Duarte Galbán, xefe de produción e guionista de Gafas e Pallaso: “Nunca pensamos que a nosa webserie tería esta repercusión”

10 Set
gafasepallaso

Duarte Galbán (con gravata) co resto do equipo da webserie. Cedida.

Na web de Gafas e Pallaso defíneno como o que “manexa o cotarro, quen está enriba do lombo de todos, quen lle chora a quen haxa que chorarlle”. Duarte Galbán (1992), este rianxeiro do lugar da Carballeira é o produtor da webserie galega de humor máis transgresora e sen filtros. Duarte defínea directamente como “cutre”, aínda que non por iso deixa de estar moi currada e romper esquemas polos xiros dos seus guións e por todos os cameos cos que conta. Mañá, os seus dous actores principais estarán dándolle a benvida á Guadalupe no chupitaso. Pero antes, queremos que coñezades que é iso de Gafas e Pallaso da man dun dos seus cerebros, un estudante de Comunicación Audiovisual que se encarga de todos os aspectos organizativos, de buscar as colaboracións e de ofrecer tamén ideas tolas ao seus argumentos imposibles.

– Aínda que o nome é bastante explícito, para quen non o teña claro, que é exactamente unha webserie?
– Como ben dis, o seu propio nome o indica: unha serie, dividida en distintos capítulos que en vez de ocupar unha franxa horaria nunha canle televisiva, o fai na propia rede. Grazas aos novos formatos e ao novo xeito de consumir o audiovisual, amplíanse horizontes para todos os creadores que expoñen o seu proxecto dun xeito máis libre, podendo permitirse cousas que nunca veríamos nunha cadea de televisión. Prima a imaxinación.

– Como e cando nace exactamente Gafas e Pallaso?
Gafas e Pallaso nace fai aproximadamente 2 anos en Sigüeiro. Foi unha idea tola de Perico Balado, director e un dos guionistas da serie, que posteriormente foi tallada lentamente na sombra polo resto de guionistas ata chegar ao proxecto final, que “digievolucionou” ata un punto que non esperabamos… Nun comezo, a serie estaba pensada para gravar un capítulo por día, case todo en interiores e sen tanto coidado da estética, mais unha vez que nos puxemos a traballar vimos que eses guións finais esixían unha produción que conlevaban un ritmo de rodaxe moito máis lento. A cousa empezou a medrar, a xente cría no proxecto e pouco a pouco foise desmadrando o asunto…

“A serie “digievolucionou”, foise desmadrando pouco a pouco”

– A pesar de que a webserie só ten dous episodios, ademais doutro vídeo musical cunha “superestrela” galega convidada, todos superan as 15.000 visitas. Entendo que xa é un produto moi pensado para que se viralizase nas redes sociais, non si?
– Si, está claro que o tirón nas redes sociais estaba buscado, pero en ningún momento pensamos que podería ter esta repercusión á hora de enfrontarnos á xente de a pé. Ben certo é que debemos estar moi agradecidos a todos aqueles coñecidos e amigos que están sempre aí máis hai moita outra xente que non coñecemos e que tamén nos transmite ese “feedback” especial de cara ao proxecto.

– De todos os xeitos, non se trata dun produto viral sen máis. Ás veces hai cousas que triunfansen máis, pero no voso caso vese que detrás se ve moito traballo, tempo e adicación. Como é o proceso de guión dun episodio?
– Non dubidaría en afirmar que o traballo, tempo e adicación foron importantes ata o momento máis o éxito dun proxecto coma este está na man da xente que o consume. Por moito traballo que leve unha cousa, se non gusta non gusta. É duro, pero xusto.
Cada guión esconde moitos quebradeiros de cabeza pero sen lugar a dúbida moitas risas e moitas aventuras coa súa dose de loucura. Por norma xeral, os seis guionistas reunímonos no salón de Gafas e Pallaso. Un piso patas-arriba no que, milagrosamente, nos adaptamos como sardiñas en lata para rodar cada episodio. O plan é partirnos, a esgalla. Da exactamente igual se Román ven coas súas “pintas habituais” ou se Xulián se rapou a cabeza… buscamos o humor ao noso xeito, nunha serie de situacións que en moitos casos veñen dadas por unha serie de ideais que nos definen.

“Buscamos partirnos, a esgalla”

– Lin que definíades como cutre o proxecto, pero a verdade é que a min me parece moi benrealizado todo e que os momentos cutres case buscan máis o humor que outra cousa. De feito, a pelexa cos sobre-humanos non deixa de lembrarme aos Batman e Robin que emitían no Xabarín Club.
– En primeiro lugar, moitas grazas e igualmente, paréceme necesario o traballo que facedes, pero… o proxecto é cutre, para que mentir… En todo momento fomos e somos conscientes do que buscamos en relación co que somos quen de conseguir, eu creo que esa pode ser unha das claves do proxecto. En ningún momento nos formulamos rodar un filme para Hollywood, senón que só queríamos facer “a nosa merda”, o que a nós nos gusta. As referencias que nos definen, son todas aquelas que imperaban na nosa infancia, Os Simpson, Muchachada Nui, Regreso al Futuro… os clásicos.

