O pasado sábado, 4 de abril, tivo lugar no auditorio de Rianxo a presentación do libro Arcos Moldes, mestre sen escola. Trátase dunha revisión, máis detallada e con máis información da biografía publicada en 1994 por Xosé Comoxo e por Xesús Santos. Levaban varios anos traballando nesta obra, que agora ve a luz grazas á Deputación da Coruña e ao Concello de Rianxo.
Na presentación, ademais de Comoxo (primeiro comezando pola esquerda) e de Santos (primeiro comezando pola dereita), tamén estiveron Adolfo Muíñoz, alcalde de Rianxo, e o rexedor do municipio pontevedrés de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes. Foi nese lugar onde naceu Arcos Moldes e por iso se convidou ao responsable deste concello, para trasladarlle todo o cariño que hai en Rianxo por unha persoa que deu tanto cousas polos veciños de aquí aínda que fora natural doutra localidade.
Antes do comezo da presentación, os integrantes da Aula de Cultura Musical da Galiza da UNED Senior en Rianxo tocaron varios temas. O primeiro deles foi “Rianxeira se te marchas” de Chapí.
Adolfo Muíños deu paso á presentación do libro, indicando que “é un luxo contar con investigadores como Comoxo e Santos”. De feito, concluíu que “se non existiran habería que inventalos”. Agradeceu a asistencia ao presidente do concello de Barro, ao que quixo trasladar “o cariño que lle temos nesta terra a Arcos Moldes”.
Indicou que non estamos ante “unha figura menor por non ter unha produción que se poida tocar”, como pode ser o caso doutros escritores rianxeiros. Pero tratouse “dun motor, xa que figuras como a súa eran fundamentais para construír país”. Muíños salientou que Arcos Moldes “merece estar con letras de ouro no noso Concello“, deixando a porta aberta para que un espazo cultural leve o seu nome, como homenaxe do noso pobo.
A quenda dos autores comezouna Xosé Comoxo quen, tras sinalar que estabamos ante un traballo de moitos anos, a figura de Arcos Moldes a el o traslada á infancia, xa que acudía á escola da súa filla.
Lamentaba tamén que parte do material que conservaba Arcos Moldes na súa vivenda da rúa do Hospital se perdera, quedando enterrado entre o recheo do peirao e a zona do Castillo. Así e todo, puideron conseguir novos datos sobre a vida dun veciño que “todo o subordinaba ao seu amor por Rianxo“. Salienta que os seus alumnos sempre recordaron as súas composicións e como a música serviu para unir os veciños e redimir a poboación da súa ignorancia e pobreza, nun ambiente caciquil.
Arcos Moldes chegou a Rianxo en 1871, porque os seus pais viñeron facerse cargo das propiedades dun familiar. Contaba con seis anos e daquela Rianxo tiña uns 7.400 habitantes. A economía xiraba arredor do mar, ata o punto de que a única industria era unha salgadura.
A pesar de ser un home estudado e de que por causa dos caciques locais non tiña moito futuro na localidade, demostrou “moita xenerosidade e un grande esforzo, todo dunha forma desinteresada e heroica”, como remarcou Comoxo. A pesar de que impulsou moitas sociedade e se volcou cos veciños, morrería case esquecido tras sufrir un derrame.
Pola súa banda, Xesús Santos falou das luces e das sombras de Arcos Moldes. Como un suceso familiar marcou a familia ata o punto de que o seu pai tivo que emigrar ao Brasil e faleceu tres anos despois, en Portugal, realizando o camiño de volta á casa.
Curiosa resulta a historia dos seus estudos no seminario, de onde foi expulsado e onde volve reingresar para saír el voluntariamente. Continuou os estudos e Barcelona, onde absorveu unha gran bagaxe cultural que despois tratou de poñer en práctica en Rianxo.
Santos explicou como había enfados entre veciños, como os dunha zona da vila se levaban mal cos da outra e Arcos Moldes os tratou de “unir a través da música”. Ademais, a el encargábanlle as bases das distintas sociedades que se constituíron non só no Concello, senón tamén noutras localidades. “Foi o que culturizou Rianxo, o que animou os Dieste” e ata as primeiras viñetas de Castelao se fixeron na súa publicación El Barbero Municipal.
En todo caso, “era máis respectado e querido que Castelao” en palabras de Comoxo, porque “era un máis. A súa familia era todo o pobo de Rianxo”. Tal era o seu amor aos veciños que moitos aprenderon a ler grazas a el, sen cobrar nada.
A pesar de ser un home con cultura, non estudou os seus fillos, que durante a Guerra Civil sufriron a pena das súas Españas: un deles era perseguido pola Falanxe mentre o outro se enrolaba nela.
Na posguerra non podía escribir comparsas e foise apagando, morrendo coa pena, ata o punto de que a última vez que o viron na rúa foi animando aos locais nunha competición de traíñas.
Para dar conta da variedade da súa obra, interpreouse incluso unha muiñeira do propio Arcos Moldes:
E tamén o “Himno de Rianxo”, de José Ramón Nine Piñeiro e Xosé Arcos Moldes:
Como extra, grazas á xeneroridade de José Luís do Pico Orjais, podemos compartir con vós un audio que escoitamos todos os asistentes á presentación. Trátase dunha gravación caseira dos Chapís, recordando cancións de Arcos Moldes:
Grazas por todo. Comoxo
Grazas a Fotos de Rianxo polo comentario da presentación do libro de Arcos, tan ben expresado e ilustrado con fotos; incluindo tamén o apartado musical. Todo moi completo e acertado. Parabéns aos autores.