Grazas ao Arquivo do Reino de Galicia puidemos saber que na igrexa de Santa Comba de Rianxo había unha capela que hoxe non existe. Era a capela de San Diego, da cal podemos ver o plano, datado de 1757.
Dende o Arquivo do Reino de Galicia sinalan que “este plano de planta e alzado da capela de San Diego, situada na parte sur da igrexa parroquial de Santa Comba, débese a Clemente Antonio Fernández Sarela, mestre de obras da cidade e cabido de Santiago, un dos arquitectos máis coñecidos do Barroco compostelán”.
Rematan explicando que “procede dun preito na Real Audiencia de Galicia entre don Juan Antonio Ozores de Puga Sotomayor e don Juan Posse de Andrade Rioboo, cura párroco da vila de Rianxo, sobre posesión de bens”.
O pintor e historiador local, Xosé Comoxo, sinala que a capela de San Diego “foi fundada en xullo de 1670 polo crego Diego de Andrade (falecido en 1681). Situouna nun arco-capela que se dicía de San Juan, “que hes propia de la dicha parroquial desde su primera fundación”. Ao efecto, decidiu reedificala de novo e “rretirar al atrio de manera que tenga alo largo tres varas y otras tres en lo ancho, poniendole un retablo en que esten una ymagen de Nuestra Señora de la Concepcion, otra del Señor San Antonio y otra del Señor San Diego…” Polo sitio que ía ocupar no adro, Diego de Andrade sinala de renda anual dous ferrados de trigo para a fábrica da igrexa”.
Deixar unha resposta