Nesta ocasión sodes vós, os lectores, os que facedes as preguntas. Velaquí as cuestións que lle quixestes formular aos candidatos á alcaldía de Rianxo. (1ª parte da entrevista). As preguntas nas que se indica (FR) ao final son propias, que xurdiron durante a conversa, e as que levan un * ao final son respondidas por escrito, porque foron enviadas polos nosos lectores despois de realizásemos a entrevista.
-Polo visto hai catro anos Adolfo falou en campaña de facerse cargo de propiedades eclesiásticas e destinalas a servizos públicos. Catro anos despois a cantidade deste tipo de propiedades que están sen uso ou en estado de abandono está medrando. Ten algo previsto para dar uso e poñer en valor ese tipo de propiedades, as cales na actualidade están en estado semiderruído ou abandonadas?
– Nese sentido, eu non teño neste momento eses coñecementos que pode ter Adolfo. Supoño que terá mirado realmente se é viable ou non. Realmente hai que mirar polas parroquias e eses serían tamén bos sitios, no caso de non haber locais sociais ou para reunións. Habería que ver se hai que comprarllas á Igrexa, porque igual non imos ter pasta, pero no caso de que só fose facerse cargo delas, nunca sobran espazos nas parroquias para que a xente poida facer actividades.
-Moitas veces fálase de construír novos edificios de protección oficial ou facer centros de día ou outros equipamentos públicos. Ten pensado algo para poder ocupar os edificios baleiros en vez de construír edificacións novas (como pasa co edificio de antigo Liceo Marítimo, do edificio da Casa dos Mestres ou da Aula Activa do Mar que están na maioría sen uso)?
– Son consciente de que neste momento, incluso aínda que houbese recursos, hai que ver realmente o que tes. Facer un investimento non é só facelo, despois hai que mantelo, non o vas ter pechado. O Liceo Marítimo, con tres andares, sería un espazo bo para a terceira idade. Os nosos maiores teñen a sorte de estar en perfectas condicións incluso a idades moi avanzadas, e poderían ir alí. Serei moi idealista, pero paréceme que o futuro dun pobo pasa por convivir entre xeracións e dentro da mesma xeración tamén ter as súas actividades.
En relación ás casas dos mestres, non sei se xa están todas deshabitadas, pero a pregunta paréceme moi acertada, porque realmente tes que ver o que tes; coma na túa casa: se tes un sitio e non o estás utilizando, tes que tratar de aproveitalo.
Respecto do centro de día, non sei se haberá algún edificio nestes momentos que se prestara porque realmente, ao mellor, ten que ter unhas características que ao mellor non ten e habería que adaptalo. Recordar a parcela que xa lexislatura anterior se ofreceu á Xunta onde poder executalo. Para min o centro de día é un dos edificios que Rianxo necesita e haberá que loitar por el. Despois, nos outros, hai de sobra que facer: actividades de formación…. A xuventude tamén me preocupa, habería que buscar tamén unha zona onde non molestaran (refírome ao ruído), que estivera nunha zona apartada como no recheo… pero claro, xa é propiedade de Portos.
“O Liceo sería un bo espazo para terceira idade, aínda que o centro de día é necesario e haberá que loitar por el”
-A que te refires, a unha zona para saír? (FR)
– Para saír e para estar, sobre todo se fai bo tempo, que se reunisen alí e que non fose moito o problema de ruídos… A xente se se sente cómoda nun sitio cóidao, compórtase. A xente a cada idade ten que facer as súas cousas, todos o fixemos e teñen que ir preparándose para ser eles os que mañá manden.
-A seguinte pregunta ten que ver co tema do polígono. Fálase moito do baleiro existente nas parcelas, hai algún plan concreto para dinamizar o asentamento de industrias e o máis importante, hai algún plan ou estratexia para darlle actividade aos moitos locais que están sen actividade no centro de Rianxo ou incluso a todos os baixos de edificios que nin tan sequera están acondicionados?
– Xa, pero temos que ter en conta que iso ten unha propiedade. O problema é neste momento e xa antes, hai determinadas persoas que si teñen a posibilidade de ter esa propiedade e ao mellor non teñen a necesidade de emprender. Non é o mesmo que se ti tiveras un baixo e puideras alí emprender calquera cousa que tiñas que facer o investimento de compralo e todo iso. É verdade que temos un polígono que naceu en mala época. Penso que se estivera operativo antes, moitas das empresas que buscaron outro sitio estaban aquí.
