“Liñas compartidas”: a ilusión de 22 novas voces presentadas en Rianxo

27 Abr

IMG_3226-2

Onte, 26 de abril, foi un día moi especial para 22 autores. Presentaban un libro no que todos puxeron horas, conversas, discusións, risos, moita ilusión e un grande amor pola literatura. Por iso o título non podía ser máis acadaído: Liñas compartidas.

Preto de 100 persoas acudiron á presentación desta obra coral, que coincidía tamén co suplemento nº 144 A Voz de Barbantia.

O escenario do Auditorio de Rianxo deu acubillo a cinco dos autores, así como ao mestre que os guiou e que fixo realidade o seu soño, o escritor Antón Riveiro Coello. Ademais, tamén interviron Patricia Torrado, da editora Toxosoutos, Daniel Asorey (da Asociación de Escritores en Lingua Galega) e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

IMG_3181

Abriu e pechou este acto tan emotivo Gloria Cespón Gey, alumna da Escola de Música de Rianxo, que tocou diferentes pezas coa súa frauta e lle deu, se cabe, máis altura e sensibilidade ao evento.

A quenda de intervencións comezou con Patricia Torrado, da editora Toxosoutos, quen publica o libro. Fixo referencia a que non se sabe que hai en Rianxo, “se será o vento mareiro” para que ao final haxa tantos autores e se respire tanta literatura. Fixo tamén referencia ao labor tan importante que fai Barbantia a prol da cultura e a aposta que fan dende Toxosoutos tamén pola nosa cultura e a nosa lingua.

IMG_3187

Continuou o escritor Daniel Asorey, da AELG. Pediu aos presentes que, nestes tempos aciagos, onde se ataca a nosa lingua, non deixasen de soñar. “Seguide construíndo soños”, referíndose a que a escritura en galego seguise viva e facendo desfrutar aos lectores de todas as xeracións.

O grande impulsor do libro, Antón Riveiro Coello, quen tratou en todo momento de que o protagonismo recaese nos autores. O escritor foi o profesor do Obradoiro de Escrita Creativa que se desenvolveu en Rianxo a finais do ano pasado. Os textos que se escribiron e se debateron a partir desas clases, son a base que conforman Liñas compartidas.

De feito, como explicaba Daniel Asorey, “en Rianxo tivestes o Premio Gordo ao contar cunha das grandes voces da literatura galega”, para o que pediu un grande aplauso, ante un emocionado Riveiro Coello.

IMG_3186

Marina Losada, unha das alumnas, explicaba que precisamente está a realizar agora mesmo un obradoiro literario na Cidade da Cultura polo que pagou 150€. Pola contra, aínda que o de Rianxo foi gratuíto, “non chegarían nin 1.000€ para pagalo”. Marina falou do bo ambiente do taller e explicou que para ela “o mellor foi abrirme”, ao poder compartir os seus textos e opinións co resto de compañeiros.

Ramiro Ouviña, o alumno de maior idade do obradoiro con 70 anos (a persoa de menor idade tiña 15), manifestou que “quería ser o mellor lector e aprender catro trucos do oficio. Foi, curiosamente, o único que elaborou un relato xuvenil, algo que lle obrigou a pensar moito, co obxectivo de presentar algo digno. Abofé que o fixo. Tanto que o docente do curso lle dixo que detrás había unha novela, polo que pensase ben se non sería mellor alongala e presentala a un premio. Ramiro decidiu incluír o relato no libro e afirma que lle ofrece unha “gran satisfacción” tras ver o resultado.

IMG_3188

Rebeca R. Viturro contou que se apuntara ao curso de rebote, despois de ver o anuncio en Twitter. Levaba tempo buscando en internet e en webs sobre literatura como escribir. No obradoiro rianxeiro, afirma que “desaprendeu” un montón, porque se quitou de enriba moitos clixés para concentrarse no importante: escribir e desfrutar, sen máis. “O obradoiro estivo xenial, non paraba de darlle voltas a todo, era chegar á casa e pensar en que escribir”. Considera que todos se levan moi boas cousas, tantas “que quizais no futuro nos estuden como a Xeración do 19”, dixo entre risas.

Carme Toba, outras das asistentes ao curso, tamén mostrou o seu orgullo polas páxinas que saen desta experiencia colectiva. A pesar de vivir na Coruña e de ter quenda laboral de noite, viña cada sábado coa maior ilusión a Rianxo para aprender e vivir intensamente a escrita. “Recomendo o obradoiro”, indicaba, “a pesar e que custa escribir, de que é un proceso complexo, no que tes frustracións, pero tamén grandes satisfaccións”.

A última alumna en intervir, foi Carmen de Milmanda. Para ela produciuse “un milagre” con este libro. Non sabe se é por Rianxo en si, pero fixo falta que viñesen ata o noso concello para sentir e vivir algo así. “Tivemos o apoio do Concello, da editora e dedicamos tempo e enerxía a facer realidade esta obra”, explicaba. O terceiro elemento do milagre para ela moi o mestre, quen conseguiu que se artellase un traballo en equipo a pesar das diferentes formas de ver de cada autor. “Grazas por ver en nós algo que merece a pena”, remataba.

Adolfo-linhas-compartidas

En opinión do mestre de cerimonios e artífice da obra, “ningún dos relatos do libro desmerece”, ao tempo que cre que a maioría dos autores van seguir escribindo. Expresou a súa sorpresa ao atopar en Rianxo un grupo tan heteroxéneo, de todas as idades, pero tan implicado. “Ser profesor de bos alumnos é fácil”, indicaba Riveiro Coello. Ademais, no grupo creáronse amizades e moi boa relación, algo que fixo que o resultado fose mellor do agardado. Tanto é así, que repetirá experiencia este ano con outro obradoiro en Rianxo.

Quen anunciou isto último foi o propio alcalde, Adolfo Muíños. Para el “é un pracer que un libro saia deste taller. Algo debe haber en Rianxo. Temos unha sorte inmensa, porque en vilas que duplican ou triplican o noso tamaño, non hai a creatividade que temos aquí”, aseguraba. Por esa razón, dende o Concello tratarán sempre de apostar pola cultura e intentarán acompañar aos nosos escritores, como tamén o fixo a Deputación da Coruña, Barbantia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Como asegura Muíños no limar do libro, a “literatura fainos mellores persoas. Feliz viaxe a lombos deste libro!”.

autores-linas-compartidas

Por parte de quen escribe, o agradecemento enorme aos compañeiros pola súa calidez, por esas horas de aprendizaxe, e a Antón Riveiro por alimentar o lume da nosa escrita.

Queda citar a todos os que formaron parte desta viaxe e que atoparedes nas páxinas de Liñas compartidas:

  • Aida Barros Ces
  • Ana Belén Noya Ordóñez
  • Antón Nuñez Millán
  • Begoña Miguéns García
  • Carlos Descalzo Ferradáns
  • Carme Toba Trillo
  • Carmen de Milmanda
  • Iria Figueira Villanustre
  • Luís Miguel Ramos Silva
  • Marina Losada Vicente
  • Mauricia Ces Quintáns
  • Moisés Suárez Abel
  • Mónica González Alonso
  • Natividad Rey Ordóñez
  • Nela Valado
  • Noelia Toledano
  • Óscar Reboiras Loureiro
  • Pepa Martínez Vicente
  • Ramiro Ouviña Ouviña
  • Rebeca R. Viturro
  • Rita Sánchez Dosil
  • Uxía Otero Dios

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: