Hoxe e mañá celebraranse en Rianxo duas xornadas de lembranza a Rosalía de Castro no 179 aniversario do seu nacemento.
O venres, ás sete da tarde, @s alumn@s do instituto Félix Muriel depositarán unha ofrenda floral no busto que a escritora ten no Paseo da Ribeira, para a continuación seguir cun recital de poesía. (en caso de choiva, o recital trasladarase ó auditorio rianxeiro).
Tamén no auditorio a iso das oito e media do serán terá lugar a presentación da Edición Crítica de Follas novas de Anxo Angueira, coa participación do autor, Manuel Bragado (director de Xerais), Xosé Luís Axeitos (profesor e Academio da RAG), presentados polo alcalde rianxeiro Adolfo Muiños.
Xa o sábado e ás oito e media da tarde, teatro a cargo da compañía Galeatro, representando a obra Rosalía, a rosa de cen follas.
“Hai 130 anos, o 15 de xullo de 1885, morría a que foi sen lugar a dúbidas a autora máis relevante das nosas letras, Rosalía de Castro; e á Compañía de teatro Galeatro non se nos ocorre mellor xeito de homenaxeala que levándoa a escena.
“Rosalía, a rosa de cen follas” trátase dunha montaxe teatral que busca achegar á vida e obra da nosa máis destacada autora. Dende “La Flor”, a súa primeira publicación, ata “En las orillas del Sar”, a última; pasando por toda a súa produción, tanto poética como narrativa: “Cantares Gallegos”, “Follas novas”, “La hija del mar”, “El caballero de las botas azules”…
Obra e vida, no caso de Rosalía, van collidos da man. Da cativa que nace en Santiago, case sen apelido,á Rosalía que nos regala en Padrón, no solpor da súa vida, os máis excelentes versos. Da nacente escritora que comeza a destacar en Madrid da man do seu home, Manuel Murguía, á consagrada renovadora da poesía, defensora de Galicia, do galego, e dos galegos, e principal figura do Rexurdimento e da poesía do século XIX”.
A obra está recomendada para maiores de 12 anos.
As entrada é de balde ata completar aforo. Retirada unha hora antes do comezo, máximo 2 entradas por persoa.
Deixar unha resposta