Entrevista a Mari Carmen Figueira, candidata á alcaldía de Rianxo no 2015 polo PSOE (parte 1)

12 Mai

IMG_7031

Quedo con Mari Carmen na sede do PSOE, para estarmos tranquilos e non ter o típico ruído de bar de fondo á hora de transcibir a gravación. Ela leva o fío da conversa. Comeza falándome do debate televisado, de que a xente lle comentou que non parecía unha política, senón alguén normal, pero que se sente orgullosa diso e que en persoa sabe que gaña. Tamén me fala de que estes últimos anos estivo apartada da vida política por unha enfermidade e da responsabilidade que ten agora como cabeza de lista. De feito, xa fóra das preguntas, comenta que en Rianxo sempre houbo unha rosa gobernando e quere que volva.

-Antes de nada, quería preguntar polo terrible golpe que foi para o partido o falecemento de Carlos Gey, que todo o mundo dicía que era un traballador incansable para o Concello. 
– Realmente era un traballador incansable, non paraba. Moitas veces tíñalo que poñer na terra, porque era un creador a todas horas. Foi unha perda moi grande, por iso agora me encontro eu nesta situación, eu case estaba decida a acompañalo de número 2. Despois vinme reflectida cando tiven que contactar coa xente para que me acompañara na lista.

– Agora tócache a ti asumir o liderado no PSOE en Rianxo.
– Cóstache dar o paso pero eu tiña o compromiso con Rianxo. Aínda que non teñas un bariña máxica, creo que son unha persoa que sei o que hai e intentarei adaptarme ao que teño. Moitos preguntan polo programa que vas levar, pero sexamos realistas, neste momento quen me dera a min poder ilusionar, pero eu non podo prometer cousas, aínda que a Xunta o fixera, despois hai que enchelo e mantelo. Entón, teño que ver se é estritamente necesario.

– Como veu a xestión de Gey?
– Unha das cousas que sinto é que non estea el para defender a súa xestión, porque non estiven directamente nas negociacións que houbo esta lexislatura, non vivín realmente o bipartito, pero sei que moitas das iniciativas e ideas que agora ten o alcalde son tamén de Carlos Gey. Non quero quitarlle mérito aos outros, pero eu sei que unha cousa que tiña en mente era ver que edificio se podía prestar para un viveiro de empresas. Podes ter unha idea e paréceche que podería resultar pero se pensas que tes que alugar un local, poñer unha instalación… iso xa che supón demasiado. Pero en cambio, se tes un espazo, aínda que non sexa moi grande onde poderías desenvolver esa actividade, si te atreves. Nese sentido, Carlos estaba moi metido. Era consciente de que había que facilitarlle as cousas á xente que tiña ideas. Tamén estaba a ver a posibilidade de que, na praza de abastos, a xente que está alí en concesión e tivo que adaptar o seu espazo e facer unha inversión, ver a maneira de habilitar uns postos nos que o que quixera intentar facer alí algo, tivera que pagar só un aluguer. Creo que iso é unha maneira de fomentar o emprego, de animar á xente a que dea o paso e o intente. Poucos son os que acertan á primeira, hai que intentalo. Nestes momentos tes que pensar que o de ser funcionario está “chungo, chungo”, que che contraten nas empresas tamén é difícil e non nos queda outra que ser emprendedores e fomentar o cooperativismo. Non fomos educados nese senso, sempre tentamos ter todo nós (compramos un tractor e todos os accesorios, non compro un tractor e outro os accesorios e compartimos). Na unión está a forza. Non nos debemos de ver como inimigos, sempre que un prospere, a ti de retorno tamén che a ir ben, paréceme a min. As experiencias de cooperativismo que houbo neste concello, creo que só foron no textil, pero creo que ao mellor é hora, mesmo en servizos sociais que é outra das cousas que eu teño en mente.

“Moitas das iniciativas e ideas que agora ten o alcalde son tamén de Carlos Gey”

– Era unha das áreas ás que te adicabas no Concello.
– Cando eu estaba en servizos sociais, cando estábamos co centro de día, barallábase a residencia. Eu recordo que fóramos a Vilasantar e Vimianzo , onde había experiencias de vivendas titeladas. Nós temos a sorte, non é que sexamos un pobo rico, pero temos unhas casas adaptadas, vivimos comodamente, e ao mellor o futuro dos servizos sociais e da atención dos maiores é unha rede social de persoas que poidan atender o meu familiar mentres eu non estou. Son moi bonitas as residencias pero todo ese investimento, ese mantemento, ese desprazamento é complicado e hai que pensar realmente na xente, o cómoda que está na súa casa e que podería seguir tendo unha dinámica parecida, como se estivese o seu familiar, que realmente está, pero a outras horas. Que teñas a garantía de que podes desenvolver o teu traballo e cando voltes ti segues facendo o mesmo e unha vida de familia coma sempre. Creo que por aí tamén hai que animar á xente e ver que non só as infraestruturas son necesarias.

IMG_7042

– Preséntaste por primeira vez de cabeza de lista, pero que non é a primeira vez que estás involucrada coa política local.
– Non, estou dende o 99. Cando a miña filla tiña 7-8 anos e el 8 meses, propuxéronmo. Eu estudei filosofía e gustoume, entón sempre fun un pouco idealista, no sentido de axudarlle á xente. Seguro a ti che pasa tamén, pásalle a moita xente: estás nun sitio onde ves alguén indefenso, sobre todo maior, e dáche ganas de axudalo, porque che doe. Nese sentido, sempre estiven preocupada por se podía mellorar, pedir algunha cousa. Recordo que en Isorna intentaramos arranxar camiños, porque agora as pistas case todas están acondicionadas, moitas son estreitiñas, pero podes pasar, pero daquela había lama; xuntouse a xente, tratouse de colaborar co concello, é dicir buscar que a xente faga cousas no conxunto. Nese momento, ti sénteste involucrado. Entón, aínda que naquel momento tiña un bebé de oito meses, propuxéronmo e aceptei. Naquela primeira lexislatura (1999-2003) fun concelleira de parroquia, importante para min porque realmente é alí onde ti debes ver se a xente o pasa mal, porque realmente a xente que o está pasando mal ao mellor non o di. Na seguinte (2003-07) fun de servizos sociais, aí tamén me gustou porque realmente do que eu poda aportar e saber gústame que ti poidas aproveitalo se queres. Entón, se na miña man está que ti non tropeces na mesma pedra fareino, non esperarei a ver se se mata, non vai comigo. Nunca farei algo que non me gustaría que me fixesen a min. Son incapaz. Na última (2007-11) fun concelleira de educación e cultura e economía e facenda. Imaxínate que bicefalia máis mala de levar, onde sabes o que realmente hai e no outro onde gastamos cartos pola cultura por suposto, que tamén é facer pobo, pero realmente aí entramos xa onde hai xente que di menos cultura e máis bacheado; tes que tratar de buscar o entendemento cordial entre todo o mundo. Aí foi onde me formei para dar este paso, porque aínda que non era eu a que tomaba as decisións últimas. Teño estado en moitas ocasións nas que non estaba o alcalde e ves que a xente vén coas necesidades, moitas veces tes que escoitalos, porque eles veñen con seu problema e queren que os escoites e despois ao mellor ti tes que tratar de pincelar; ao mellor ese problema é ata certo punto público e despois hai que facerlle ver ata onde podemos axudar. Hai que ser moi psicólogo e facerlles ver que hoxe viñeron pedirche algo que non lle correspondía (por exemplo por ser a súa parede) e para a próxima van vir con outra demanda que xa contemplara máis o ben común. Eu creo que iso é posible. Outra das cousas que teño claro é que se me toca a min ser a alcaldesa non esperarei a que veñan min, a min gústame ir ao sitios e ver alí ou incluso darte conta dalgunha necesidade, porque en moitos lugares estás ao teu e ao mellor non vas ao concello. Que vexan que tamén dende o Concello xa coñeces algunhas das necesidades. Hai que ser cercano á xente, falarlles e escoitalos, no seu ámbito a poder ser.

“Se son alcaldesa, non esperarei a que veñan a min. Gústame ir aos sitios”

-Rianxo, historicamente foi un concello que nas locais votou ao PSOE. Levaba moitas maiorías. Non obstante, nas últimas municipais fragmentouse moito o voto. Que cres que pasou?
– Nós pasamos de ser os primeiros a ser os terceiros; hai que ser realistas. A verdade, non o sei.

IMG_7055

– No seu día había un político moi carismático en Rianxo, que era Pedro Piñeiro…
– E ao mellor Carlos Gey non cubríu esas expectativas que se esperaban. Non o sei. O que si sei é que era un traballador incansable, onde había un problema por Rianxo e pola súa xente alí estaba. Porque eu polo único que estou descontenta na miña actuación no debate televisivo é que debería ter defendido máis a xestión de Carlos Gey, que non deixa de ser a outra parte do bipartito. Porque no xeito el deuno todo. É certo que cando houbo que ir a Bruxelas foi o alcalde, pero Carlos Gey estivo alí onde era necesario. A xente sábeo, pero parece que se non o dis non se fixo. Grazas á xestión de Carlos Gey o concello está como está, teño que defendelo. Contra Adolfo e contra os seus compañeiros non teño nada que dicir, porque foron quen de apartar as diferenzas e facer un goberno estable. Iso é de agradecer. Pero teño que defender a parte de Carlos Gey e sei que era moi importante e que era a cabeza que movía. Estou triste pola súa falta e tamén por non ter falado con el destas cousas, porque nos dous últimos anos estiven apartada [refírese ao cancro de mama que padeceu].

– Pero eu non falaba tanto da xestión destes últimos 4 anos como do cambio que houbo nas últimas eleccións. Non sei se aí cres que puido influír a última etapa de Pedro Piñeiro, coa inhabilitación que tivo por prevaricación.
– Eu creo que non, porque pasou iso e está aí. Pero Pedro, alomenos diante dos meus ollos, todo o que fixo foi por Rianxo. Non naceu aquí, pero é un rianxeiro dende hai moito tempo. Ía alí onde fora por Rianxo e só hai que ver as cousas que temos grazas á súa xestión. Isto dános pé á famosa débeda. Hai que saber onde nace, porque claro, dicíanche: “Queres unha piscina? Pois nós dámosche 1,5 millóns e ti tes que poñer medio. Quérela ou non?”. Que ías dicir, que non? E aí está o campo de fútbol ou o auditorio e quero que a xente sexa consciente de onde vén, porque non é que o comera e se fora, é que está aí. Había unha débeda, pero había un plan económico-financeiro para facer fronte aos pagamentos necesarios. Non me meto se a débeda é máis ou menos, pero se queríamos ter o que temos, había que endebedarse.

– Pero non cres que antes da crise houbo administracións, a todos os niveis, nas que se gastou…
– Un pouco alegremente?

– Si.
– Pois pode ser.

