“Todos en Rianxo queremos un centro de día”

30 Ago

Cúmprense 50 días dende a Plataforma Centro de Día para Rianxo se pechara no Concello reivindicando a necesidade deste servizo para a nosa localidade. Nese sentido, quixemos saber de primeira man as impresións do equipo de goberno sobre este tema e sobre os servizos sociais en Rianxo.

O alcalde, Adolfo Muíños, antes de nada o que nos salienta é que “poucos temas hai de índole municipal que buscaran maior interlocución coa Xunta de Galicia como o centro de día. Non hai fisuras. Todo o grupo de goberno e toda a corporación é unánime na necesidade de que teñamos un centro de día en Rianxo”. Durante a conversa volve insistir en que se trata dunha cuestión que “suscita total unanimidade e unidade”.

Nese sentido, considera moi importante o traballo que se fai dende distintos ámbitos para pedir servizos necesarios para os veciños. Muíños indica que “dende o primeiro momento por parte do grupo de goberno houbo un intento de diálogo coa Xunta a través de solicitudes para tratar este tema. Non fructificaron ata moi tarde co responsable da Consellería e conseguiuse con este conselleiro por fin ter un encontro para tratar a proposta. Pero houbo dous xerentes do consorcio de benestar cos que nos entrevistamos e outras dúas ou tres xuntanzas con dirección xeral de maiores e dirección xeral de benestar, reiterando a necesidade de Rianxo”.

600 intervencións

Fóra xa do que é o tema do centro de día, di que existe un fío de comunicación coa Xunta polo Plan Individual de Atención (PÍA) e por outras demandas que ofrece o sistema de benestar. “É o caso de que haxa suficiente axuda a domicilio, que haxa o programa de xantar na casa ou outro tipo de prestacións para os veciños, que igual non precisan do centro de día pero si que teñen outras necesidades”. De feito, nos últimos oito meses dende servizos sociais realizáronse 600 intervencións, das que 160 foron a domicilio.

Hai por exemplo 58 persoas persoa que reciben axuda a domicilio e unhas 18 ás que se lles leva a comida á casa.

“Nese sentido eu estou moi contento co traballo que se realiza dende servizos sociais no concello porque tramita moitas solicitudes, nun proceso que é engorroso e burocrático, que seguramente debería máis áxil. Pero o problema de acceder ás prestacións non está en Rianxo, senón que é un problema xeneralizado de burocracia”, segundo nos comenta. Así e todo, manexa a idea de “sumar outro asistente social máis”, aínda que expresa o seu temor a que se produza un “funil”, en canto que “tramitamos moi rápido dende aquí as cousas, pero logo chega á vía única que hai na Coruña, onde se estreita (porque non hai persoal ou porque reciben todas as peticións da provincia)”.

Difusión dos programas de servizos sociais

O rexedor rianxeiro considera que os servizos sociais deben ser tan coñecidos como os centros de saúde ou de ensino, debido ás moitas prestacións que ofrecen. Por iso, “no caso de alguén descoñeza os programas que se ofrecen, está en marcha unha campaña que chegará a todas as casas buscando informar disto”. Aínda que considera que “todas ou case todas as persoas dependentes pasaron por servizos sociais para que lles fixeran a valoración”.

Volvendo ao centro de día, teñen o dato de que hai 19 rianxeiros en centros de día da comarca e que hai unha lista de espera doutras 15 persoas que solicitaron poder ser beneficiarios do servizo.

Centro comunitario

E mentres se continúan cos trámites e actos para contar cun centro de día en Rianxo, Muíños fai referencia á creación do “centro comunitario, que tamén o hai en todos os concellos. Un centro gratuíto e de libre acceso. O problema é que en Rianxo o temos que comprar e levantar nós, como tantas outras cousas”. Trátase do antigo Liceo, en Rinlo, e que considera que está no “momento final” tras a previsible axuda da Consellería para o ascensor.

“A previsión é que se avanza o do ascensor se poida abrir o centro a principios do 2018”, segundo nos adianta o alcalde. Entre outras actividades, acolleranse as clases de ximnasia para maiores (que se fan en todas as parroquias e onde asisten unhas 160 persoas), ou os talleres para a memoria (cunhas 150 participantes, tamén nas parroquias).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: