Unha das cousas que máis nos enche de orgullo aos rianxeiros é esa canción coñecida en toda Galicia. Unha peza que trascende do local para representar a toda unha comunidade, porque A Rianxeira non deixa de ser o himno oficioso da nosa comunidade, unha cantiga recoñecida por todos os que vivimos aquí e que todo galego leva tamén canda si, incluso cando emigra. É un fenómeno social, máis aló de fronteiras, pero que nos sitúa tamén no mapa (cousa que sempre gusta).
En Rianxo a “A Rianxeira” non deixa de ser unha institución. Como se fose outro deses escritores ilustres dos que tanto presumimos, un dos piares nos que asentamos a nosa identidade como Concello. Por iso, presumimos máis ca ninguén de saber como é a canción. E cando alguén de fóra a canta con algunha variante, énchesenos a vea do pescozo e dicimos “Non, así non é”. Sobre todo, o que máis nos amola é cando se cantan cousas coma estas:
- “A Virxe da Guadalupe cando vai para Ribeira”
- “Non te vaias rianxeira”
- “Cando vai para Rianxo” (en lugar de “veu para Rianxo”)
- “Oliñas veñen, oliñas veñen e van” (as do caldo deben ser)
Semella que manchan o nome dos autores desta insigne peza, que non só nos revolvemos nós, senón tamén a memoria de Xesús Frieiro Dourado (coñecido como Pinciñas) e de Anxo Romero Lojo. Imos á tradición, á canción orixinal e dicimo que non, que a canción non é a así e que a están a cambiar. E cabreámonos.
Pero antes de todo deberíamos cabrearnos con nós mesmos. Por que? Pois nós tampouco estamos a cantar A Rianxeira orixinal. O texto orixinal, de Pinchiñas, mudou terriblemente, cambiou moito máis que unha ou dúas palabriñas. Pero diso ninguén é consciente, nese punto non caemos, porque semella que a verdadeira canción é a actual, cando realmente non o é.
Velaquí o texto orixinal:
I
Moito me gustas rianxeira
que estás aquí na Arxentina
verche cantar e bailare
coma alá na terra miña. (bis)
ESTRIBILLO
Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques rianxeira
que te vas a marear. (bis)
II
Que guapa estabas rapaza
cando che vin na ribeira,
tiñas a cara morena
coma a virxe rianxeira. (bis)
III
A virxe de Guadalupe
vai no iate de Baltar,
lévana os rianxeiros
a remolque polo mar. (bis)
Abraiados? Das catro estrofas orixinais, ata a actualidade só chegou o estribillo. O resto son pura invención. Ou, alomenos, non forma parte da letra ideada por Pinciñas. Nin rastro da referencia á Arxentina (onde se creou e gravou a peza), nin referencia á rapaza guapa e morena que vai pola ribeira (agora quen vai é a Virxe e tamén ela está morena por un raíño de sol). E que dicir ten o tema do iate de Baltar; totalmente desaparecido.
O mestre e músico tradicional José Luís do Pico Orjais, nun artigo titulado “Tradição inventada” e publicado na revista Barbantia, trataba de explicar que foi o que pasou. Aí comenta precisamente que se trata dunha peza reinventada. De feito, orixinalmente chamábase “Ondiñas da nosa Ría”, e non “A Rianxeira”, como a coñecemos hoxe. Foi gravada no centro Castelao de Bos Aires, no ano 1948.
A partir de aí, como sabedes, o disco mandouse a Rianxo a través dun barco. Un dos que a mandou e que cantaba no coro orixinal foi Andrés Lojo, finado hai pouco. Chegou ao Feliciano, onde había un gramófono e, segundo conta do Pico Orjais, abríronse as fiestras para que todos os veciños escoitasen a canción.
José Bandín, director da banda de Rianxo semella ser o primeiro músico en facer unha adaptación da peza. Pero, o momento clave tivo lugar en 1952, cando Bernardo del Río (director das bandas da Estrada, Santiago e Vilagarcía) fai unha versión para o coro Cantigas e Agarimos. “Este foi o pulo definitivo, o nascimento dun fenómeno que converteu a este tema na cantiga em galego mais popular”, explica José Luís.
Como explica o mestre no seu interesante escrito, o punto máis curioso é como se pasa dun texto que é unha homenaxe a Castelao (que ía visitar o centro de Bos Aires onde se idea a peza), centrado nunha rianxeira, a outro centrado unica e exclusivamente na Virxe da Guadalupe, nunha canción relixiosa.
Hai que pensar que os coros de Bernardo del Río dependían de Pilar Primo de Rivera e un tema máis tradicional-católico era do gusto da Sección Feminina da Falanxe. A peza vaise difundindo, mestúranse as versións e, como curiosade que recolle do Pico Orjais, en 1954 o libro Música y canto, da Escola de Maxisterio Luis Vives de Tui publica a peza con esta estrofa:
Nosa Señora da Barca
cando vai para Rianxo,
vai nun barquiño de vela
feito de pau de naranxo.
Pero a cousa non queda aí, senón que Orjais nos descubre pezas coma esta, cantada polas irmás Fleta. En castelán, of course, para rizar xa o rizo. Pero moi popular no seu momento, despois de estar rexistrada polo músico aragonés Luis de Araque en 1954:
Ata un grupo vasco, Los Chimberos, a canta, pero xa cunha letra case semellante á actual. Ide saber se a querían para o Atleti antes de que o Celta lle puxera o ollo enriba. Estamos no ano 1965 e a canción, como vimos tanto polas irmáns Fleta (afortunadamente esa “Maruxa, ay Maruxiña” non triunfou) como por este grupo de Euskadi xa trascende máis alá de Galicia:
Como conclusión, o que está claro é que hoxe en día a letra que cantamos só mantén unha estrofa, polo que os primeiros en cantar unha cousa estraña somos os propios rianxeiros. O importante non deixa de ser que esta canción nos une e fai que abramos o peito para cantar, cheos de orgullo. Pode variar máis ou menos, haberá quen a cante mellor ou peor, pero non deixa de ser un canto que por riba da letra, emociona e está asociado a Galicia. E que siga outra medio século así 😉
Non quereo rematar este post sen agradecerlle a José Luís o seu artigo, porque xa vedes que todo o aquí escrito está baseado no seu estupendo traballo.
Deixar unha resposta