“Os nosos referentes, da infancia, son os milagrosamente Os Simpson, Muchachada Nui, Regreso al Futuro…”

– Ademais, tamén tedes un equipo bastante competente, composto por xente moi nova pero moi profesional, que coñece o sector audiovisual.
– Sen dúbida. Un grupo de amigos de ideas retorcidas que nos xuntamos para intentar sacar adiante un proxecto no que críamos. Todos somos estudantes do Audiovisual e da Publicidade.

– Algúns dos exteriores son de Rianxo. Supoño que niso terá algo que ver que ti sexas un dos que está detrás, non?
– Supoño que aínda que eu non estibese, virían a Rianxo. Quén non quere vir a Rianxo? Neste caso tanto eu como Román Castaño queríamos ensinar Rianxo sempre que o guión nos deixara, ademais das facilidades que nos dá, é a nosa vila… Os exteriores están rodados maioritariamente en Sigüeiro, posto que alí é onde temos o “set” de interiores habituais, en Compostela tamén adoitamos gravar, que dun tempo para aquí está máis tranquilo.

Queríamos ensinar Rianxo. Quen non quere vir aquí?

– Por certo, como é iso de que te definan como o “que manexa o cotarro”?
– Entendo que había que poñer algo, aínda que non sei se sería cousa de Brais Moares e Álvaro Ordóñez cando fixeron a web, por darlle tanta lata…

– Que outros rianxeiros participan en Gafas e Pallaso?
– Habitualmente Román Castaño e máis eu, pero hai algúns infiltrados nos personaxes dos capítulos que xa gravamos. Xián, Allo, Brais, Alvarito, Carla, Boris, J .Pablo, Agustín e Manuel, o noso mini-gafas… e haberá máis.

Duarte Galbán (esquerda), xunto ao director da serie, Perico Balado. Foto de Hadrián Díaz en compostimes.com

– Creo que non falta moito para o terceiro episodio. Que podemos esperar desta nova entrega?
– Que va, rumoréase que xa non o sacamos máis, pero si, e desta vez en serio. En calquera momento estará aí, pode que onte, hoxe ou para a semana… Sen dúbida un capítulo 3 que rompe con todo o anterior, outra vez. Para nós é un capítulo especial, xa nos diredes. Algunha cara coñecida e practicamente todo o equipo de Gafas e Pallaso ante a cámara.

“O capítulo 3 romperá co anterior, é moi especial”

– Contades con grandes cameos como o de Gayoso, Miguel de Lira, co coñecido youtuber Wimischu, coa narración de Antonio Mourelos (Matalobos)… Custouvos convecelos?
– Eu creo que ninguén sabía moi ben que dicir… entón anímanse por curiosidade… Non sei, son uns cracks de moito coidado, todos.

– Tampouco hai que esquecerse de grandes momentos, como Dani Mateo dicindo que tiña que ir ensilar a Santa Comba ou da Berto Romero falando da Casa da Collona. Non vos puxeron cara rara?
– Directamente, Dani Mateo preguntou se ensilar era foder, por se o terminabamos poñendo cun pipí de goma bailando o Gangnam Style, por dicir algo. A Berto Romero acabábamos de levantalo da sesta e non estaba para flores, aínda que parecía interesado e coñecedor da expresión.

“Dani Mateo preguntounos se ensilar era foder”

– E de todos, cal foi ao que máis vos custou convencer? Lin tamén que o rapeiro Xzibit literalmente vos botou do seu hotel.
– O rapeiro estadounidense Xzibit, “o da MTV que tunea coches” foi o caso máis peculiar que atopamos á hora de achegarnos á xente máis mediática; un señor con 2 metros de alto, pel negra, que fala en inglés e ten a voz moi ronca e gastada dicíndonos “No, no, no, Kids” (“Non, non, non, nenos”) mentres os seus compañeiros de xira, dous rapeiros de coñecido prestixio axitaban a pandereta que pretendíamos que fixera soar Xzibit. Acto seguido un dos seus seguratas convidounos a saír do hotel.

– Que é máis divertido, unha rodaxe de Gafas e Pallaso ou unha reunión entre guionistas barruntando ideas tolas?
– Unha reunión entre guionistas. As rodaxes son divertidas pero xogamos máis a contracorrente, cunha maquillaxe que entorpece e con adaptacións do guión no momento da gravación.

Aquí o equipo co actor Miguel de Lira. Fonte: facebook.com/GafasEPallaso

– Creo que tedes algún que outro espónsor, pero non sei se iso vos dá para cubrir os custos.
– Non temos ningún espónsor que financie a serie, diante da cámara non nos gusta ofrecer unha publicidade posto que isto non busca ser un escaparate de marcas nin moito menos. É un proxecto independente a todo iso. Os custos intentan ser cero a maioría das veces, mais é obvio que son necesarios os mínimos, que cubrimos nós mesmos. Os nosos espónsors son toda aquela xente que nos apoia dunha ou doutra maneira, e algunhas colaboracións, que achegaron o seu gran de area pero non de forma económica como Ialmax, Nikis Galicia, O Raio Verde, Calcao ou o
Pub Ultramarinos…

– E a nivel profesional, serviuvos para abrir algunha porta?
– Ata o momento estamos estudando todos. É unha toma de contacto co sector profesional, pero aínda nos queda moito por andar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: