O pasado sábado pola noite, na praza de Castelao tivemos o pracer de escoitar un gran concerto. Sobre o escenario soou o grupo de Roi Casal. E foi, dándolle a volta a unha das súas cancións, algo maxicamente belo. Foi un concerto con grandes cancións, enormes músicos e a doce e fermosa voz da nosa veciña Silvia Ferre Casar.
Comentar que o concerto foi financiado polo grupo Cortizo, polo que é de agradecer que teñamos a oportunidade de desfrutar de algo así tanto os de aquí como os turistas. Roi Casal non é a primeira vez que toca no Concello, pero o anterior concerto foi de pagamento no auditorio.
Outro dos veciños que estaba sobre o escenario foi o músico Alfredo Susavila, que tocou o piano e tamén algún instrumento de percusión.
En canto a Silvia Ferre, que se pode dicir dela tras escoitala? Pois simplemente que namora coa súa voz. Non creo que as cancións de Roi Casal puideran soar mellor. É unha voz doce, suave, melodiosa e que che enche.
Un dos grandes momentos da noite foi cando outro Casal, se uniu aos músicos para deleitarnos coa súa música. Foi Nando Casal, pai de Roi e un dos integrantes de Milladoiro.
O dito, que foi un pracer escoitar os temas de Roi Casal. Non só é un gran músico, senón, sobre todo, un enorme compositor. Ten un talento descomunal, con temas moi pegadizos, e que está rodeado de grandes profesionais, co que esperamos poder seguir desfrutando da súa música moitísimos máis anos.
Para rematar, colgamos aquí a canción coa que se despediron, titulada “Vai alborexar”:
Preciosas fotos!! Queria estar aí!!