“Pedro Piñeiro, todo o que fixo, foi por Rianxo”

– Aí están os casos coñecidos da Cidade da Cultura, da débeda de Madrid ou da Comunidade Valencia.
– Si, como digo eu parece que os cartos nacían dunha bolsa e non se acababan. Ao mellor si. Por iso é importante ter unha visión de como queres ser e despois intentar selo, pero non estirar máis o pé do que tes á man. Xa se sabe que neste momento tes unha serie de gastos fixos enormes, como o alumeado público, nos que tes que ir aguantando o alento. Aínda que os datos macroeconómicos din que estamos saíndo da crise, aquí a xente aínda non o ve e temos que ser realistas e aprender algo do que pasamos. Rianxo neste momento a infraestrutura que necesita é o centro de día. E xa que imos ser os últimos, non sei se o dixen no debate, ao mellor deberíamos pedilo especializado, onde fixeran terapia para que non avanzara a enfermidade dos maiores. Hai que ser conscientes da nosa realidade e non vivir nos mundo de Yupi. Eu xa estiven na intervención e vendo gastos fixos altos como os soldos, dicías: “E como recurto eu aquí sen levar a cabo medidas drásticas que ninguén entendería nin eu querería facer?”. Pois agora o que hai que facer é terminar de pagar e aguantar un pouco máis. Respecto dos impostos, non me preguntaches, pero aplícoos como se fora para min. Sei que hai moita xente que o está a pasar moi mal, pero hai que facer moita pedagoxía co tema, dicirlle aos cidadáns que cos impostos podemos facer aquelas cousas que necesitamos. Aportemos cada un da nosa parte para poder aforrar e facer cousas. Lembro cando as escolas unitarias e os colexios ían de visita ao Concello, porque creo que é necesario achegar a administración ao cidadán, para que non o asocien só a ir cando hai un problema. Tamén podes ir dar unha opinión, porque é a casa de todos. Moitas veces pénsase que o Concello fai cousas por amolar. Non. Está por servirnos o mellor posible. Sei que non imos contentar a todos, pero intentámolo. Hai iniciativas que che parecen boas e non callaron ou non eran como as plantexastes. Tes que estar en continua comunicación coa xente para que eses proxectos sexan ben recollidos porque estás aquí por eles. Porque neste caso me tocou a min e non íamos quedar sen candidato, e non miro só a quen me poida votar, intento falar con todo o mundo. Xusto o día antes da presentación, por poñerche un caso, fixemos uns dípticos coa lista que lle fun dando pola rúa á xente. Coincidiu con que fun cara un do Bloque e sabíao e cando llo quixen dar díxome “non, non”. Eu xa sabía que era do Bloque pero eu colleríao, aínda que só sexa por informarse. Eu vou dentro dunhas siglas e temos uns ideais pero intentarei que a xente non só mire o partido. Teño a obriga de convencer, espero parecerlles unha persoa digna de representalos, que saiba pedir onde haxa que pedir, escoitalos e estar con eles cando haxa que estar.Espero ser un deles. Por iso o lema que eliximos foi: con vós sempre. Porque realmente, aínda que esteas coas siglas dun partido, que nunca me veña cunha iniciativa que prexudique o meu pobo. Primeiro é o meu pobo.

PSOE_Rianxo

– Cres que haxa ou non un centro de día en Rianxo depende da cor política que goberne?
– O que pasou nesta lexislatura parece dicirme que si, pero a min gustaríame que cando as urnas falen, cada un no seu posto ben gobernando ou ben na oposición, faga todo por Rianxo. Paréceme que as eleccións son unha avaliación continua. A min non me poden valorar estes catro anos, pero teñen unha referencia de cómo era antes. A xente que me coñece sabe que teño experiencia política e sei como funciona. Pero que desde o Partido Popular se insinúe que se entran eles vai haber centro de día non me cabe na cabeza. Facer oposición, para min, e que lles constara positivamente nas eleccións, sería que hai media lexislatura, hai un ano ou tres trouxeran propostas, algo que o equipo de goberno aplaudiría porque se estaban traendo cousas para Rianxo. Ao meu entender como cidadán non é admisible ese argumento de eu son eu traio. Non. Trouxéralo antes, porque non vin que o intentaras. A oposición debe ser construtiva e cando dis non a unha proposta, que sexa porque tes outra. Estás a fiscalizar, por suposto, pero tes a obriga de contribuír no progreso de Rianxo.

– Teño que preguntarche por algo que saíu na prensa sobre un acordo firmado por Pedro Piñeiro con Viaqua no cal se dicía que o servizo era deficitario e había que pagarlles uns 188 mil euros ao ano. Non sei se estás ao tanto desde tema e cres que habería que pagar ou non.
– Eu ese tema non o vivín. Sei que este tema era pola ampliación da depuradora e que eles alegaran que por eses novos gastos que tiñan había un desequilibrio económico. Pero ti tes unha concesión e pode dar perda nun lado pero ao mellor no seu conxunto non. Non sei se os técnicos do Concello non entendían probado o desaxuste económico no seu conxunto. Eu supoño que naquel momento pensaron que era a mellor opción. Deixábase iso para que a seguinte corporación seguise con iso ou fixera doutra maneira. O que me sorprende a min agora é que despois de catro anos, o fagamos ao final. Eu son das que penso que unha vez aparece un problema hai que presentalo e resolvelo entre todos, canto antes. Se algo afecta a varias partes deben enterarse todas, sabelo. Supoño que intentarían chegar a un acordo e ao final non o conseguiron, pero catro anos paréceme excesivo. Ao mellor tiña que estar xa isto finiquitado moito antes.

“Sorpréndeme que o de Viaqua saia despois de catro anos”

– Como valoras en xeral, estes catro anos de goberno BNG-PSOE en Rianxo?
– Tiveron unha entente cordial e deron imaxe de estabilidade, tratando de facer equipo. O que si, teño que tratar de diferenciarme, ou eu intentaría telo feito. E habería que manter as cousas, porque por exemplo o Parque Galicia, que non o vexo ben nin sei se funcionarán todos os mecanismos que hai alí.

– Refíreste ás fontes?
– Efectivamente. Xa digo que falo dende a ignorancia, pero véxoo moi parado e se queres poñelo agora a funcionar igual xa vai custar moito. Eu iría moito por manter as cousas e non deixalas abandonadas, como as áreas recreativas. Unha das cousas que se oe é: “O alcalde de Rianxo tiña que ser de Rianxo”. De Rianxo e das parroquias, porque tamén teñen dereito. Eu son dunha parroquia e non me teño nin por máis nin por menos. Rianxo para min somos todos e temos que tratar de mellorar o noso sitio. Ao mellor boto de menos que non haxa un parque infantil homologado en cada parroquia e iso tamén é cohesionar a poboación. Igual era necesario consensuar coa xente o sitio no que ven un punto de unión.
A situación económica hai que recoñecer que era difícil, non había recursos e polo que se ve non lle fixeron caso arriba. Aínda así, foron facendo o que puideron. Pero eu botei de menos un maior mantemento e nas pistas non deixar que o bache se converta en fochanca. Tratar de que a auga non traballe, ter limpo e aguantar o alento, que vai ser a miña frase nesta entrevista (risas).

“Rianxo para min somos todos e temos que tratar de mellorar o noso sitio”

– Na vosa lista sodes a formación, xunto co PP, que máis mulleres leva. Moitas veces fálase de igualdade, pero non se leva adiante.
– Si, nos levamos 9 mulleres e 8 homes. Fixemos unha lista paritaria e intentamos cumprir a lei de paridade. Respecto da xente que me acompaña estou moi contenta. Aínda que é xente sen experiencia, son persoas coas que calquera se pode identificar. Porque como digo eu, ao mellor ti eras unha persoa excelente e moi indicada para formar parte do meu equipo, pero eu non o sabía. Eu buscaba xente preparada e tratei de sacarlles os medos, aínda que eu tamén os teño. Non son “mitinera” eu, non me gusta, pero sei que hai que pasar por iso. Pero realmente o que me interesa é que ti teñas dentro un político bo, que vaias pola rúa e vexas algo que falle e deas aviso, que teñas a inquietude de facer algo polo teu pobo, que mires polo ben común. Así que dende a inexperiencia que teñen, veñen da rúa, están entre a xente, que é onde se senten as necesidades e onde temos que estar. Esquécete de vir aquí a gañar algo a nivel económico. Non. Aquí vés gañar en satisfacción se coa túa xestión Rianxo dentro de catro anos está mellor e a xente sente que en Rianxo ten o que necesita. Creo que non é feliz quen máis ten, senón quen menos necesita. Ti, se tes unhas necesidades reais, con sentido común, pois mírase, vendo se despois iso se pode manter e sen deixarse levar por enaxenacións.