– Ademais, curiosamente, foi un dos primeiros sitios onde se pediu. (FR)
– Efectivamente, e foi o último. De todas formas a súa situación é estratéxica, eu non quero sacarlle mérito aos outros, pero realmente dáselle visibilidade. Paréceme que calquera empresa que se establecera aí é visible dende a autovía e iso atrae, porque tes que pensar o que che pasa a ti cando vas a un sitio: se vas e o ves facilmente, anímaste máis. Dicir que é unha mágoa que non nacera antes.
Dende o goberno están intentando facer bonificacións fiscais para as empresas que se establezan alí, tamén habería que ser realistas e ao mellor o prezo (eu non sei exactamente, porque non manexo eses datos), ao mellor unha baixada do prezo tamén anima. Hai que buscar maneiras de dinamizar o polígono, pero que se establezan alí empresas non ten que quitar ou desmerecer as posibles tendas do casco. Temos que ir a unha diferenciación, onde en Rianxo se dean cousas distintas. Ti tes que tratar de que che elixan a ti e non a outro e hai que traballar moito. O Concello ten unha parte importante pero todos os actores teñen que aportar, pois son eles os que despois o terán que defender. Ás veces tamén falla esa parte, na que estamos acostumados a que a administración nolo de todo feito e igual deberíamos ter unha actitude máis produtiva, aprender e practicar. Ensináronme, pero vouno mellorar; esa ten que ser a actitude.
“Temos que buscar a diferenciación nas tendas do casco, que haxa cousas distintas, aproveitando tamén o noso atractivo”
-Non estancarse, dis? (FR)
– Efectivamente. Diferenciarse, tratar de que o casco de Rianxo, ademais de que por cultura, por historia e atractivo, buscar a maneira de aproveitalo.
-No último período electoral púxose de moda que os veciños que querían algún servizo público o tiñan que pagar eles e cederllo automaticamente ao concello a cambio de recibir o propio servizo pagando, e que o concello lle fixera a man de obra da infraestrutura, como se fixeron moitas ampliacións de rede municipal de augas ou de saneamento, tendo toda a responsabilidade, traballo, previsión e desenvolvemento os propios veciños. En resumidas contas, os veciños pagan o material e o concello fai a obra para que unha vez lista forme parte da rede pública e a empresa subministradora lle cobre enganches e mensualidades e o propio concello cobre a taxa municipal. Hai algún tipo de compromiso sobre como tratar este tema e o máis importante, hai intención de satisfacer as poucas casas ou aldeas do concello que aínda non teñen saneamento público?
– A min paréceme que temos que ir xa cara o saneamento integral. Eu sei que hai moitos, como digo eu “flecos” na maioría das parroquias. Son consciente de que na lexislatura que acabou no 2011 estaban a rematar o saneamento de Leiro e Isorna que eran as dúas parroquias que aínda non tiñan ningún saneamento. Iso veu no proxecto da Xunta, xa sabemos que esas obras son moi custosas e ten que ser dende as administracións superiores, porque o concello non pode acometelas. Para min o saneamento integral é o primordial. Por exemplo, a parte de Quintáns tería que ser nun proxecto que viñera da Xunta. Ademais, unha vez que a rede xa está case, paréceme que ao mellor ai que ir innovando tamén nese sentido. Non tender a facer todo como se fixo, todo a unha depuradora, pois podes empezar a colapsala e non funciona todo o ben que debería e, ao mellor, hai que ir mirando esas depuradoras compactas que son capaces de depurar e sanear núcleos cunha certa dimensión. Eu creo que se están a referir ao saneamento, pois que eu saiba non hai outros servizos que sexan pagados polos veciños.
“O saneamento integral para min é primordial”
– Entendo que a pregunta vén polo tema da auga, porque algún veciños pagaron o material e era o Concello o que poñía a man de obra. (FR)
– Eu creo que é unha maneira de ir sacando adiante cousas, porque se o Concello nun momento dado no pode acometer todo o gasto, con esas colaboracións pode ser interesante. Ao mellor habería que ter unhas medidas de bonificación para esa xente. Igual habería que bonificar, sen taxa de enganche ou dalgunha outra maneira. Como digo eu, se cando vas a un lugar onde hai socios e non socios e para unha actividade pagan todos igual, entón para que son socio? Isto é algo parecido: seu eu xa fixen o esforzo de colaborar, tes que ter algunha contrapartida, paréceme a min.
– Que opinión lle merecen o estado das estradas en Rianxo e poño como exemplo a que vai da rotonda do colexio ata Rianxiño/Rinlo?
– A verdade é que están bastante mal. Teño que recoñecer, ademais eu veño de estar hai catro anos en economía e facendo sei que os recursos son limitados, pero eu son da opinión de que tiñamos que mantelo antes, que o bache non se converta en socabón. Tratar de atallar antes e ir tratando de bachear, aínda que non sexa facer un firme como nos gustaría que poder botarlle ás pistas. Sei por meu avó, eu non o vivín pero sei que sempre cando viña o inverno a xente procuraba que os regos estivesen libres para que todo desaugara ben. O mantemento paréceme moi importante. Sería importantísimo ter todo con aglomerado en quente, pero polo menos que non haxa os baches e intentar que a auga non traballe nas estradas; se desauga ben, durará máis.
“O mantemento das estradas é fundamental, para que despois non sexa moi tarde”
– Que ideas baralla para que a información municipal e todos os avisos, anuncios, bandos… cheguen mellor e de forma menos desigual a todos os veciños, en especial as parroquias?
– Esa é unha teima que eu teño porque eu son de parroquia. Paréceme que hai que poñer puntos de información. Non se pode poñer todo en todo, pero se a xente sabe onde pode ver a información, os que están interesados van e mírano. Dous ou tres puntos, dependendo da parroquia que sexa, consensuado coa xente pois non pode impoñer, tes que ver cales son os costumes. De paso que vas a pasear, xa fas por alí o recorrido e así entéraste do que pasa. Un punto de información onde esteas seguro, e non teñas que estar mirando a web, pois moita xente coma min ou maior que non o manexan (aínda que hai que ir poñéndose xa, porque o analfabeto deste século é o que non controla internet).
– Cal cre que debe ser prioridade na política municipal en canto á xestión dos servizos públicos e ao persoal que se asigna a eles, primar a creación de postos de traballo públicos ou a xestión privada dos servizos?
– En principio hai que intentar non ter que facer ningunha privatización de servizos, sempre que se teñan recursos para levalos axeitadamente.
– Relacionado con isto, pero aplicado ao eido persoal, pódenos contar que relación laboral ten vostede co seu empregador (laboral indefinido, temporal, funcionario, autónomo… na empresa pública ou privada) e que procesos selectivos tivo que pasar para acadar o seu posto de traballo?
– Non traballo neste momento. A última vez que traballei, fora elexida nas eleccións.
– Que soldo vai percibir vostede como alcalde/alcaldesa en relación ao actual (o mesmo, inferior, superior, e en que proporción)?
– Respecto de ese tema, eu xa dixen que non estou aquí polo que vou cobrar. Intentaremos aproveitar os recursos, a ver se é posible facer máis con menos.
– Como percibe vostede a modernización tecnolóxica na administración local asociada coa apertura e a transparencia, a e-administración, a participación cidadá…? Que medidas e proxectos vai impulsar relacionados con este eido?
– Paréceme moi importante porque por esta vía aparecen novas maneiras de facilitar ós trámites, estar informado e poder facer chegar a todos as xestións que se fan.
Hai que seguir coa formación en TIC`s, sobre todo dirixida aos máis maiores, xa que os xóvenes naceron co ordenador nas mans. A través de estas iniciativas, lograr que ninguén se quede sen poder achegarse a tódalas informacións que deben estar publicadas.
– Que ideas baralla para que a información municipal e todos os avisos, anuncios, bandos, eventos… cheguen mellor e de forma menos desigual a toda a veciñanza, en especial ás parroquias?
– Creo que é moi importante habilitar puntos de información veciñal en tódalas parroquias, para que a xente saiba que se vai a ese lugar, alí poderá coñecer todo o pasa no Concello.
