De novo, no día de hoxe, temos que dar conta dunha tráxica noticia que afecta á corporación municipal. José Ricardo Besada Gesto faleceu esta pasada noite. Era un veciño coñecido en todo Rianxo, non só por ser concelleiro senón, sobre todo, por ser un médico. Moitos veciños tíñano de médico de cabeceira, e de seguro que algunha vez nos coincidiu en urxencias de velo no centro de saúde, onde levaba traballando varias décadas.
Dende aquí queremos mandarlle un afectuoso saúdo á súa familia e tamén ao Partido Popular de Rianxo por esta perda tan significativa e repentina, xa que contaba con 60 anos. O noso ánimo nestes momentos tan duros.
Polo que comenta o xornalista Chechu López no seu blog, o suceso tivo lugar sobre as 00.15 horas desta pasada noite. Besada acababa de saír do Taberneiro, no peirao de Rianxo, cando ao dirixirse ao seu automóbil, “caeu ao chan por razóns que se descoñecen ou non trascenderon”.
A partir dese momento, “o persoal facultativo do centro de saúde rianxeiro acudiu de inmediato e estívolle practicando manobras de reanimación durante aproximadamente media hora, pero con resultado infructuoso”. Ata o lugar, alertados polo dono do restaurante, tamén acudíu unha ambulancia do 061 de Boiro, a Garda Civil e a Policía Local.
Nestes momentos, os seus familiares, amigos e veciños están a darlle o seu último adeus no tanatorio de Boiro. O xoves, sobre as 18.00 horas, terá lugar o funeral, na igrexa de Rianxo.
Que a terra lle sexa leve.