
Portada do disco, moi ilustrativo sobre o carácter artístico e o contido musical do novo traballo, o 3º disco de estudo da artista bergantiñana Sés (María Xosé Silvar, nada na Coruña en 1983)
Crónica e fotos de Carlos Bastos. Esta longa fin de semana vivíronse varios actos culturais en Rianxo. O venres, solapáronse o Desfile da Pasarela do Castelo da Lúa organizado pola ARE no pavillón polideportivo, e a presentación do disco da artista Sés no auditorio.
A actividade do auditorio rianxeiro non consistiu nunha actuación musical nin teatral, como acostuma ver o público habitual da súa programación cultural. O venres deuse cita, nunha grada ateigada de público composto por rianxeiros e rianxeiras de todas as idades, un “mitin”. Unha reunión onde oradora e asistentes compartían uns ideais, unhas crenzas e unha forma de divertirse. Lonxe dos mitins que imos ver estas semanas de eleccións, a activista cultural Sés fixo un repaso de varios discursos que abordaban temas latentes como:
-a imaxe da muller no panorama social actual, totalmente absorbida polos estereotipos,
– a escravitude americana,
– os presos políticos,
– o sistema social medieval que aínda viviron nosas nais e avoas,
-o respecto pola nosa cultura e o noso idioma,
– o goce das nosas tradicións, – as políticas actuais,
– a inversión en épocas electorais,… e así ata completar con un discurso cheo de xenio e fundamento cada un dos tempos que había entre cada canción das que executou na noite do venres. Desta forma, con este modo de actuar, conseguía de cada vez un mínimo de 2 grandes aplausos por cada canción, un polo discurso cargado de razón co que presentaba cada tema e outro pola propia interpretación de cada unha das novas cancións que compoñen o novo disco do artista.
A pesar de ser un concerto de pagamento, cunhas entradas que se foron vendendo por varios locais de Rianxo a 12€, o auditorio presentaba un aspecto rebosante.
O grupo que subiu ó escenario estaba formado por:
– Sés: voz, pandeireta, guitarra e harmónica
– Tito Calviño: guitarra
– Marcos Pazo: batería
– Fran Sánz: baixo
Aínda que unha das grandes sorpresas da noite foi cando subiu á rianxeira Sabela a tocar a frauta traveseira para acompañala en dúas pezas. A artista cantou a Rianxeira, como mostra de orgullo da nosa cultura e tradición, facendo unha clara loa á defensa do noso e ao non sentir vergoña das cousas das nosas nais, das nosas avoas e do noso pobo.
A polifacética artista rianxeira foi presentada por Ses como un exemplo no mundo da música. Sabela devolveulle o favor indicándolle que para cantar a Rianxeira en Rianxo, a Virxe de Guadalupe non se vai, senón que se embarca; detalle moi aplaudido pola grada.
Ses e a súa banda foron incrementando os discursos e o ritmo das pezas ata facer cada vez mais cómplices os asistentes e conseguir o obvio, que un auditorio non é lugar para un concerto deste tipo de música e provocar que nas últimas pezas da noite, a xente estivera de pé seguindo a actuación e ocupara as partes dianteiras do escenario para corear os últimos bises.
Na rede xa pode visualizarse algún vídeo gravado por afeccionados asistentes ó concerto como:
Deixar unha resposta