O 17 de xullo de 2017 pasará á pequena historia de Rianxo como a data na que unha parte diso que somos como pobo se recolleu nun documental. Ese día, non collía un alfinete na Praza de Rafael Dieste para ver Cousas de Rianxo. Trátase dunha obra audiovisual feita para a Comisión de Festas do Carme, na que Duarte Galbán e Román Castaño, xunto a outros profesionais, puxeron moitas horas de traballo e, sobre todo, moito cariño. Duarte e Román cóntannos nesta entrevista escrita como foi o proceso de creación e, sobre todo, a emoción que supuxo para moitos veciños este documental.
– Non se vivía unha expectación tan grande por un filme en Rianxo dende a estrea de Titanic no antigo cine de Rinlo. Agardábades tanta xente?
– Sen lugar a dúbida, non.
Quen nos ía dicir a nós isto? As nosas mellores expectativas non se achegaban a esa acollida.
Foi poñer un pé encima do escenario e quedar abraiados. Non se vía un oco. Era impresionante.
Dubido eu moito que “Leonardo DiCaprio” se sentira a metade de orgulloso que nós de poder ter enfronte tanta xente apoiando. É impagable.
DiCaprio encheu a sala en Rinlo aló polo 1997, colgando o sold out e deixando xente fóra. Vinte anos despois, Román e Duarte, sen ser tan guapos nin tan loiros, tamén encheron a sala… e están ben agradecidos por iso.
– Presentalo nun marco tan bonito como a praza de Rafael Dieste, foi casual? Segundo os nosos cálculos había alomenos 1.500 veciños alí congregados.
– A presentación tiña que ser ao aire libre. Era un dos requisitos. Dende a Comisión do Carme de Rianxo formulouse isto como o peche das festas. Apostaron polo cinema propio, polo talento da casa e pola maxia que alberga este pobo. Como ben describiu un dos membros do equipo (tamén de Rianxo), Fran Gómez: “Unha das cousas que máis me gustou da presentación de “Cousas de Rianxo”, é que o cinema na rúa, por fin, volveu ser un acto social”. Tamén vimos necesario abrir o acto con poesía, para introducir a todos os alí presentes nesa atmosfera idónea para o desfrute do ollo e dos sentimentos. Noelia Gómez, outra rianxeira implicada, e mailas súas verbas foron as encargadas desa tarefa.
Non sabemos con exactitude cantas persoas puideron ver a estrea en directo, pero había xente como para facernos tremer. Unha praza chea, xente sentada, de pé, xente no chan, xente nova, xente maior, familia, amigos…. as escaleiras da Igrexa como nas mellores ocasións, o adro da Igrexa, veciños nas ventás… Todo era xente. Que bonito foi!
– Comentastes que tiñades certo medo. Entendo que a esixencia era moita e tamén grande o temor de que os veciños ao final non se sentiran reflectidos nalgo que fixestes con tanto cariño, supoño.
– As expectativas estaban moi altas e non era doado cumprilas. Toda a vila falaba e coñecía dende facía tempo que estabamos nun proxecto sobre Rianxo, co apoio do Concello e da Comisión. O boca a boca foi correndo, comezabamos a escoitar cousas que non eran reais e que se estaban a falar, polo que a presión era maior. E se non gusta? E se todo o tempo e traballo que levamos investidos nisto non valeron de nada? E se nos esquecemos de algo importante para Rianxo? Había moitas preguntas que facerse. Por outra banda, era un vídeo para a Comisión do Carme e, neste caso, falamos tanto do Carme como do resto de cousas que consideramos fan desta vila o que realmente é… Era outro dos temas que nos preocupaba, mais, os membros da comisión, deixáronnos total liberdade á hora de crear.
Nós queriamos ensinar Rianxo e ao mesmo tempo transmitir os sentimentos que fan que sexamos rianxeiros, diferentes ao resto. Só esperamos que, aínda que sexa, os nosos veciños se sentiran identificados con unha mínima parte do que contamos. Ese era o obxectivo. Obviamente deixamos cousas atrás. Tantas como para facer deste proxecto algo infinito. Houbo xente que nos pediu unha segunda parte, e incluso houbo quen nos pediu un oco de se levar a cabo… e que Rianxo é un pobo animado e participativo, e boa mostra diso é esta “Película-Documental”.
– Os que estades detrás deste proxecto estades acostumados a traballar no mundo audiovisual, a producir e realizar pezas, pero non sei se neste caso ao “traballar para os da casa” houbo que dar o 120%.
– O traballo é o traballo, pero isto, tiña ademais un valor engadido de sentimento que non se pode explicar con palabras. Era un proxecto moi difícil de levantar co presuposto que contabamos, o cal, integramente, foi destinado a cubrir os gastos do equipo (materiais, subsistencias e equipo humano). A maiores disto, os dous levamos un ano movéndonos para chegar aquí. Entrevistas previas con moita xente de Rianxo que nos nutriu de historias e contos, visitas aos lugares de rodaxe, guión… Está claro que puxemos todo o que tiñamos á nosa disposición para sacar adiante algo que representara á xente de Rianxo.
O equipo ten especial importancia neste proxecto. E que que seríamos sen os nosos amigos! Entregáronse ó 120% como se fosen rianxeiros. Unha semana sen parar, durmindo pouco e choiando moito. Instaláronse no Hostal o Portiño, onde Rita os acolleu fabulosamente toda a semana sen pedirnos nada a cambio. Ningún dos membros do equipo (Gustavo, Raquel, Fran, Antón, Diego “Rulos”, Pablo, Dani, Cholo, Viña, Barbanzán, Brais) fixo isto por cartos, xa que non había moitos. Fixérono por nós…. E como nós somos rianxeiros, podemos dicir que o fixeron por Rianxo. De feito, varios deles marcharon sendo un pouco como o noso arxentino Gustavo, un pouco máis rianxeiros.
Falando de Gustavo, ten especial mérito que unha persoa que nunca estivo nun proxecto audiovisual na súa vida, levara a cabo semellante actuación profesional. Ó comezo, pensamos nun intérprete rianxeiro para o papel do arxentino, pero un día, de repente apareceu Gustavo, a dúas semanas de comezar a gravar. Conseguiu ser natural, seguir as indicacións dadas, dialogar e entender a rianxeiros e rianxeiras…. practicou capoeira, cantou, bailou, riu e case chorou. Estarémoslle eternamente agradecidos. De feito, comentounos que visitaría Arxentina nos próximos meses e intentaremos levar as nosas “Cousas de Rianxo” ó outro lado do charco.
– De onde parte a idea de facer este documental e canto tempo vos levou?
– A idea saíu de Javier “O Poteiro”, un dos membros da comisión. Quería facer un vídeo curto para poñer fin ás festas e intentar facer unha velada distinta. Confiou en nós e creron que eramos as persoas que debían facelo, detalle que sempre teremos que agradecer. Déronnos a oportunidade de sacar adiante o noso primeiro filme, e xa sabedes que das primeiras cousas un nunca se esquece.
O traballo completo dende que comezamos a documentarnos é de máis de seis meses. Non podería dicir exactamente canto, pero entre os seis meses e o ano de traballo, tendo en conta que temos traballo paralelamente e que estabamos rematando os estudos. Foi un ano completiño!

Momentos antes da presentación do documental
Seis meses ata a semana de gravación. Despois diso, tanto Rulos como Viña, membros do equipo, puxéronse día e noite “a ello”. E cando dicimos día e noite non estamos esaxerando. Podías ir a calquera hora por alí e atopábalos traballando. A verdade é que os prazos finais foron xustos e chegamos a temer por moitos dos procesos. A banda sonora foi un dos últimos procesos. Menos mal que temos a un auténtico mago da melodía connosco, Antón Alcalde, que xa nos botara unha mao na webserie, pero desta tirouse el con nós ó mar. A pesar de que os prazos se nos viñan enriba, estes tres monstros conseguiron que chegaramos.
– Por que coller a unha persoa de fóra como fío condutor?
– Que lle vai a contar unha persoa de Rianxo a outra que nos poida sorprender? Xa coñecemos a nosa vila, para que iamos indagar nela sen motivo? Necesitabamos poder contarlle a unha persoa de fóra o que somos, como grupo, como vila, como unidade. Somos un, Rianxo, e aquí sucédennos cousas tan fermosas como estas, mira! Necesitabamos transmitir o que sentimos polo noso, pola tradición, pola memoria histórica e polo sentimento de ser rianxeiro.
A clara vinculación de Rianxo e a Arxentina axudounos a configurar toda esta trama. Despois de falar coa xente do pobo (cubrindo certos perfís que tiñamos claros) posuiamos todo o necesario. Polo tanto, usamos a Gustavo como prota, e fomos engadindo todas as pezas con fundamento da vila, para conseguir así, un guiso que teña sabor a Rianxo.
– O que queira facerse cun DVD, como pode conseguilo?
– De momento, o vídeo só vai a estar dispoñible en DVD físico, que se poderá mercar na libraría Cándido e na Boutique Donaire a un módico prezo de 10€. Inclúe fotografías antigas e actuais acompañadas da banda sonora.
– Quedouvos algo pendente que contar neste documental ou contaremos cunha segunda parte máis para adiante?
– Temos moito para contar. A xente de Rianxo en xeral, non nós. Este filme é deles, dos veciños e veciñas, dos que nos atenderon e nos proporcionaron historias. Algo pendente non, esta era unha historia pechada que lle sucedeu a Gustavo dende que chegou á vila ata que namorou, e se quedou. Quen sabe, se nos deixan, igual podemos contar algo máis. Estaría ben “Cousas de Rianxo 2” para 2018…. Aínda que se seguimos coa historia de Gustavo sería máis ben un “Sempre en Rianxo”.
Deixar unha resposta