– Tedes elaborado o programa coas principais liñas de actuación?
– Estamos a traballar dentro desa realidade coa que nos atopamos. Estamos preocupados polos nenos e pola xuventude, que non ten un sitio no que poder estar. Antes en Rianxo había marcha, e estaría ben que os nosos fillos e fillas non teñan que irse a Boiro, por exemplo, que poidan quedar aquí sen molestar. Cando eu saía chegábamos ás 3 da mañá, e agora sáese á esa hora. Sería algo que teríamos que consensuar con todo o mundo, para poñernos de acordo, como co tema do medio ambiente. Ese é o camiño á hora de facer unha sociedade. Son consciente de que iso é importantísimo. Na lista vai xente moi nova, pero é importante non desvincularse moito da política, porque senón vén unha ditadura e volvemos atrás. O que temos que dar é exemplo, facer unha política boa, cambiando dunha vez por todas isto. Cando estiven no Concello entraba por un lado e saía polo outro, saudaba a todo o mundo, levábame ben con todo o mundo, creo que ninguén pode dicir que se leva mal comigo, porque sempre dei o mellor de min. Cando había un problema, falábase, e se non estábamos de acordo, ti pensas o teu e eu o meu. Hai que tratar de colaborar. Eu sempre intentei estar coa xente, escoitalos e axudalos na medida das miñas posibilidades. O outro día, precisamente, dándolle o díptico a unha señora, díxome: “Ai, de política non quero saber nada”. Deixeina, comenteille que era algo necesario e creo que non o tirou. O caso é que dous días despois xa me falou doutra maneira, pero de entrada, coa que está a caer, a política non está ben vista. Pero a xente ten que pensar que a política é necesaria. Hai que facer política boa, pensando no ben común, mirando os cartos de todo máis que se foran os meus. Os meus cartos non os miro tanto como aquí, porque teñen que dar para aquilo e non nacen dunha bolsa, como ao mellor pensan algúns. Estamos nunha época mala para facer política, pero teremos que facer política boa, onde se vexa que a xente normal pode xestionar un pobo e sacar cousa para adiante, con sentido común. Eu teño esperanza de que isto reflote, porque senón, cara onde imos?

“Hai que facer política boa, pensando no ben común”

– Cales son as vosas expectativas nestas eleccións?
– A nosa actitude vai tratar de convencer a xente de que voten, e máis a nivel local. Voulles pedir que miren as listas, eu non vou desacreditar a ninguén, por suposto, pero que miren as listas, quen as compón, e que voten con que se senten máis identificados, con quen vexan que os poden representar dignamente. Xa non vou dicir que sexan de Rianxo, pero polo menos que coñeza as necesidades de Rianxo. E ao que lle toque gobernar, aínda que do outro lado non haxa un goberno amigo, esas portas hai que abrilas, son moi importantes as relacións coas outras administracións. E recordar que cando son elixidos din “Gobernaremos para todos por igual”. Pois entón é hora de pedirlles contas, de dicirlles que cousas necesitamos. É máis, se do outro lado houbera un goberno amigo, non me gustaría que me deran de máis, gustaría que me deran o que necesito, e que lle deran o que necesita a outros. Cando digo isto, dinme “Ti es gilipollas, ninguén fai así”. Pois eu si. Quero se non es amigo me deas o que necesito, e se es amigo tamén o que necesito. Daríame cousa que nós esteamos bacheando como podemos e que outros boten aglomerado, porque se está a castigar a xente sen ter por que. Iso paréceme inxusto e ten que acabar xa. A política ten que ser política boa.

IMG_7047

– É unha política de zancadillas?
– Efectivamente, de defender unhas siglas moitas veces. Algúns queren gobernar por quen goberna, sabes? Eu teño esperanza de mostrarlle á xente o que levo dentro. Non me importa saber de moitos plans estratéxicos e de lexislacións, cando o que tes que ter é querer traballar por Rianxo con todo o que tes ao teu alcance. Para outras cuestións xa tes os técnicos. Hai que tratar de sumar e de sacar o mellor de cada un.

“Menos ser alcaldesa, no Concello fixen de todo”

– Entendo que vos presentades coa idea de ser a forza política máis votada. Pero vista a experiencia da última lexislatura, repetiríades acordo de goberno?
– Neste momento, toda a miña forza vai ser intentar convencer a xente, votantes do PSOE ou do PP, de que podo ser unha digna representante e facer unha boa xestión. Moita xente coa que me encontro dime que non tiña pensado ir votar e que agora me di que vai ir; non podes crer a todos, pero ves que en ocasións non cho di de forma artificial, que cho di porque se sorprende que vas ti e que non ía ir votar e que vota. Sei que non é a maioría, pero intentarei chegar a todos. Os que me coñecen saben que onde estiven sempre traballei. Non sei o que me falta facer no Concello, ser alcaldesa unicamente, porque polo resto fixen de todo.

– Por que os rianxeiros deberían votar por ti ou polo PSOE de Rianxo?
– Dende a experiencia que teño, sei como é o funcionamento do Concello e creo que podo aportar cousas. Ademais, acábome de reciclar e como me din, antes era de letras e agora son de números.

– Que estudaches?
– Estudei Filosofía, despois casei, tiven fillos e recicleime hai dous anos facendo Administración e Finanzas, porque quería entender ese mundo. Volvendo á pregunta anterior, quero que me vexan sobre todo como unha persoa cercana, que os escoite, porque ese feedback é de onde saen as necesidades e se entende as accións. Para que así, entre todos e cos recursos que temos, tratar de vivir o máis comodamente posible en Rianxo e tratar de mellorar sempre dentro da realidade. Mirando que algo sexa viable no futuro, necesario e que se poida manter. Porque se esa fose a dinámica antes, non estaríamos como estamos hoxe en día.

“Quero que me vexan sobre todo como unha persoa cercana, que escoita a xente”

– Para rematar, unha pregunta sobre xeografía rianxeira. Sitúa cada unha destas aldeas en cadansúa parroquia. Quintáns?
– Isorna.

– Rial?
– Leiro.

– Fachán?
– Taragoña.

A Devesa?
– Asados.

– Carballal?
– Asados. Creo. Asados ou O Araño? Para! Araño! Carballal é do Araño!

– As Cortes?
– Rianxo. O que si, non me preguntaches por Outeiro, senón diríache: “O Outeiro de Asados ou de Taragoña?”. Podo ter un fallo, pero esas coñézoas.

Advertisement

Unha resposta a “Entrevista a Mari Carmen Figueira, candidata á alcaldía de Rianxo no 2015 polo PSOE (parte 1)”

Trackbacks/Pingbacks

  1. Entrevista con Mari Carmen Figueira, candidata á alcaldía de Rianxo no 2015 polo BNG (parte 2) | Fotos de Rianxo - 05/18/2015

    […] Velaquí as cuestións que lle quixestes formular aos candidatos á alcaldía de Rianxo. (1ª parte da entrevista). As preguntas nas que se indica (FR) ao final son propias, que xurdiron durante a conversa, e as […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: