Entrevista a Antón Castro, candidato á alcaldía no 2015 por Rianxo en Común (parte 2)

19 Mai

_MG_5144

Nesta ocasión sodes vós, os lectores, os que facedes as preguntas. Velaquí as cuestións que lle quixestes formular aos candidatos á alcaldía de Rianxo. (1ª parte da entrevista). As preguntas nosas están marcadas como (FR). Comentar que Antón Castro non quixo contestar nada por escrito, senón que preferíu quedar en persoa para responder a todo.

– Polo visto, hai catro anos Adolfo falou en campaña de facerse cargo de propiedades eclesiásticas e destinalas a servizos públicos. Catro anos despois a cantidade deste tipo de propiedades que están sen uso ou en estado de abandono está medrando. Ten algo previsto para dar uso e poñer en valor ese tipo de propiedades, as cales na actualidade están en estado semiruinoso ou abandonadas?
– A verdade é que no noso programa non vai ningunha proposta nesta dirección. Saíu nalgunha ocasión e habería que ver como mobilizar ese patrimonio que está parado. Pero aínda non tivemos tempo de abordar algo así e require de traballo. Non temos unha proposta, pero si que nos parece razoable, é unha cousa de sentido común. Determinados lugares, como a reitoral de Leiro, tanto a casa como a finca teñen un valor importante, a reitoral de Asados sería outra, e creo que é de sentido común que se puideran usar. Non sei se a través da presión fiscal.

– Moitas veces fálase de construír novos edificios de protección oficial ou facer centros de día ou outros equipamentos públicos, pero ten pensado algo para poder ocupar os edificios baleiros en vez de construír edificacións novas? É o que pasa co edificio de antigo Liceo Marítimo, do edificio da Casa dos Mestres ou da Aula Activa do Mar que están na maioría sen uso.
– Aí hai unha cuestión absolutamente sangrante que é o do centro de día. Adolfo ten ofertado tanto a finca que hai ao lado do instituto de Rianxiño como o edificio da antiga clínica e non o reciben. É dicir, nun país cunha poboación absolutamente envellecida, parece ser que temos como prioridade construír campos de fútbol con herba artificial (aínda que tamén son necesarios). Pero a prioridade é o centro de día. E é unha absoluta incidencia o que está a facer o PP en relación a ese tema: non mover un pelo estes catro anos e agora falar do tema.

“É unha indecencia o que está a facer o PP co tema do centro de día”

– Cre que é unha cuestión política que se constrúa o centro de día en Rianxo? (FR)
– Sempre é unha cuestión política. Cando hai unha necesidade imperiosa como é esa, só hai que preguntarlle á poboación e sobre todo ás mulleres de mediana idade que están a coidar dependentes e xente maior, é unha absoluta prioridade. Por iso falo de indecencia pola outra parte, porque durante catro anos non movo unha palla para solucionar ese tema e agora si o levo no programa. Entón a necesidade é unha necesidade política do PP, non dos veciños. A nós ese xogo parécenos indecente.

Volvendo ao tema da vivenda, en relación ás casas dos mestres, non o temos analizado de todo, pero non é unha fórmula que nos convenza demasiado. Cando se xunta a un determinado perfil de poboación nun determinado edificio ou barrio non é bo. Preferimos mobilizar as propiedades baleiras dos bancos, aumentando a fiscalidade ou con outras fórmulas que aínda non temos estudadas. Tampouco é que nos pareza mal, pero cremos que pode dar problemas á larga que 12 familias dun perfil moi concreto estiveran nas casas dos mestres, por outras experiencias noutros sitios, xa que as fórmulas máis integradoras son as que insiren as familias en distintos ámbitos, é tamén menos sinalizador. A experiencia parece que fala de situacións conflitivas cando os concentramos.