– Que vai facer co Plan Xeral, que se atopa en período de estudo de alegacións
– Sabemos que o Plan Xeral é un documento moi importante para un pobo e por iso, hai que conseguir que o que se aprobe sexa o mellor posible. O feito de que durante o período de alegacións se presentaran máis de 1000, iso fainos pensar que algo non se fixo de todo ben. Hai que mirar con lupa todas e cada unha desas alegacións e tratar de atendelas con todo rigor.
“Que o PXOM tivese 1.000 alegacións fainos pensar que algo non se fixo de todo ben e habería que velas con rigor”
– Que ideas propón para a harmonización e conservación do casco antigo de Rianxo. Tamén se ten ideas para outros núcleos tradicionais do municipio, como Rañó?
– Creo que é moi importante que os que vivimos en Rianxo, sexa no lugar que sexa, teñamos a sensibilidade de manter o noso patrimonio, porque forma parte da nosa identidade e tamén fala de nós. É importante que vivamos o máis comodamente posible, sen esquecer que debemos coidar o que herdamos.
A nosa intención é seguir coas Áreas de Rehabilitación de distintos núcleos do concello e pouco a pouco hai que ir facendo máis atractivas estas zonas para vivir.
– Ten algún Plan de Mobilidade, e mesmo solucións a problemas puntuais como os estreitamentos do Portiño, de Fincheira (preto do hórreo de Castelao, e a Ponte do Té? Ten algún plan de peonalización, carril bici ou via peonil natural entre Rianxo, Asados e Taragoña?
– Hai que buscar a mellor forma de que o tránsito se faga da maneira máis fluída posible, pero hai que ter en conta que debe facerse co consenso de tódalas partes implicadas. Iranse vendo posibles solucións, sempre buscando que se coincida coa opinión xeral.
Debemos facilitar que a xente poida camiñar entre os diferentes núcleos que compoñen o concello. É importante recuperar e manter as sendas que dende sempre foron vías de comunicación e que eran utilizadas antigamente cando a xente tiña que ir aos sitios a pé. Hoxe en día, a xente tamén camiña e por iso que se deben acondicionar os lugares para que se faga da maneira máis segura posible. Hai que intentar ter acondionados todos os camiños que serven para unir os lugares das distintas parroquias e que así podamos coñecer os lugares máis emblemáticos de cada sitio, que os hai e moi bonitos. Para esa tarefa hai que buscar tamén a colaboración de outras entidades, como poden ser as comunidades de montes.
“Hai que recuperar e manter as sendas que se usaban antigamente”
– Ten algunha idea para o Peirao Medieval de Setefogas?
– Debemos, como dixen antes, coidar o noso patrimonio e o peirao de Setefogas forma parte da identidade de Rianxo.
– Á parte das vivendas sociais de Rianxiño, sendo Rianxo o que ten máis demandantes de vivenda, se ten algunha idea máis sobre Vivenda.
– Debemos adoptar medidas para poñer en valor os núcleos rurais. Conseguir que as parroquias teñan tódolos servizos e calidade de vida para que sexan máis atractivas e así fixar máis poboación.
– Que medidas concretas ten o/a Candidato/a para manter a Custodia do Territorio e a fixación da poboación rural?
– Supoño que se referirán a como manter e velar pola mellor conservación dos lugares de dominio público. Creo que hai que tratar de poñer en valor todos e cada un deses lugares, para que sexan destinados ao uso e disfrute da cidadanía. Necesitamos espazos nos que convivir, para crear tendencia de facer cousas xuntos.
– Que tipo de Turismo pretende fomentar o/a Candidato/a, e qué medidas concretas propón aplicar para conseguilo?
– Hai que aproveitar todo o potencial que temos no Concello de Rianxo e utilizalo para diferenciarnos dos demais pobos que nos rodean. Xa somos diferentes en materia de Cultura porque contamos con moitos persoeiros ilustres que naceron no noso pobo. Contamos tamén con tradicións e lugares moi especiais. Pero temos que seguir na busca de iniciativas que nos axuden a diferenciarnos para tentar que os visitantes encontren Rianxo atractivo en tódalas épocas do ano. Temos que intentar que todos os actores implicados se unan para sacar adiante esta empresa tan importante para o desenvolvemento do noso concello.
Deixar unha resposta