Quixemos preguntarlle a todos os líderes das formacións rianxeiras que concurriron a estas eleccións municipais cal é a valoración que fan dos resultados e como ven o seu traballo nos próximos catro anos. A primeira en contestarnos foi Mari Carmen Figueira, do PSOE.
A socialista indica que “queremos facer unha valoración dos resultados das eleccións locais 2015 positiva, xa que aínda que baixamos un concelleiro, foi só por 25 votos. Temos que ter en conta tamén os escasos tres meses que tivemos para prepararnos que, como saben, foi a partir do falecemento de Carlos Gey, que era o candidato”.
Por este motivo, sinalan que “nese pouco tempo, fomos quen de intentar recuperarnos e presentarnos ante o noso pobo de unha maneira, cremos que, moi digna”.
Por outra banda, explica que “omos conscientes do resultado das urnas. O único interese que temos é traballar porque Rianxo progrese dende a posición onde nos toque a estar durante esta vindeira lexislatura”.
En relación ás noticias que saíron estes días na prensa da proposta do populares para que goberne o PSOE en Rianxo, di que “non imos aceptar a proposta do PP, porque acatamos os resultados das votacións dos rianxeiros e rianxeiras. Queremos ser útiles para Rianxo, pero dende a posición onde nos situou o pobo”. Por todo iso, reitera, “o noso único interese é contribuír co noso traballo a que no noso Concello haxa un goberno estable para conseguir que Rianxo teña todo o que merece e necesita”.