Grazas á presentación do libro de Arcos Moldes de Comoxo e de Santos descubrín que Rianxo ten un himno, que foi interpretado alí en directo pola Aula de Cultura Musical da Galiza da UNED Senior en Rianxo.
Como curiosidade, sinalar que este himno foi preparado por Arcos Moldes para recibir a Castelao, cando acudiu a Rianxo de visita xa como deputado. Hai que lembrar que os dous traballaron na publicación El Barbero Municipal.
Deixámosvos aquí a letra, transcrita por José Luís Pico Orjais no libro realizado por Comoxo e Santos (páx. 308):
Esperta Rianxo do teu triste sono
e os ollos abre a un novo vivir,
escravo non queiras por máis ser dun dono
que é mingua dos tempos a un amo servir.
Teus fillos mellores de ti van fuxindo
cal dun lazarado se arredan os sans,
chorando coitados, tal vez maldicindo
á terra que cría caciques tiráns.
Escravo da terra, limpa esa morriña,
ti, do mar escravo, sacódea de vez,
nun pulo xigante, espertade axiña
fillos de Rianxo se vivir querés.
Ti que es o berce de Manuel Antonio,
de homes sabidos de arte xenial,
á túa voz xunta ao himno do triunfo,
que en Galiza ceibe axiña se oirá.
Decata que viven os pobos que loitan,
que aqueles que dormen perecen de fin,
esperta Rianxo e a loitar disponte
esperto e loitando poderás vivir.
Mulleres e homes, mocidade rianxeira
de cote adoitados para alleos manter,
cun berro que abrouxe de Viva Galiza!
que Viva Rianxo! Poñervos en pé!
Deixar unha resposta