Esta fin de semana tivo lugar no Araño unha proba da Delegación de Galicia do Real Club Español do Can Pastor Alemán (CEPPA). Tratábase dun evento clasificatorio para o Campionato de España.
Trátase dunha proba que poucas veces hai ocasións de vivir en directo e nesta ocasión puidemos desfrutalo no noso concello e de forma aberta para todos aqueles que se pasaron por alí. De feito, o sábado foi o momento de adestrar e o domingo tivo lugar a proba entre os cánidos.
En concreto a proba tivo lugar no campo de fútbol do Araño, que como sabedes está abandonado, así que é estupendo que poida albergar outro tipo de acontecementos coma este.
Como podedes ver, os circuítos que tiñan que seguir os pastores alemáns que participan neste campionato non son os típicos que vemos na televisión. Pero si que seguen as mesmas pautas, xa que os cans teñen que seguir unha serie de indicacións dos seus donos.
Hai momentos nos que os cans se teñen que manter pegados aos seus propietarios e outros nos que, como podedes ver, teñen que correr dun punto a outro a todo meter.
Ademais, teñen que carrexar un obxecto sen soltalo e saltar diversos obstáculos.
Aquí podedes comprobar a axilidade e a capacidade motora que teñen estes cans, recoñecidos pola súa intelixencia e obediencia, polo que non son só pastores, senón mesmo compañeiros fieis da policía.
Deixar unha resposta