– Hai algún plan concreto para dinamizar o asentamento de industrias? E o máis importante: hai algún plan ou estratexia para darlle actividade ós moitos locais que están sen actividade no centro de Rianxo, ou incluso a todos os baixos de edificios que nin tan sequera están acondicionados? (botar un vusial dos comerlios e locais valeiros é de pena, pero ver a maioría de edificios que teñen os baixos sin adecentar aínda é moito peor).
– No polígono pódense facer cousas, pero o polígono ten un propietario, e ten un prezo de venda. Supoño que aí se pode incidir. Con respecto aos baixos na vila, poderíanse ver medidas de tipo fiscal para dinamizalos, con incentivos doutro tipo porque, efectivamente, hai moitos baixos baleiros. Pero o que parece haber é falta de ideas de negocio. O que si propoñemos nós e intentar crear un departamento que apoiase ideas de negocio. É dicir, dende que ti tes a idea ata que se plasma na realidade, pasas por distintas fases. A idea pode ser boa ou mala, así que estaría ben que alguén a valorase, que alguén che dixera cal é o seguinte paso, que dimensión tería iso,… Fálase moito do concepto de emprendedor, sobre todo dende a dereita, pero tal e como se usa é unha medio trampa, no sentido de que din que fan falla emprendedores, pero a xente comeza a cobrarche dende o minuto cero e ninguén te apoia nin te aconsella. Ás veces hai cousas moi de sentido común pero que non ten por que saber un rapaz de 25 anos que tivo unha boa idea, e que pode ir ao traste por non ter bo asesoramento. Trataríase dun proceso de seguimento e de apoio, de tal xeito que se ti fracasas e estabas a cero, non quedes a menos dez, que sigas quedando a cero, non cunha débeda enorme. Nese sentido, algo que levaron no Bloque da outra vez foi o viveiro de emprendedores, onde se puideran compartir determinados servizos e o Concello incluso solucionar o tema administrativo. A idea é que o emprendedor teña un colchón para que se a súa idea non vai non pase nada, e se funciona que tire para arriba, que compre unha parcela, alugue un baixo… E habería, claro está, que tomar medidas para que a parcela teña o mellor prezo posible, o baixo conte cun alugueiro razoable, que os impostos do Concello ao principio estivesen moi vinculados ao rendemento do negocio e non tanto á súa apertura física. Porque que ti abras un negocio non quere dicir que vaias ter beneficios.

_MG_5148
Como digo, a nosa idea vai ser sobre todo apoiar e asesorar ideas, porque creo que á principal carencia. De feito, o chan do polígono de Rianxo, comparativamente, non está a mal prezo se tes un negocio que funcione. E se o teu negocio non funciona, sempre vai ser moi caro. Que se pode intentar que o prezo sexa máis barato? Pódese intentar, pero xa digo que iso ten un propietario e con respecto a outros polígonos o prezo é razoable.

“Queremos asesorar os emprendedores, seguilos e apoialos. Fálase moito de emprender, pero cóbranche dende o primeiro momento”

– No último periodo electoral “púxose de moda” que os veciños que querían algún servizo público o tiñan que pagar eles e cederllo automaticamente ó Concello, a cambio de recibir o propio servizo (pagando) e que o concello lle fixera a man de obra da infraestructura. Así se fixeron moitas ampliacións da rede municipal de auga ou de saneamento. Tendo toda a responsabilidade, traballo, previsión e desenvolvemento sobre os propios veciños. En resumidas contas, os veciños pagan o material e o concello fai a obra, para que unha vez lista forme parte da rede pública e a empresa suministradora lles cobre enganches e menuaslidades e o propio concello lles cobre taxas municipais. Hai algún tipo de compromiso sobre como tratar este tema? E hai intención de satisfacer as poucas casas-aldeas do Concello que aínda non teñen saneamento público?.
– Iso si vai explicitamente no noso programa, intentar completar tanto o saneamento como o abastecemento de auga. En relación á outra práctica, a verdade é que a min me sorprendeu que se seguise mantendo neste período, non sei moi ben as razóns, pero é realmente inxusto. A rede de sumidoiros pasa por aquí e eu teño a casa aquí, así que me sae a un prezo X. Pero se ti a tes 200 metros máis arriba, sáeche a un prezo X máis non sei canto. No caso de que tivese que haber unha contribución dos veciños, cando menos debería ser equitativa.

– Debería de compensarse no recibo ou na taxa? (FR)
– Claro, porque coa mesmo o veciño pode dicir “trae a traída por aquí”, e el paga X+5 e eu pago X. Sei que o tema é máis complicado; non sei ben a que responde esta práctica, imaxino que á carencia de cartos, pero satisfactorio non é. Distinto é un veciño que quede sen enganchar polas razóns que sexa, e todo o mundo estea enganchado; pois haberalle que cobrar. Pero moi diferente a iso é un núcleo que non teña o saneamento ou a traída; aí haberá que facer os cálculos de todo o núcleo e o pagamento tería que ser en todos os casos iguais. E se o Concello ten máis solvencia, que parece ser que a vai haber a partir de agora, iso tería que facerse con cartos públicos, ou en todo caso amortizar ese gasto a través dos recibos ou da contribución.

– Que opinión lle merecen as estradas rianxeiras? Por exemplo a estrada que vai do bar Lar a Rianxiño.
– Non teño moita opinión, non sei moi ben a que se refire.

– Entendo que ao acondicionamento, aos baches, ao mantemento.
– Eu vivo nesa zona, saio todos os días por aí, en dirección ao Pazo e Salto de Lobo, si que é certo que ten algún bache, pero xuraría que a día de hoxe está perfectamente transitable, aínda que podería estar moito mellor. Eu aí non vexo un problema moi grave. Outra cousa é que me dixeran que hai un problema de seguridade, e si que penso que hai que facer un traballo cos veciños, para ver se a zona do cruce do Pazo poñemos zona 30. Non é algo que vaia no programa, pero si que é certo que houbo atropelos no seu día alí e é unha zona que en ocasións invita a ir a velocidades que non se corresponden cunha zona urbana.

“A auga debe ser pública”

– Cal cre que debe ser prioridade na política municipal en canto á xestión dos servizos públicos e ao persoal que se asigna a eles, primar a creación de postos de traballo públicos ou a xestión privada dos servizos?
– A xestión sobre todo dos servizos básicos, nomeadamente a auga, debe ser pública. De quen é a auga e para quen é? De todos e para todos. Polo que o hai que xestionar con criterios de ben común, dende o público. E debe ser xestionado con empregados públicos. Non podemos caer en querer dar servizos públicos para crear postos de traballo públicos. Non. Damos servizos públicos porque cremos neles e ao mesmo tempo estamos a dar postos de traballo dunha determinada calidade. Pero non invertir a pirámide, como pasou aquí nalgún momento, con áreas que dende o meu punto de vista estaban hipertrofiadas. A xente toma nisto desas cousas. Teñen que estar para prestar uns determinados servizos aos veciños, porque o contrario é a política Baltar en Ourense: ter 30 bedeis para un edificio. Pero claro, iso non era por crear emprego público e de calidade, era por intereses bastardos.
Queremos servizos públicos, con estándares de calidade equiparables ou superiores ao privado, e non é difícil. Porque o privado, se lle quitamos toda a propaganda, queda nunha mala prestación do servizo, dá igual que falemos de auga, de alumeado ou de telefonía. Distintos sectores que eran públicos e cando pasaron a ser privados ían ser unha marabilla e estámolos sufrindo a uns prezos indecentes.

Pódenos contar que relación laboral ten vostede co seu empregador (laboral indefinido, temporal, funcionario, autónomo… na empresa pública ou privada) e que procesos selectivos tivo que pasar para acadar o seu posto de traballo?
– Eu son profe no instituto de Espiñeira, en Boiro. Son funcionario público. En todo caso, comecei de mestre en 1989 e no 91 xa de xeito definitivo.

Comeczou en Taragoña? (FR)
– Si, estiven previamente un ano, en 1989. E despois, de 1991 ao 2002, durante 11 anos, estiven traballando na escola de Cubide, en Taragoña. Entrei alí por oposición. E tamén por oposición fun á secundaria. E alí levo, en Boiro, dende o 2002 ata agora.

“Non vou facer demagoxia co soldo do alcalde. A non ser que queiramos un alcalde que estea de 8 a 3, de luns a venres”

– Cre que o seu soldo actual é digno para vivir? Que soldo vai percibir vostede como alcalde/alcaldesa en relación ao actual (o mesmo, inferior, superior, e en que proporción)?
– O meu soldo é digno. Máis que o meu soldo, as miñas condicións de traballo son moi dignas. Iso clarísimo.

Con respecto ao soldo do alcalde, préstase a moita demagoxia. Creo que ten un soldo, non estou moi seguro, de 42.000 euros brutos, pero de que falamos? Falamos dun alcalde de 24 horas por sete días, como din os ingleses? Pois ao mellor non é excesivo, porque Adolfo os podería gañar noutro sitio. Non podemos aspirar a ter un alcalde precario, ou si? E se queremos ter un alcalde que durante as fins de semana vaia a non sei onde, e a seguinte fin de semana á festa de non sei que, e se desaparece un rapaz de noite que o chamen os municipais e vaia o alcalde, non é o mesmo que se queremos un alcalde que estea de 8 a 3, porque igual lle hai que pagar doutra maneira. O alcalde seguro que está de acordo en cobrar doutra maneira, traballando de 8 a 3, de luns a venres. Pero iso non é o que lle pedimos ao noso alcalde. O que si que é verdade e que habería que poñer enriba da mesa é se nestes momentos de especial dificultade teríamos que ir a un só cargo político remunerado. Nós, de ser o caso, para apoiar a alguén non imos pedir dedicacións. Iremos nesa dirección. Fundamentalmente o traballo no Concello fano os funcionarios, e o traballo político pode facelo unha persoa, e haber outra serie de persoas que fagan propostas, que xa cobran por asistencia aos plenos.

“No caso de que apoiemos a alguén, non imos pedir dedicacións”

– Como percibe vostede a modernización tecnolóxica na administración local asociada coa apertura e a transparencia, a e-administración, a participación cidadá…? Que medidas e proxectos vai impulsar relacionados con este eido?
– Houbo un paso adiante, pero cremos que se pode ir un paso máis alá. Ao mellor hai vontade política para ir máis adiante, pero ao mellor non hai xente para facer ese traballo. Pero si que pensamos que a páxina do Concello debería xogar un labor máis importante no tema de conseguir unha maior transparencia. E tamén na comodidade dos veciños: se eu podo resolver algo dende a miña casa, detrás do ordenador, non teño por que desprazarme. Nese sentido, moi poucos procedementos se poden resolver así. Tamén cremos que en cada parroquia debería haber algunhas zonas wifi. Hai rapaces con dificultades de acceso, e iso pode marcar fendas, polo que non queremos a ninguén desconectado por non ter un punto de acceso gratuíto.

“A web de Concello debe ofrecer máis transparencia e comidade aos veciños”

– Que ideas baralla para que a información municipal e todos os avisos, anuncios, bandos, eventos… cheguen mellor e de forma menos desigual a toda a veciñanza, en especial ás parroquias?
– Aínda que poida interpretarse como dar un paso atrás, máis que tirar polo ordenador/tablet, tiraría do teléfono, do SMS/whatsapp. Está moito máis universalizado e ten máis penetración nas distintas capas sociais. Raro é atopar alguén de 50-60 anos sen whatsapp no seu teléfono, debo ser eu o único. E hai que seguir tirando dos municipais, porque hai un sector da poboación que aínda non se sumou a esta tecnoloxía.

Por outra banda, hai zonas do Concello, incluso na vila, con moi mala conexión a internet. Iso é algo a traballar. Nós aquí conexións rápidas poucas, a través de R, pero os que están por redes de cobre bueno, bueno, bueno,… Fai moita falta, incluso no centro da vila. O outro día comentábanme as carencias en Leiro, en Taragoña… E niso habería que traballar, para solucionalo, porque iso marca unha fenda ao necesitares a conexión para vender, para falar co provedor, para traballar dende a casa… Hai que mellorar a velocidade de acceso.

Rianxoencomun

– Que vai facer co Plan Xeral que se atopa en período de estudo e alegacións?
– É urxente que o Plan Xeral se aprobe canto antes, porque van moitos anos con normas subsidiarias e van moitos cartos gastados. Paréceme moi importante que se aprobe, agora ben, está en período de alegacións e hai moitas cousas que deben ser atendidas, aínda que tamén hai que saber que hai outras que veñen rexidas por normativas superiores que é inútil modificar. Por exemplo, as porcentaxes de expansión dos núcleos rurais veñen marcadas por marcos superiores igual que todo o tema da Rede Natura. Hai que atender as alegacións atendibles, e despois ver unha serie de cuestións como as alineacións no rural. O técnico tería idea do que facía, pero alí onde hai viais de 6 metros estendelos ata 8, 10 e 12 parece que vai lograr o contrario do que pretende: alí ninguén vai mover nada. Iso habería que revisalo, como algunhas zonas que hai aquí en Rianxo, Taragoña, Asados… que eran zonas de licenza directa, onde unha persoa, cumprindo uns requisitos lograba converter o lugar en urbanizable, facéndose co 51 % do terreo para despois poder construír, tendo que encargarte ademais da urbanización. Cremos que a figura previa estaba mellor, daba máis autonomía. E está a ampliación da zona industrial do polígono en dirección a Asados e ao río. Tal como está a situación parécenos excesivo. Ademais afecta a vivendas e persoas e aproxímase demasiado ao río, que xa bastante preto está del, e non nos parece conveniente esa ampliación. Dito isto, aprobando as alegacións que fosen, sacalo para diante, que creo que dá seguridade.

– Que ideas propón para a harmonización e conservación do casco antigo de Rianxo?
– O casco, que está dentro dunha área de rehabilitación integral, creo que o mantería así. O que si, se fose posible, incrementar partidas, aínda que o vexo complicado pola situación na que estamos. O casco antigo vémolo bastante ben integrado. O que si, habería que facer esforzos por integrar urbanizacións como a Martela ou a Virxe de Guadalupe co casco, e para iso os urbanistas teñen solucións. O que queremos é que Rianxo, que é relativamente pequeno, siga mantendo esa idea de núcleo.

“Hai que integrar o casco con urbanizacións como A Martela ou A Virxe da Guadalupe”

– Tamén se ten ideas para outros núcleos tradicionais do municipio como Rañó?
– Onte fixemos unha andaina e estivemos en Rañó, que é unha das zonas do Concello onde se fixo un esforzo de urbanización. Así que entendería que si me preguntara por outros núcleos rurais, pero estes días vin Rañó ou o entorno do Pazo dos Calotes no Araño e as súas intervencións así que, ou non entendo a pregunta, ou ao que habería que aspirar a que o 90% restante dos núcleos tivesen intervencións dese carácter.

– Ten algún plan de mobilidade?
– Sei que hai un plan de accesibilidade, que cubría dalgún xeito aspectos de mobilidade, así que o habería que revisar. Sei que ten uns cantos anos e non sei se o habería que actualizar. Habería que mellorar tamén a accesibilidade aos edificios públicos.

– Ten solucións a problemas puntuais como os estreitamentos do Portiño, de Fincheira (preto do hórreo de Castelao, e a Ponte do Té?
– No estreitamento do Portiño hai que descartar absolutamente tirar as casas. Ademais hai informes nese sentido. Eu sei que aquilo é un incordio para o tráfico pero non sei se é tan importante como para que xustifique un pequeno recheo. Agora ben, iso está situado nun lugar que, sendo un incordio para o tráfico, non se coñecen alí accidentes. Quizais porque os accidentes son froito da velocidade e da falta de atención e xusto iso impídeche que vaias moi rápido e obrígate a ir atento, así que ao mellor está contribuíndo a mellorar a seguridade na Ribeira. E se facemos unha intervención, os coches poden correr moito máis e poden haber accidentes.
O de Fincheira podería quedar aliviado en parte pola circunvalación de Rianxiño. É un pouco o mesmo que na Ribeira, é un incordio pero non coñezo que houbese alí grandes problemas. O maior incordio incluso é para a xente que vive alí. Por outra banda, con respecto ao tema da circunvalación, o que máis me preocupa é que vai por diante do Instituto onde, seguramente a algunhas horas do día haxa a maior densidade de xente de Rianxo. Coincide ademais cunha recta e unha estrada moi ancha polo que habería que tomar medidas.

_MG_5156
– Ten algún plan de peonalización, carril bici ou via peonil natural entre Rianxo, Asados e Taragoña?

– Non temos nada disto no programa, pero o que si temos falado é que Rianxo, Asados, Taragoña, Araño, Leiro é unha zona que se presta para moverse en bicicleta pola orografía. Iso non se contemplou no seu día e non sabemos se agora sería adecuado, utilizando vías secundarias, que non sempre son máis seguras que as outras. E despois en todo ese perímetro habería que falar das zonas 30. Nós non somos de converter o coche no rei, xa que a xente tamén se move a pé ou na bicicleta. Igual sería un bonito proxecto, pero habería que mirar se é posible.

– Ten algunha idea para o peirao medieval de Setefogas?
– Tampouco levamos nada no programa, pero como dicía unha vez un mariñeiro, Setefogas tenlle sido dunha enorme utilidade, un sitio moi seguro antes desta última intervención no outro peirao. Dicíame que Setefogas era un sitio fundamental, pero agora os mariñeiros case non o usan. Creo que se ía facer o Museo do Mar pero iso supón moita pasta de conservación e tal. Non sei se nolo podemos permitir. O que si se pretende no eido turístico, pero non xa só en Rianxo, senón case en Galicia enteira, é tomar exemplo do que se fai en zonas como Gran Bretaña e Italia que vas ver un peirao e tes varias empresas que se dedican a distintas actividades no mar, dende pesca ata vela ou surf. Aquí non o hai. Entón sería un bo espazo para algunha iniciativa dalgunha empresa relacionada co mar. Habería que ver o tema das mareas, porque a veces Setefogas queda en seco, pero podería ser outra opción. Nós o do museo, neste momento, non o acabamos de ver porque esas embarcacións requiren persoal e mantemento.

– A parte das vivendas sociais de Rianxiño, sendo Rianxo o que ten máis demandantes de Rianxo, ten algunha idea máis sobre vivenda?
– Eu a verdade é que non coñezo ese dato, non sei se Rianxo é o que máis demandantes ten de vivenda. Sorpréndeme dado como está a poboación, que perdemos habitantes. Como xa falamos na outra parte da entrevista, o tema das casas dos mestres non nos parece unha mala iniciativa pero parécenos que as pode haber mellores, como mobilizar as vivendas que teñen os bancos. Porque non se hai que olvidar que esas vivendas foran pagadas por nós. E que rescatamos aos bancos, non rescatamos aos moradores, a esa xente que pagou moi duro a aventura de comprarse un piso “por enriba das súas posibilidades”, entre comillas; pero resulta que quen llo vendeu non pagou en absoluto, pagamos nós. Esas vivendas, dende o noso punto de vista, son nosas, pois están pagadas cos nosos cartos. Hai que ver a posibilidade de mobilizalas a favor do colectivo.

“Nós rescatamos os bancos, non a xente, e hai que mobilizar as vivendas dos bancos a favor de todos”

– Que medidas concretas ten para manter a custodia do territorio e a fixación da poboación rural?
– Complicado, pero non só en Rianxo, complicado en Galicia. Sabemos o que está pasando, de todas formas, moi modestamente nós, coa colaboración do Concello, estamos mantendo a iniciativa de Sachos á rúa. A alimentación está mantida por multinacionais, incluso aquí en Rianxo ou no resto de Galicia; e se os franceses queren que deixemos de comer un determinado produto, deixamos de comelo. Entón, a iniciativa de Sachos á rúa busca recuperar o cultivo da terra, que tan denostado está, pero que non ten porque estalo, porque non é igual que facelo en 1950 . Isto tampouco ten que ser cultivar a terra para venderlle a un provedor que che leva o produto sen dicirche canto que che vai pagar e que despois que che vai pagar a 3 ou 6 meses. Nós algunha proposta temos nesa dirección, como o banco de terras municipal onde se poidan ceder ou alugar os terreos baldíos coa garantía de que se poidan recuperar en 4 ou 5 anos ou seguir alugándoas. Así que se logramos conseguir un circuíto comercial e unha base territorial razoables moita xente animaríase e incluso podería ter un efecto chamada.
Por outra banda, hai xente que busca construír no rural e se atopa núcleos coidados como o de Rañó, iso é máis atractivo que se te encontras unha aldea chea de silvas.
A custodia do territorio parécenos moi necesaria. Pero claro, dicimos que como é posible atoparnos un mosteiro cheo de silvas, pero non nos alarmamos cando vemos uns eucaliptos nunha zona agraria. E iso ten que ver tamén coas construcións dos nosos antergos, que durante 300, 400 ou 500 anos estiveron collendo materia orgánica do monte e poñéndoa alí para quen fora unha zona agraria rica. O planeta carece de zonas agrícolas suficientes, cando nós as temos e as estamos desbaratando.
De todos os xeitos hai que lograr políticas de consenso no relativo ao envellecemento da poboación. É máis, cando escoito iniciativas son dunha simpleza enorme, que non responden a unha situación que é alarmante.

– Que tipo de turismo pretende fomentar?
– Hai moita xente buscando unha marca e entorno a esa marca construír algo, como a marca España. Danos a sensación de que Rianxo ten unha marca pero non sabemos que facer con ela. Rianxo para un nacionalista galego dun ou outro signo, non é calquera lugar, é o sitio no que naceu Castelao. Así que hai un 25% da poboación que é de clave media acomodada e con capacidade adquisitiva para a que Rianxo é un referente.
Aquí hai que facer unha aposta clara e mantela. Houbo boas iniciativas pero que non seguiron, como rutas a pé utilizando cruceiros, hórreos, fontes, mámoas e petróglifos. Non houbo continuidade. Hai que involucrar ao sector hosteleiro, como as casas de turismo rural, hostais e restaurantes e intentar ofrecer paquetes. Hai que mellorar tamén o tema de guías, así como o horario de apertura dos museos.
Hai un gran potencial nas rutas de sendeirismo a pé ou en bici nas parroquias, para poñer en valor o noso patrimonio natural.

“Hai que involucrar ao sector hosteleiro e ofrecer paquetes”

No seu día fixemos unha aposta polo turismo de sol e praia, para o cal temos moi escasas condicións e por iso nos cargamos literalmente, como recoñecen os veciños de Rianxo, a praia de Tanxil, que non nos resulta tan atractivo e entrañable. Nós non temos as condicións que ten o Grove ou Boiro, pero temos outras bazas e temos que xogalas. Habería que impulsar iniciativas que xa hai de turismo activo como barranquismo, kayak… Onte precisamente, fixemos unha camiñata polo Ulla ata Isorna e parece que o Ulla non é noso, cando tamén o é coma o Té. É moi bonito e ten posibilidades e parece que vivimos de costas a el, que é a nosa parte de atrás, cando é unha auténtica marabilla.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: