Un veciño de Abuín, en Leiro, denuncia a través da súa conta no Twitter que onte pola tarde caeu un suposto artefacto incendiario diante súa casa. Na fotografía, difundida por Julio Tubío, pode apreciarse o dispositivo. Abaixo de todo entendemos que estaría o resorte que prendería o lume, xa queimado.
Tubío, no seu perfil social, engade que os veciños viron caer entre tres e catro “paracaídas incendiarios“. Polo visto, foron “supuestamente lanzados desde una avioneta“.
Por outra banda, Tubío sinala o sitio exacto no que caeu o paracaídas, xa que foi en Abuín, “entre el número 35 y la parte trasera de plantas Josmar”. En concreto, o que se ve na imaxe caeu na pista, moi preto da súa horta, aínda que os outros artefactos que se viron nas inmediacións os veciños “los están buscando en las tuxeiras”.
De todo isto, indica que informou as autoridades. Así, “la Policía Local y la Guardia Civil van a investigar el caso”. Pola nosa parte xa contactamos coa Policía Local quen nos informou que “onte sobre as 22.30 horas fomos alertados por unha persoa que indicaba que en Abuín-Leiro vira a unha avioneta lanzar varios artefactos incendiarios”.
Dende a Policía Local de Rianxo persoáronse no lugar e “localizamos un”, que entendemos que é o da imaxe. Confirman que “nun principio si parece un artefacto incendiario”, ao tempo que tamén aclaran que, efectivamente, “está aberta unha investigación por parte da Garda Civil, ós cales lles entregamos o artefacto”.
Hai que ter en conta que preto hai bastante monte, polo que de prender lume puido ser un incendio bastante grande, co risco que iso podía ter para as ducias de casas que hai na zona.
Certamente é unha cuestión moi grave, aínda que non algo novo. Ano a ano son constantes os rumores de que hai incendios que son directamente provocados por este tipo de artefactos, aínda que nunca ata o de agora escoitáramos que pasara en Rianxo algo así. De todos os xeitos, si que hai numerosos casos semellantes en Galicia, algúns mesmo no Barbanza.
ACTUALIZACIÓN: Como nos comenta un lector deste blog, hai dous anos, en Rianxiño, atopouse tamén un posible artefacto incendiario nunha horta, polo que non é a primeira vez que algo así pasa no noso Concello. Indicar tamén que varios lectores do blog nos indicaron que o artefacto é moi semellante ás bengalas marítimas.
Esta teoría vai collendo forza co testemuño doutra lectora, que nos indicou no Facebook que os paracaídas foron lanzados dende o Monte da Pena, “porque houbo persoas que sentiron un ruído, como cando sube unha bomba, e viron que saíron de aí dous por separado”. Outra testemuña diferente tamén nos indica que “vin caer como unha bola de lume” sobre esa mesma hora e dende a mesma zona.
Vamos, que si pode ser o disparo dunha bengala deste tipo. Buscando vídeos en Youtube vemos que soan realmente como un foguete das festas:
E tamén que contan cun paracaídas deste tipo, como se pode observar nestroutro documento:
Vós que pensades? Pola nosa parte, sexa un artefacto puramente incendiario ou unha bengala marítima, está claro que se foi lanzado sobre as 22.00 horas (xusto antes de que se faga de noite), dende o monte da Pena (non dende o mar) e nunha zona na que hai bastante bosque, a intención de provocar dano era manifesta. E non había esa intención foi unha conduta temeraria e moi arriscada. Claramente debe ser investigado para tranquilidade de todos, porque se chega a prender lume no lugar, con todas as casas que hai, moi preto da estrada, o perigo puido ser grande.
Parece o paracaídas dun fogete dos utilizados polas embarcacións en caso de emerxencia no mar. Saen propulsados cara o ceo dende as embarcacións a gran velocidade, alcanzando gran altura, e cando comeza a caer abrése o paracaidas e descende lentamente portando unha señal luminosa incandescente. Podería ser utilizado con intencións incendiarias, pero xa non é a primeira vez que son sustraidos dos barcos no peirao por rapaces que se divirten vendo como voan os foguetes. Por este motivo, en máis dunha ocasión movilizáronse medios de rescate ó avistarse estás sinais de socorro que foran lanzadas dende terra, creendo que se trataba dunha emerxencia
Precisamente o comentaba outra persoa no twitter, que lle recordaba a unha bengala marítima. Certamente estamos nunha localidade con mar e é unha posible explicación. Habería que ver se é certo iso de que se lanzaron dende unha avioneta e hai máis, porque iso xa sería outro tema. Graciñas por comentares!
Pois fai uns anos polo 2006 cando ardera moito en galicia un coñecido meu tamen atopara un aparato de esos no monte e non é zona marítima coma é rianxo.queren queimar o monte pa logo construir chalés e se non tempo o tempo.de momento xacse cambiou a lei pa poder facelo.