Dende a Asociación de Nais e Pais “Fonte da Revolta” do CEIP Ana María Diéguez de Asados coméntanos que onte decidiron, nunha reunión, non mandar mañá aos seus fillos á presentación do curso escolar. Nesta xuntanza estivo un representante do CEP de Taragoña (con que comparten o mestre especialista en Audición e Linguaxe), ademais de membros do Concello, o BNG, o PSOE e Rianxo en Común.
Decidiron que o primeiro día de escola en lugar de iren os nenos, asistirán os pais e nais, realizando unha concentración ás 10.00, a hora prevista de inicio do curso, xusto na entrada do colexio.
Indican ademais que “o noso conflito tamén chegou ao Parlamento”, onde o deputado socialista Vicente Docasar “presentou tres preguntas para a sesión da semana que vén (unha para o pleno, outra para a comisión de educación e cultura e outra para resposta por escrito). Todo isto a instancias de Mari Carmen Figueira do PSOE de Rianxo”.
Por outra banda, salientan que tamén falaron “co alcalde, que se comprometeu a mediar no asunto e a facer algún tipo de declaración pública ao respecto”. Ao que incidir de novo no feito de que o único que piden é que se designen os profesores adecuados para o centro, algo que lle corresponde ao colexio de Asados por lei, mentres que a Administración que debera velar por estes dereitos mira para outro lado.
Deixar unha resposta