23 de marzo.
A máis barata foi BP o 17 de xaneiro, a Meroil o 2 de febreiro, a Repsol o 5 e 12 de febreiro.
En canto á máis cara, a BP foino o 2 de febreiro, así como o 11 de marzo. E a Meroil foino o 25 de febreiro.
A diferenza máxima volve ser de 2 céntimos o 17 de xaneiro.
Para rematar, quédanos o gráfico da gasolina de 98 octanos:
Neste caso, o 13 e o 19 de xaneiro coinciden as tres. No resto de casos hai sempre algún tipo de variación.
Así, o 12 e o 25 de febreiro a estación de servizo de Repsol é a que ten o carburante deste tipo máis barata. Pero é a máis cara o 17 de xaneiro. Nesta liña, BP tamén é a máis cara nas semanas do 2, 5, 12, 25 de febreiro, e do 1 e 23 de marzo.
A máxima diferenza de prezo acadouse o 1 de marzo, con 2,1 céntimos.
Como conclusión, podemos establecer que non hai a que se pode chamar a gasolineira máis barata de Rianxo como tal. Segundo a semana unhas ou outras poden ter mellores prezos. O que si vimos é que no caso de Meroil adoita estar entre medias, non é nin a máis cara nin a máis barata.
Comentar que todos estes datos son prezos de venda ao público. Así que para aforrar é bo tirar man tamén das tarxetas desconto que vos poden supoñer uns céntimos en cada repostaxe e ao final do mes todo suma. Podedes preguntar en cada estación de servizo, pero téñenas tanto Meroil, como Repsol e BP. Vamos, que premian a fidelización e que volvas sempre á mesma.
Pero se es de comparar, podes botar man da web que nos servíu para realizar esta reportaxe, así como de apps móbiles coma Gasolineras España, nas que consultar o prezo antes de saír da casa ou ben cando estás de viaxe e non sabes se 10 quilómetros máis adiante vai haber algo máis barato ou non.
Nota ás estatísticas: no caso de Repsol, os datos da semana do 2 de febreiro corresponden ao 30 de xaneiro, mentres que no caso do 25 de febreiro son do 20 de febreiro e no do 11 de marzo son relativos ao 9 de marzo. Os datos sempre foron consultados en geoportalgasolineras.es o mesmo día, pero non eran do mesmo día, polo que cremos que é importante referenciar isto.
Deixar unha resposta