“Dez anos de traballo e de esforzo. Dez anos de música galega e en galego. Dez anos de música de balde”. Así resumían dende o Rock in Rian o 10º aniversario do Rock in Rian.
Unha década que hoxe, 9 de setembro, celebrarán “por todo o alto con máis de 14 horas de música sen pausa!”.
Así que non faltes á cita. A xornada xa comezou ao mediodía, cun percorrido cultural polo Rianxo dos autores literarios; tras o vermú, xantaron no Parque de Galiza cun concerto de sobremesa de Skandalo GZ.
Pola tarde seguen cunha ruada cos Festicultores para coñecer o Rianxo dos autores, o Rianxo antigo, con especial relevancia á casa do “Poeta do Mar”, Manuel Antonio, onde Odé Zulé realizará o seu concerto de rúa e animación clown e circense.
Xa ás 20.30h, un pasabares con agrupacións musicais rianxeiras (Restreba, Fogo Fatuo, Buxaina, Vai de Roda e os Mercenarios) amenizará a vila.
Por último, a traca final. Será a partir das 22 h volta no Parque de Galiza. Comezará o festival de música propiamente dito e non parará ata preto das 5 da madrugada. Actuarán Festicultores, Dakidarría, Vendetta e Rebeliom do inframundo.
Este ano, ademais, hai zona de acampada, para os que veñen de lonxe ou non queren coller o coche.
Deixar unha resposta