Eva Iglesias: “Dar o pregón da Guadalupe supón o broche a un ano redondo”

7 Set

Este sábado, 9 de setembro, ás 14.00 horas, a nosa veciña Eva Iglesias será a encargada de inaugurar oficialmente as festas da Guadalupe. Farao lendo un pregón polo que di sentir unha gran “responsabilidade porque vai estar todo o concello pendente”. Así e todo, está “moi contenta e desexando que chegue ese día”.

A actriz, cantante e presentadora presume non só de festas, senón tamén de concello. Afirma con enerxía que “son rianxeira e alá onde vou por Galicia levo nome de Rianxo a todos lados”, por iso agarda como o que máis a chegada “destas festas tan marabillosas como son as da Guadalupe”.

“Son rianxeira e alá onde vou por Galicia levo o nome de Rianxo”

Dar o pregón supón para ela “poñer o broche final” a un “ano redondo”. Nada máis entrar no 2017 Eva poñía un pé nas casas de miles de galegos tras dar as badaladas de fin de ano na TVG, acompañada de Gayoso e de David Amor. Tratouse dun “día moi bonito que nunca esquecerei”. En canto ao “Land Rober batemos todas as marcas de audiencia” e agora está a presentar o concurso “Todo queda na Casa”, na Televisión de Galicia.

E se isto fora pouco, hai que lembrar que este ano “foi o día da miña voda”. Casou “aquí en Rianxo e a expectación que tivo quedará para sempre no meu corazón”. Salienta cun sorriso de cariño como “o pobo rianxeiro me apoiou ese día na praza de Rafael de Dieste”, nun momento tan especial para ela.

“Para min actuar na Guadalupe era o máximo. Son as miñas festas”

Volvendo ás festas, lembra que dende sempre desfrutou desta celebración “porque son as miñas festas”. De pequeniña “viña cos meus pais, despois tamén, de adolescente e incluso cando traballaba nas orquestras, na verbena, tamén vin a tocar na Guadalupe”.

E aínda que pode parecer que traballando non vivía igual a festa, di que “desfrutaba como unha anana. Só hai que preguntarllo a calquera compañeiro da orquestra, porque estaba toda a semana dicindo “Tocamos na Guadalupe, tocamos na Guadalupe”. Para min era o máximo actuar na vila que me veu crecer”.

Tan especial é para Eva Iglesias a Guadalupe que un dos momentos máis bonitos que lembra son as festas de 2006. Acababa de gañar “Canteira de Cantareiros”, do Luar. O presidente da comisión de festas, o Xixí, comentoulle “se quería subir a cantar cunha das orquestras. E subín a cantar coa Marbella”. Rememora a homenaxe que recibiu e a entrega dun ramo de flores por parte do Xixí. “Foi todo moi, moi emotivo”, subliña.

“A partir da Guadalupe de 2006 comezou a miña carreira na verbena”

 

“A partir de aí foi cando comezou a miña carreira na verbena”, precisamente coa orquestra Marbella. Viría en máis ocasións actuar á Guadalupe, pero nunca o último día. Aínda que si o fixo nesa homenaxe, algo “espectacular, ver dende enriba do escenario todas as bengalas e todo Rianxo iluminado, cantando a Rianxeira”.

Imaxes xentileza de Eva Iglesias

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: