Os propietarios das fincas afectadas polo viaducto do AVE ao seu paso por Isorna están en pé de guerra. E non é para menos. Séntense enganados despois de dar todas as facilidades para construír unha obra que consideran de interese público. Sete anos despois, as fincas produtivas nas que levan anos traballando, son unha especie de pedregal que en nada se parece aos terreos que tiveron que deixar. E reclaman, como é lóxico, que a empresa deixe as fincas non de calquera maneira, senón intentando que queden en condicións moi semellantes a como se entregaron.
Só fai falla dar un paseo polos terreos para observar que están cheos de pedras. Dende logo ese non semella o lugar no que anos antes de que comezasen as obras, no 2004, botaban millo ou patacas. “Eran terras moi boas”, comenta Concepción Figueira Franco, unha das afectadas. “Antes non había nin morrillo nin pedras, como agora”, di sinalando os cantos que están por riba da terra.
Mari Carmen Figueira, a voceira do PSOE de Rianxo e tamén afectada, lembra cando no 2008 a empresa tivo a orde de “facer un levantamento topográfico” da zona. Mesmos nos amosa o bando municipal daquel momento, para que conste que a empresa tiña directrices moi claras de deixar os terreos non de calquera xeito, senón facendo ben as cousas.
Lembra ademais como a maioría dos veciños “lles aceptamos o xustiprezo e non lles puxemos problemas. 117 millóns de euros custou esta obra, pero non sei canto investirían aquí“, amosando ben ás claras en que non se molestaron moito en que os terreos fosen acondicionados para que foran de novo produtivos. Iso si, dende o primeiro momento a empresa sempre tivo boas palabras con eles: “Aquí vimos como levaban camións con terra e chamamos á responsable de medioambiente da empresa. Díxonos que os primeiros interesados en que quedáramos contentos eran eles. E antes de marchar que teríamos que firmar unha recepción de conformidade. Era o lóxico, pero iso non pasou”.
Concepción insiste no tema: “Non nos convocaron para pedirnos as fincas? Pois o normal sería facer o mesmo cando se foron”. Séntese, ao igual que o resto de propietarios, engada: “Estafáronnos”, conclúe. Ao que engade que “pagaron unha miseria. Non sei se 2,5€ por cada castiñeiro. E agora isto é un despropósito, xa ben se ve. Ao outro lado da estrada hai como unha lagoa. Fixeron unha gabia para sacar a auga e agora xa non podo acceder co tractor á miña finca”.
De feito, outra das cousas que reclaman os veciños é que no lugar había un rego e que agora non está ben canalizado, polo que as augas corren libremente, creando unha balsa no medio dos terreos e incluso accedendo á estrada xeral. Ademais, os camiños de serventía para acceder ás distintas fincas agora xa non existen.
“Aínda que sabemos que igual é imposible que quedara, o normal é que se preocuparan porque tivese condicións moi semellantes ás anteriores. Pero deixárono así e fóronse, como se adoita dicir, como os ladróns”, continúa explicando Mari Carmen Figueira. “O básico é que deixaran unha capa de terra vexetal para que puidésemos cultivar a terra, para traballar as leiras”, de feito xa nin sequera piden unha indenmización, senón que queren ir polas boas. Pero como a empresa non accede, agora van recorrer a todas as instancias posibles, mesmo ao Valedor do Pobo. Polo de agora, no pleno de Rianxo todos os grupos xa apoiaron a proposta.
Detrás desta deixadez os veciños cren que está o feito de que son persoas do rural. Concepción considera que “Pensan que somos xente sumisa, que imos dicir nada”, pero non vai ser o caso. “Eu incluso fun a Catoira, onde tiñan a oficina da obra e funlle reclamar o do talude de terra que puxeron na miña finca. E o home díxome: “Señora, esas finquitas, jaja”, ríndose. E díxenlle: “Mire, esa finquita é dos meus antepasados, eu herdeina e para min ten moito valor, porque eles pasaron fame para deixarme iso. Non herdei da Duquesa de Alba grandes hectáreas, herdei esa “finquita”, pero é a miña propiedade”.
Os veciños xa realizaron unha reclamación legal, que está xestionando Mari Carmen Figueira, para tratar de solucionar o problema o antes posible. Non lles queda outra despois de ver como os responsables da empresa que se encargou da obra do viaduto “Pasaron de todo. Non explicaron nada. Nós démoslle tempo suficiente. Viñeron aquí, servíronse e deixáronnos tirados. E así nos tratan”.
Deixar unha resposta