O pasado sábado 25 de xuño, Rianxo vestiuse de gala para homenaxear a nosa veciña e escritora Helena Villar Janeiro. Foi un momento moi emotivo, xa que recibiu da man da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) o seu XII galardón “Escritora na súa terra“, a letra E.
Foron moitos os habitantes do Concello e os amigos de Helena os que se achegaron a este emotivo acto. O evento estivo dirixido polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños Sánchez.
Fronte ao peirado de Setefogas, no paseo marítimo, agora hai unha praza que levará para sempre o nome de Helena Villar Janeiro. Nese lugar puido verse unha exposición de fotografías da propia autora, que lembremos, ten na fotografía unha das súas grandes aficións.
Ademais, como podedes comprobar nas seguintes imaxes, Helena estivo moi ben arroupada en todo momento. Un día, sen dúbida, emotivo e no que puido recibir de primeira man o cariño da súa xente e o recoñecemento do mundo da cultura.
Este foi o momento no que se descubriu o monolito na súa honra, cun poema da propia escritora afincada agora en Leiro, pero con orixe nos Ancares, en concreto en Becerreá.
Tamén se prantou un loureiro (árbore elixido pola autora), o cal foron aterrando o seu home, o tamén escritor Xesús Rábade, como Abe Rábade e María do Cebreiro, fillos da escritora e mesmo a pequena Helena, a súa neta.
A continuación, a banda de música de Rianxo interpretou unha obra de Antón Alcalde titulada “Ondas en Branco e Azul”. Estroouse precisamente para este acto, en homenaxe a Helena, quen lle entregaron a partitura da obra musicial.
A nota anecdótica púxoa a Xeiteira, que engalanada coas súas velas, despregou as teas e surcou o mar de Rianxo. Lamentablemente, por mor da marea baixa, non puido achegarse a Setefogas.
Foi moita a emoción que se viviu no acto, e xa Helena non puido máis e chorou de emoción, contaxiando os seus sentimentos aos alí presentes.
Graciñas, Helena, polo teu compromiso coa nosa lingua e tamén con Rianxo. Graciñas por traeres as túas verbas, os teus poemas, as túas palabras e proximidade.
Unha vez rematado o acto na praza, a comitiva desprazouse ao Cuartel Vello, onde se lle entregou á homenaxeada a peza escultórica do artista Caxigueiro e se procedeu á parte literaria do día coas intervencións de Adolfo Muiños Sánchez (alcalde de Rianxo), Mercedes Queixas Zas (secretaria xeral da AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG), Marica Campo (que fixo unha laudatio da súa vida e obra de Helena) e, finalmente, Helena, quen respostou á laudatio de Marica.
Benqueridos amigos: Moito agradezo a dedicación que lle puxestes a este acto e o tratamento informativo que lle dades nesta páxina, unha das grandes iniciativas culturais deste municipio sen igual en Galicia. A cultura respírase en cada recanto, en cada iniciativa que se desenvolve, nas cousas que facedes a veciñanza e tamén na dedicación do Concello en que así sexa. Eterno agradecemento a vós e a todo o pobo.