Entrevista a Adolfo Muíños, candidato á alcaldía de Rianxo no 2015 polo BNG (parte 2)

18 Mai

_MG_5129

Nesta ocasión sodes vós, os lectores, os que facedes as preguntas. Velaquí as cuestións que lle quixestes formular aos candidatos á alcaldía de Rianxo. (1ª parte da entrevista). As preguntas nas que se indica (FR) ao final son propias, que xurdiron durante a conversa, e as que levan un * ao final son respondidas por escrito, porque foron enviadas polos nosos lectores despois de realizásemos a entrevista.

– Polo visto, hai catro anos Adolfo falaches en campaña de “facerse cargo” de propiedades eclesiásticas e destinalas a servizos públicos. Catro anos despois a cantidade deste tipo de propiedades que están sen uso ou en estado de abandono está medrando. Fixo algo a este respecto, despois dos anuncios na campaña anterior? Foi culpa da xestión municipal ou do clero?
A verdade, non recordo a idea que nós iamos comprar, expropiar ou facer algún tipo de intervención sobre as propiedades do clero. Do que si falei foi de intentar cobrarlle ao clero polas propiedades que ten abandonadas e que pagasen o IBI. E a realidade foi que nos tribunais non se puido defender isto. Chegouse a facer a tramitación e a proposta de pagamento, que foi recorrida pola Igrexa e levado ao tribunal do contencioso, onde perdemos sistematicamente todos os preitos que iniciamos. É un camiño complicado, salvo que dende Madrid muden ese concordato que hai coa Santa Sede.

En canto a xestións, algunha si que se fixo, en concreto relativa á reitoral de Asados. Pero a Igrexa é moi complicado que se desfaga das súas propiedades. Normalmente son acordos menos vantaxosos do que
parecería para os concellos, porque teñen que asumir a restauración e posta en valor, cunha data de caducidade. Así que despois deses gastos, pasados uns 25 anos, a Igrexa pode decidir converter ese sitio en casa de exercicios espirituais, e recupéraa. Así que hai que medir moito o que se fai.

A experiencia destes catro anos é de que a Igrexa intenta que nós nos fagamos cargo de actuacións como limpezas de tellados, colocar unha baranda ou repoñer o firme do chan dalgunha igrexa. E mentres teñan a titularidade, debería ser a súa obriga. En todo caso, iremos a actuacións concretas, indo con moita prudencia, para garantir un uso vitalicio e permanente.

“Intentamos que a Igrexa pagase o IBI, pero o tribunal do contencioso non o aprobou”

-Está falandose de construír novos edificios de protección ofical, ou de facer centros de día,… ou outros equipamentos públicos. Teñen algo pensado para poder ocupar os edificios baleiros en vez de construír edificacións novas? (como pasa cos edificio do antigo liceo marítimo, do edificio da casa dos mestres, da aula activa do mar,… que están (na maioría sen uso).
– Habería que matizar o de “sen uso”. Na Casa do Mar hai tres colectivos facendo uso do lugar: teñen alí os locais a Irmandade da Paixón de Cristo, a Asociación de Numismática , así como As Moreniñas. E tamén está instalada alí a xente de axuda a domicilio, facendo limpeza de roupa e usando o lugar como almacén de pequenos enseres.
O proxecto era convertelo nun centro de día, pero iso non se materializou por falta de apoio da Xunta de Galicia.
En canto ao Liceo, estase a usar para algunhas actividades, pero a miña idea é que se converta no referente dos maiores do concello, ao estilo do centro social de Boiro, con tres andares e os tres ocupados con diferentes niveis de actividade. Evidentemente, para sacalo adiante, fai falla un pequeno investimento, ademais do que fixemos, que foi adquirilo para patrimonio municipal. Quixemos que outras administracións se implicasen neste centro de maiores de Rianxo, e non houbo resposta, nin para un ascensor ou un montacargas conseguimos que ninguén se implicara ou botase unha man. Non pasa nada, xa que hai unha folla de ruta pensada para o Liceo Marítimo, que pasa por ir facendo nós as actuacións que poidamos, coas nosas modestias e atrancos. É probable que ao longo deste ano poidamos facer as obras de fontanería, electricidade e calefacción básicas, concesionar a cafetería e botalo a andar como centro de maiores.

“Quero que o edificio do Liceo sexa o centro de referencia dos maiores en Rianxo”

En canto ás vivendas, son da Xunta da Galicia. No pleno xa pedimos que nolas cedesen ao Concello de Rianxo coa idea de convertelas en vivendas sociais. Pero non poden ser de ocupación perpetua, teñen que ser para atender casos puntuais de familias en momentos determinados: falo de 6 meses, 1 ano, 18 meses, 2 anos… Que resolvan durante unha tempada o problema, ata que a familia poida encamiñar o seu futuro. Por que? Porque se as sacamos en alugueiro, en seguida se nos esgotan. Se teñen custo cero, sería un choio, e esa tampouco é a idea: queremos que haxa unha certa rotación de uso nas vivendas, en momentos puntuais de problemas. Nestes momentos son aínda vivendas dos mestres, teñen dereito a elas os profesores destinados no concello. Cremos que son servizos pensados cando os destinos eran afastados ou os soldos eran baixos, pero hoxe en día xa non son tan necesarias. De aí que se pediran para o Concello e que teñamos o total dereito sobre iso, decisión que depende da Consellería de Educación. Cónstame que o están a mirar, que están co informe das vivendas ocupadas, pero que as outras puideran pasar ao patrimonio municipal. E que despois dunha restauración e rehabilitación que teñan ese uso social.
O plan xeral reserva tamén vivendas de promoción pública e buscáronse outras maneiras de que algúns plans autonómicos se aplicasen en Rianxo, de tal xeito que as vivendas existentes baleiras pasaran a formar parte dunha bolsa pública. A Xunta apoiouno, pero os propietarios dos edificios, polo baixo valor que teñen, non se acolleron a ese programa.

E logo por último, hai unha oferta pendente, aquí en Rianxo, dun terreo que se lle ofreceu ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, pero xa estou falando de hai seis anos, para que construíran unha nova promoción de vivenda pública. Cedíanselle de maneira totalmente gratuíta ao lado do instituto e non se executou. Neste momento, a nivel de Galicia a Xunta practicamente non está ofertando vivenda de promoción pública en ningún outro sitio. Hai un momento en que a xente non se está lanzando á vivenda, os construtores non están apostando pola vivenda de promoción pública, consideran que os custes que ten non lles compensa e está practicamente inexistente nas cidades de Galicia e imaxino que agás Santiago, ou sitios de forte presión. Rianxo, xa digo, ten uns terreos que se poderían usar cando quixeran pero non fixeron uso deles.

_MG_5139

-A seguinte pregunta ten que ve cos negocios e coa industria en Rianxo pois está falándose moito do baleiro existente no polígono. Hai algún plan concreto para dinamizar o asentamento de industrias e, máis importante, hai algún plan ou estratexia para darlle actividade aos moitos locais que están sen actividade no centro de Rianxo ou incluso aos baixos dos edificios que tan sequera están acondicionados (botar unha visual aos comercios e locais baleiros que é de pena pero a maioría dos edificios que teñen os baixos sen adecentar aínda é moito peor)?

– Todos os baixos do casco de Rianxo poderían estar acolléndose ás axudas da rehabilitación que tamén posibilita a rehabilitación de locais comerciais. Aí poderían estar facéndose eses traballos. Evidentemente, os primeiros interesados en que os baixos foran atractivos creo que deberían ser os propios propietarios. Como? Pois restaurándoos, baixando os alugueiros, que aí a intervención municipal máis ben é pouca. A min soó se me ocorre unha estratexia, que haberá que debatir nalgún momento, que é gravar as vivendas baleiras. Esa é unha estratexia que hai que nalgún lugar se ten aplicado e igual é cuestión de estudar. Non digo que estea na axenda, non se vaia pensar que o levo no programa. Eu creo que pasaría por rebaixar as pretensións económicas dalgúns dos propietarios. Debería haber unha conciencia de que é preferible un baixo ocupado, aínda que sexa cun alugueiro baixo que telo baleiro.
Estratexias despois para o polígono industrial levánse facendo moitas. Cando accedín ao goberno o polígono estaba feito pero acontecía que roubaran o cable do alumeado exterior, non tiña conexión á rede de saneamento, a depuradora estaba en desuso e faltaba a propia conexión eléctrica e de auga. Esas cousas fóronse resolvendo con fondos propios e, a todo esto hai que dicir que a Xunta de Galicia despreocupouse unha vez entregou o polígono en nós tivemos que movernos. É dicir, fóronse facendo esas tarefas dende este goberno. E tomamos medidas xa encamiñadas á promoción exterior con entrevistas co porto de Vilagarcía, entrevistándonos practicamente cada catro-seis meses cos donos das parcelas, que non é o Concello de Rianxo, senón o ministerio de Industria máis a Xunta de Galicia, que é quen preside. O Concello non ten ningunha participación, só somos donos dos viais e das zonas verdes. As parcelas son da Xunta e do Ministerio, que deberían ser os principais interesados en poñer todo iso en marcha. Nos últimos 6-7 meses rebaixaron prezos, ao que nós sumamos unha rebaixa dos impostos municipais para a construción; é dicir, que se vén unha empresa a instalarse con, poñamos por caso, 100 traballadores non paga impostos de construción. Para entendernos estamos falando de 40 ou 50 mil euros de aforro, unha cantidade importante, que se vai minorando en función da cantidade de traballadores, pero a partir de 25-30 mil pode aforrar unha empresa que se instale. Iso a costa de perder nós un ingreso que nos correspondería por dereito.

“Ata o 2012 unha empresa que se instalaba en Rianxo non podía acceder a fondos europeos. Si os recibía se ía a Noia ou Lalín”

Fíxose tamén unha negociación, xa que dende o 2007 unha empresa que se viña instalar en Rianxo ou no polígono non recibía ou non podía acceder a subvencións dos fondos Líder, pero se esa mesma empresa ía Noia ou Lalín podía recibir subvencións de ata 30 ou 40%. Imaxina unha empresa recibir unha subvención por instalarse nun polígono como Lalín, que está cheo de empresas, e non en Rianxo onde hai un chan industrial sen funcionar. Por alguna estraña razón iso non se fixo ou non se abordou ata que algúns, entre eles eu, empezamos a dar a bara neste sentido. Por fin, no 2012 conseguimos que se anulara e agora unha empresa que queira instalarse aquí tamén pode acceder aos fondos europeos. Que pasa? Que neste momento, os fondos europeos están nun momento moi regresivo.

Nós estamos agora tamén asumindo labores de promoción do parque empresarial. Está en marcha tamén un pequeno proxecto para editar un despregable nalgún xornal que fale do noso polígono, finaciouse algún anuncio, con fondos propios, sen que o Concello sexa o dono de ningunha das parcelas, pero vemos que o polígono é un elemento fundamental e facemos a promoción que os donos das parcelas non fan. Está en marcha tamén unha pequena campaña nunha televisión comarcal, buscando vender as bondades do noso polígono e un pouco os alicientes que neste momento hai, tanto a rebaixa que promove a administración autonómica como da rebaixa da impostos municipais, buscando así facer moitas máis cousas. A medida última e extrema sería que o Concello fose adquirindo algunha parcela, pouco a pouco e cedendo, alquilando ou promovendo xa practicamente a subvención directa.

En canto a outras ideas máis pequenas tamén temos barallado algunha campaña de embelecemento dos locais baleiros do concello, mediante paneis ou unha idea que nos lanzou unha das artistas que vive en Rianxo e que é empregalos como pequenos reclamos de exposición.

-No último período electoral púxose de moda que os veciños que querían algún servicio público tiñan que pagar eles e cederllo automaticamente ao concello a cambio de recibir o propio servicio pagando e que o concello poña a man de obra da infraestrutura. Así se fixeron moitas ampliacións da rede municipal de auga ou de saneamento, tendo toda a responsabilidade de traballo, previsión e desenvolvemento os veciños. En resumidas contas, os veciños pagan o material e o concello fai a obra, para que unha vez lista forme parte da rede pública e a empresa suministradora lles cobre enganche e mensualidade e o propio concello lle cobre taxas municipais. Algún tipo de compromiso sobre como tratar ese tema e, o máis importante hai intención de satisfacer as poucas casas, aldeas do concello que aínda non teñen saneamento público?
Si. A ver, eu creo que a liña de traballo que se seguiu é unha liña posibilista. O concello de Rianxo por si só non pode facer as obras de saneamento para chegar ao 100% e ao conxunto de aldeas que carecen do servizo. Todas as administración temos esa obriga, pero esa situación non se pode dar xa, nin se pode en catro anos. Estamos falando de catro ou cinco millóns de euros. Ou hai unha implicación das outras administracións, o hai que ir dosificando ano a ano o que se vai facendo. Claro, que quen non o ten desespérase, pero a realidade é que a ritmo de 200-300 mil euros, que é o que se está destinando anualmente neste momento a facer esas pequenas obras, van pasar nove ou dez anos. Cando a situación é moi complicada pídese dalgunha maneira que o veciño se implique con este tipo de “axuda”, onde se garante un acceso case inmediato ao recurso e o Concello vai facendo o seu labor. A idea é ir continuando. Acabamos de poñer a un lado da estrada xeral o saneamento, coa idea de ir para o ano que vén á zona do Araño, estou falando da zona de Pousada ou mesmo de Foxacos, que son dous dos lugares máis grandes que carecen de saneamento. Vai chegar o seu momento. O outros son pequenos engados ou parches que axudan, sobre todo centrados máis que en saneamento e onde hai máis cooperación da veciñanza é no tema do abastecemento.

Tamén se dá o caso que ás veces invistes unha cantidade importante de diñeiro público e despois resulta que os usuarios como xa teñen garantida a súa traída por outros lados non acceden, co que fas un recurso que pensas que é para cen persoas e na práctica apenas hai demanda porque a xente ten gratis na súa traída. Tamén se da esa paradoxa. Evidentemente o escenario ideal sería que nós tiveramos unha cantidade importante de diñeiro para poder facer e acometer cunha certa planificación esas actuacions. Neste goberno o que fixemos foi seguir unha folla de ruta que había marcada practicamente dende hai dúas lexislaturas, un pequeno estudo das necesidades de saneamento de todos os lugares e, a partir de aí estamos avanzando con conexións que van ligadas para non deixar tramos inconexos, senón conectar tramos á rede existente. Neste caso, fixéronse dende a Laxe ata chegar agora mesmo coa obra que vai empezar cara Outeiro (Taragoña), por outro lado coa Casilla, que vai agora cruzar a estrada para sete ou oito casas e poder acceder xa ao outro lado con fondos propios.
O orzamento para Foxacos, que é outro dos lugares grandes está tamén valorado; a nada que poida haber unha axuda da Deputación meteríase. Dela recibimos uns 250 mil euros aproximadamente do plan de obras cada ano e iso é insuficiente para Foxacos, que vale 300 e pico mil euros. No momento que poidamos poñer unha parte importante dende o concello poderase abordar. Creo que, entre o que é o programa de goberno si que imos levar algunha actuación para realizar saneamento, pero de maneira autónoma nalgunha das aldeas más lonxanas do concello (Campelo, o Vilar, Cerqueiras ou mesmo Ourille), lugares que pola súa lonxanía non compensa facer unha actuación directamente de encaixalos na rede xeral, que trae a depuración a Rianxo, senón que buscan un sistema de depuración autónomo in situ. Son pequenas experiencias que imos valorar. Coñecemos xa a existencia de algún proxecto e queremos ver que realmente funcionan, sen excesivos custes para a o mantemento da actuación e a partir de aí tamén acometer algunha destas obras. No horizonte de todo está que o ano que vén acabe a concesión do saneamento da auga e dende este equipo, polo menos dende o BNG o escenario que levamos é que pase a formar parte do público, é dicir, que sexa o propio concello quen asuma o saneamento e o abastecemento, sen sacar a concesión. Ese é o escenario que nós nos plantexamos de aquí a un ano, que sexa o persoal municipal, coa ampliación que sexa necesaria para incorporar a xente que poida xestionar a sevizo pero que o fagamos dende o propio Concello. É a aposta que nós imos facer. Eu creo que que no caso da auga é clarísimo que vai pasar a formar parte da actuación do concello e así o imos intentar de aquí ao ano que ven se temos a sorte de continuar, de ir con esta premisa de traballo para, xa non sacar a concesión, senón que pase directamente ao concello e prestar ese servizo. Desde recadación levaríase todo o que é o tema de pagos e o persoal especializado que puidéramos contratar encargaríase da xestión e mantemento da rede, tanto de saneamento como de auga.

“Non queremos sacar de novo a concesión da auga e do saneamento. Queremos asumila de forma pública dende o Concello”

– Iso a nivel práctico para os veciños en que redundaría? (FR)
– Dende o momento que é municipal non é unha empresa quen está por medio, e axudaría nalgunhas actuacións nas que hai discusións sobre si debe ser Aquagest ou si deben ser os fontaneiros ou o particular quen as execute. Teremos un regulamento que o estipule. Non haberá beneficio empresarial e ese diñeiro redundará sobre o propio servicio e permitirá executar as actuacións con mellores garantías. Ao veciño en que lle pode perxudicar? Eu entendo que en nada. O servizo vai ser moi semellante, soó que a xestión e os custes e os beneficios van estar bastante máis repartidos do que están aquí. Non vai haber unha parte que se vaia en beneficio de ninguén senón que será a beneficio noso.

-A miña pregunta tamén ía no sentido de si as cotas poderían variar, eu hai pouco vin un estudo que dicía que cando as empresas privadas asumen a auga, curiosamente o recibo incrementase na orde dun dez- vintecinco por cento. Entón non sei neste caso…? (FR)
– Claro, aquí o que habería é que axustar. Hai unha regra que é que tanto custa un servizo tanto paga o veciño por él. Na medida en que nós poidamos rebaixar os custes dese servizo, nós teremos que ir acompasando tamén os prezos. Tamén agora que sacas este tema, dicir que levamos dous anos que conxelamos os recibos da auga, en concreto e do saneamento, cando por contrato teríamos que estar elevándoos segundo o IPC. Nós estamos poñendo a cero o contador e os custes asumíndoos dende o propio Concello, sen repercutirlle ao veciño realmente as subas. Iso fíxose nestes dous últimos anos e houbo que pagarlle á concesionaria evidentemente. As concesionarias sen cobrar ao final non quedan. Pero eu creo que nós debemos ser donos dos nosos servizos, en especial da auga, o do saneamento ten a súa complexidade pero creo que temos unha pequena experiencia. Este camiño estáo a seguir Teo e imos ter por así dicilo uns meses nos que imos poder mirar con lupa o que está pasando, como están resolvendo determinados problemas e dalgún xeito podernos anticipar ao escenario que desexamos que ocorra, que é o paso ao erario municipal.

Nós temos “comprometidos” catro ou cinco millóns a Augas de Galicia que ten un proxecto en xeral para a costa. Son fondos europeos, que administra a Xunta e a nós en teoría nos corresponden catro millóns, pero son para actuacións globais. Unha depuradora, que nestes momentos supera a súa capacidade, un colector novo que garanta unha mellor circulación na zona de Rianxiño e o que lle chaman eles tanque de tormentas, que é un espazo a situar na zona portuaria que permitiría reducir a apenas oito dez días os que lanza a rede de sumidoiros, o que desborda. Pois este tanque permitiría que eses días de desborde que, neste momento son moitos ao longo do ano, quedaran reducidos a apenas oito ou dez. O tanque de tormentas asume todo e vai dosificando ao que é o depósito da depuradora, de tal maneira que o sistema biolóxico que ten permita ir diminuíndo o que nestes momentos concede, pero en épocas de chuvia non da. Iso son inversións que están pagadas pola Unión Europea para eliminar os vertidos en xeral de todas as rías e en concreto de Arousa Norte a ría de Arousa e que esperemos que os vaian executando. Falan de este ano e esperemos que fagan honra da súa palabra.

– Respecto ás estradas da nosa vila, pretende mellorar as condicións das carreteras rianxeiras? Por dar un exemplo: na estrada que da saída a todos os rianxeiros, xunto o bar Lar, está nunhas condicións pésimas, estando incluso sen pintar podendo provocar accidentes.
– O que é o repintado estase empezando a facer e xa está presupostado tamén a actuación nos viais de Rianxo. A intención é ao longo de este ano acometer esa actuación. A situación económica do Concello non dá para que de repente saquemos 150 mil euros, que é basicamente un pouco o orzamento que se manexa para os diferentes viais de responsabilidade municipal, porque logo hai outra parte que non é do Concello. Se falamos deste tramo en concreto a competencia municipal vai da rotonda do colexio ata a rotonda de Rianxiño, enfrente da conserveira, ese é o vial que nos corresponde facer e ao longo deste ano esperamos acometendo. A tentación é grande en épocas electorais…

“Noutros concellos fanse actuacións á carta, sen concursos previos”

-Porque o dis, porque de repente agroman as obras como setas? (FT)
Si. Sorprendeme, eu ás veces penso ou eu son un inútil como gobernante ou determinadas actuacións noutros concellos fanse practicamente á carta. Non vin concursos, non vin empregos de contratación, vin que de repente aparece unha máquina alí e con encomendas directas a unha empresa. Eu iso ou non o sei resolver ou me sorprende un pouco que se fagan. Teño a teoría de que o que se fai é encomendarlle a empresas e despois xa se pagará, por quedar ben nestas eleccións, pero creo que sería unha irresponsabilidade, sen saber que vai pasar, que empezase a chamar a determinadas empresas, hai que facelo cun proxecto, cun concurso e cunha dotación garantida. Nós neste momento, non temos os 150 mil euros para facer a reparación. Se todo vai ben, a finais de ano teremos os recursos necesarios para resolver as carencias de Rianxo capital. Mais espero que a Deputación da Coruña faga tamén o propio nos viais que son da súa competencia. Neste momento, non que atrevería a facer o que se fai nalgúns sitios, como nos pasou a nós cando entramos que empezaron a vir facturas e facturas de amaños, escavadoras… que non eran de nada. Eu iso non o vou facer.

“Cando entramos, comezaron a chegar facturas e facturas que non eran de nada”

– Cal cre que debe ser prioridade na política municipal en canto á xestión dos servizos públicos e ao persoal que se asigna a eles, primar a creación de postos de traballo públicos ou a xestión privada dos servizos?*
Evidentemente primar de ser posíbel a creación de postos de traballo públicos. O problema é que concellos, universidades, Xunta… estamos afectados polo que chaman taxa de reposición de efectivos, unha orde concebida xa no goberno do PSOE en Madrid e mellorada (para peor) polo PP que impide cubrir vacantes, xubilacións, pasamentos… durante estes últimos anos ou posibilitando só facelo en casos especiais. A outra trampa é impedir aumentar a masa salarial das administracións. Con estes condicionantes gubernativos, a posibilidade de dar servizos queda recorrer á xestión privada. Isto hai que cambialo, pero débese facer dende Madrid. Por poñer un exemplo, nalgún ano (2014) tiña que haber dez vacantes para poder crear unha praza. Todo son trabas.

– No caso de optar pola privatización de servizos por considerala máis eficiente que a xestión pública, cales serían os servizos a privatizar preferentemente?*
– Non considero a hipótese de privatizar nada, pois considero que a eficiencia da xestión privada non está demostrada. Ao contrario, gustaríame que estivsen na esfera pública todas as competencias relacionadas cos servizos sociais, a xestión da auga, etc.

– Relacionado con isto, pero aplicado ao eido persoal, pódenos contar que relación laboral ten vostede co seu empregador (laboral indefinido, temporal, funcionario, autónomo… na empresa pública ou privada) e que procesos selectivos tivo que pasar para acadar o seu posto de traballo?*
– Son persoal laboral fixo do Concello de Santiago desde o ano 1995. Pasei un concurso oposición libre con dúas prazas en xogo. Non lembro moito (20 anos) pero houbo parte tipo test, preguntas obxectivas, sobre temario de lexislación e técnicas, desenvolvemento dun proxecto e defensa públlica, mais unha fase de puntuación dos méritos. Similar aos procesos selectivos de entón nesa administración.

– Cre que o seu soldo actual é digno para vivir? Que soldo vai percibir vostede como alcalde/alcaldesa en relación ao actual (o mesmo, inferior, superior, e en que proporción)?
– O actual soldo do Alcalde é moi digno. Desde hai dous anos hai unhas táboas previstas na Lei de Reforma da Administración Local que indican un máximo de 50.000 euros para concellos do tamaño de Rianxo. Con 41.000 euros na actualidade está por debaixo dese tope, case ao nivel de concellos de entre 1000 e 5000 habitantes e dos máis baixos da comarca, pero penso é moi correcto e podería estar aí o salario futuro… Tamén estaba ben pagado na administración da que proveño. Así que non é polo salario que estou nisto.

– Como percibe vostede a modernización tecnolóxica na administración local asociada coa apertura e a transparencia, a e-administración, a participación cidadá…? Que medidas e proxectos vai impulsar relacionados con este eido?*
– A tecnoloxía actual permite cada vez máis ter abertas as adminsitracións 24 horas. As redes sociais implican tamén que unha nova é pública xa no momento que a colgas na rede. Polo tanto desde a administración debemos aproveitar esas canles para que deixe de ser un mundo hermético ou complexo, buscando o que agora xa parcialmente se abríu. O concello de Rianxo está a participar dun proxecto de administración electrónica coa Deputación Provincial permitindo xa acceder a determinados servizos electrónicos. Tamén tenta ir publicando os acordos e actas na rede, xunto a todo o que ten que ver coa contratación desde o chamado perfil do contratante. Creo preciso un maior traballo neste senso para abrir máis ainda o concello.

– Que ideas baralla para que a información municipal e todos os avisos, anuncios, bandos, eventos… cheguen mellor e de forma menos desigual a toda a veciñanza, en especial ás parroquias?*
– No que son os soportes físicos temos que colocar novos paneis informativos onde situar a información en puntos estratéxicos das parroquias. En segundo lugar impulsar un sistema de avisos ao móbil. O problema é que para isto habería que darse de alta nalgunha aplicación e hai xente que non dá o paso malia sermos dos países con máis smartphones, non os empregamos ao 100%. Tamén crear un espazo de encontro semestral ou anual coa veciñanza en cada parroquia. Por último buscar a colaboración e implicación con concellos con radio municipal para ampliar a cobertura e cubrir Rianxo.

– Que vai facer co Plan Xeral, que se atopa en período de estudo de alegacións.*
– O Plan Xeral debe seguir o seu camiño, como ben di a pregunta co estudo pormenorizado das alegacións, que agardemos poida incorporar moitas delas e se acade o máximo consenso. Pola información que temos unha nova lei do solo vai ser máis restritiva e canto antes, debemos dotarnos desta ferramenta fundamental para o medre harmónico do Concello.

– Que ideas propón para a harmonización e conservación do casco antigo de Rianxo. Tamén se ten ideas para outros núcleos tradicionais do municipio, como Rañó.
– Penso a Área de Rehabilitación Integral (ARI) é unha experiencia positiva que ten mobilizado para boa parte do casco antigo, Fincheira e Rianxiño máis de 300.000 euros en subvencións directas. Aínda que polas novas que temos a Xunta se retira, seguiremos cooperando co Ministerio de Fomento para o seu mantemento e ampliación ao rural e, entre eles algún núcleo singular como é Rañó, ou Brión ou As Miráns ou Quintáns, por poñer só algúns exemplos de lugares susceptíbeis de se encadrar neste tipo de áreas. Tamén penso se debería potenciar as obras de reurbanización que antes se financiaban e que agora dependen basicamente dos concellos a executar nas ARIS.

_MG_5127

– Ten algún Plan de Mobilidade, e mesmo solucións a problemas puntuais como os estreitamentos do Portiño, de Fincheira (preto do hórreo de Castelao, e a Ponte do Té)?. Ten algún plan de peonalización, carril bici ou vía peonil natural entre Rianxo, Asados e Taragoña?
– O Plan de Mobilidade é unha ferramenta a realizar e hoxe carecemos del e penso debera nacer do máximo consenso posíbel.
Pensamos é necesario crear unha ampla zona de aparcadoiro a carón do auditorio, unha vez ceda portos esa superficie en desuso que vimos reclamando desde hai anos. Un aparcadoiro que poida liberar de vehículos o casco, xa que está a escasos minutos del.
No PXOM temos tamén planeado unha ampla zona de aparcadoiro na zona da rotonda de Té. Para facilitar o intercambio de coches e uso compartido.
No que atinxe aos estreitamentos no caso do Portiño existe na gaveta de Portos un proxecto de ampliación que presentamos na zona que salva as vivendas, non afecta ao marisqueo e solucionaría ese estreitamento, ademais engadir unha pasarela peonil para favorecer o tránsito dos peóns pola marxe máis cercana ao mar.
A Ponte de Té ten prevista xa unha ampliación a executar nos próximos meses pola Deputación e que de non haber problemas tería cara o verán executada as súas aceiras nas dúas marxes.
En Punta Fincheira, unha vez se abran tanto a circunvalación de Rianxiño , como a nova estrada (plantexada no Plan Xeral) que desde o porto vai até Xogo dos Bolos, disminuirá presión do tráfico e debemos garantir a seguridade peonil ampliando as beirarrúas. Non somos en principio partidarios de derrubes, que por outro lado non garantirían para os peóns máis seguridade só máis anchura no vial para os coches. Debe haber unhas boas aceiras.
Vexo dificultades para instaurar un carril bici no que é a entrada principal de Rianxo, polo estreito da estrada existente. Mellorar as conexións do paseo marítimo con Taragoña e que poida servir para as bicicletas, así como facilitar o entronque deste desde o esteiro de Té na Torre coa senda peonil existente no río Té na Laxe sí podería ser factíbel.
Tamén consideramos se debe impulsar medidas concretas para facer máis seguros os pasos de cebra para as persoas, e traballaremos para ir creando pasos elevados comezando polos que permiten acceder a centros escolares.

“Setefogas podería funcionar como un pequeno museo de embarcacións tradicionais ao aire libre”

– Ten algunha idea para o Peirao Medieval de Setefogas?*
– A progresiva implantación de embarcacións tradicionais para que funcione como pequeno museo mariñeiro ao aire libre. Temos tamén cedida unha buceta que cando estea en condicións a zona recuperaremos para a súa exhibición permanente. Colaboraremos con Portos de Galicia na súa restauración e mellora.

– Á parte das vivendas sociais de Rianxiño, sendo Rianxo o que ten máis demandantes de vivenda, se ten algunha idea máis sobre Vivenda.*
– A Xunta ten abandonado case que todos os proxectos de vivenda social en Galiza, agás contados casos. Se persiste esta falta de actuación deberiamos mobilizar ese recurso pola nosa conta para facilitar o que se quere que é dotar de vivenda protexida a Rianxo. Xunto a isto no Plan Xeral establece tamén un mínimo de vivenda protexida que entendemos redundará en beneficio da xente..
Os programas do IGVS non están a ter repercusión na localidade, como o ALUGA.
Acabamos tamén de crear o Rexistro de Rehabilitación, tentando mobilizar tamén vivendas baleiras para restaurar a nivel municipal.
Un proxecto que nos interesa especialmente é o da restauración das antigas casas dos mestres en Rianxo como vivendas de emerxencia para atender casos de urxencia e durante un tempo determinado. Realizamos a petición para a súa cesión ao concello.

– Que medidas concretas ten o/a Candidato/a para manter a Custodia do Territorio e a fixación da poboación rural.*
– Chegar cos servizos básicos aos núcleos e que estes teñen as prestacións dos urbanos ou similares. O mantemento da rede de unitarias, nestes momentos śo na man do Concello, entendemos é tamén un elemento que garante tamén a cercanía dos servizos ao rural.
A protección do medio natural é básica. Neste senso penso temos unha arteria como é o río Té, cun bosque de ribeira relativamente ben preservado que é necesario manter xunto a outros espazos naturais como o esteiro do Ulla, dentro da rede Natura.

Tamén traballar no mantemento das zonas de horta e de labor do concello. Na liña de creado Banco de Terras de hai anos buscar un tratamento máis local que permita seguir aproveitando o potencial de horta do concello, co intercambio de terras. Tamén na orde da visibilización de que se produce a nivel local así seguir coa organización da feira mensual Sachos á Rúa de produtos ecolóxicos.

Esixir as melloras na rede de saneamento comprometidas polos fondos europeos e a Xunta de Galiza como é o tanque de tormentas, novo colector e ampliación da depuradora para evitar siga afectando ao ecosistema mariño, vital para Rianxo.

– Que tipo de Turismo pretende fomentar o/a Candidato/a, e qué medidas concretas propón aplicar para conseguilo.*
– A aposta é por un turismo cultural, e de natureza, con base nas potencialidades do noso concello en termos históricos, patrimoniais e paisaxísticos. Estamos camiñando xa para mellorar a contorna, sinalizando convenientemente roteiros, manténdoos accesíbeis todo o ano. Potenciando cultura, eventos deportivos. Coa idea de que en Rianxo sempre temos algo que ver ou facer, así axudamos a ese turismo. Cremos as solucións son globais, batallar pola nosa conta é imposíbel para competir con ofertas máis potentes que a nosa, polo que a cooperación con outras administracións antóllase fundamental para traer á nosa localidade moitos deses viaxeiros que chegan a Compostela e non saben que facer.
Cremos no mar como fonte e recurso turístico polo realizaremos un traballo de diálogo co Náutico para ofertar actividades conxuntas: bautismos de mar, pequenas travesías.
Un Naútico que debe ser renovado e ter as infraestruturas que Rianxo merece, cun novo edificio e unhas novas instalacións, con apoio de Portos de Galicia como acontece noutros peiraos.
A rede de museos debémola potenciar, co apoio institucional a completar a casa de Dieste, restaurada en parte con mobiliario tamén restaurado e podela converter noutro referente museístico na rúa de Abaixo. E no horizonte sempre a de Castelao.

Deixar un comentario