Presentación do novo disco de Carapaus, final de Ferve a lingua e Letras Galegas

15 Mai

Carapaus_CartazPresentación Este sábado, 16 de maio, Carapaus presenta o seu novo álbum “Déixao andar”. Será nun concerto gratuíto ao que todos estades convidados na Sala Capitol de Santiago de Compostela, ás 22.00 horas.

O grupo de música tradicional Carapaus, está integrado, entroutros, pola rianxeira Sabela Galbán, polo que nos alegra difundir este evento. O disco foi gravado entre xaneiro e febreiro deste ano e preséntase agora coas colaboracións de Josinho da Teixeira (voz e tambor enTanto nos Ten), do gaiteiro Luis ‘O Caruncho’ ou coa letra nunha das cancións de María Xosé Silvar ‘Sés’.

Velaquí como foi o disco. Pero o mellor é velos en directo en Santiago, que é de balde 😉

Se non podedes achegarvos ata Santiago, na cafetería Castelao de Rianxo, tamén ás 22.00 horas, tedes a final do II Torneo de Poesía Erótica Recitada, cun premio de 1.000 euros. A velada poético-erótica virá presentada e amenizada por Esther F. Carrodeguas, e rematará co espectáculo Poeticlub, cabaret poético interpretado por Iria Piñeiro (DandyLady). O gañador desta terceira fase competirá a continuación contra Noelia Gómez e Carlos Da Aira, gañadores das anteriores fases. Dos tres finalistas, e coma sempre por votación popular, coñecerase por fin o vencedor.

Por outra banda, o domingo a partir das 10.30 h celebrarase en Campo de Pazos a “Festa 1906. Día das Letras Galegas“. Organizado pola Asociación Festival Antrospinos, contará con variadas actividades para conmemorar o día das nosas letras.

Por outra banda, outra iniciativa pretende engalanar as estatuas dos nosos escritores en Rianxo. Podes apuntarte no facebook.

Por certo, que hoxe venres, a compañía do Centro Dramático Galego achégase a Rianxo para representar a súa última produción Xardín Suspenso de Abel Neves baixo a dirección de Cándido Pazó. As entradas teñen un custe de 5 € e poden adquirse na billeteira unha hora antes do comezo da función.

Deixar un comentario