Compartimos con vós o cuestionario que lle realizamos a Adolfo Muíños, que se presenta como cabeza de lista do BNG á alcaldía de Rianxo.
– O BNG é o partido que está a gobernar agora mesmo e que ten que someterse, por así dicilo, a reválida. Como a afrontades?
– Con ilusión por ser un proceso novo, coa responsabilidade de presentar un programa que se executa, ás veces con aspectos menos desenvolvidos ou atrasados mais que son un guieiro do que fixemos e do queremos facer. E con este programa pasalo á avaliación da veciñanza. Se ela, que é soberana, acabamos en abril de cantar o povo é quen máis ordena, pois a el toca decidir. Mais nós cremos que foi un período mellor que o anterior que comeza a dar froitos e que no balance, cos seus aspectos negativos tamén, van pesar máis os aspectos de xestión positivos no económico, no social, no clima de transparencia e diálogo creado. Imos no camiño corecto.
– Que balance fas dos 8 anos de xestión?
– Pois positivo en canto que se foi saíndo do peor período de crise xeral de hai anos e, sen triunfalismos, e con traballo arreo ir conseguindo a capacidade económica suficiente para conseguir impulsar proxectos importantes como a adquisición do Pazo de Rianxiño, acadar unha subvención de 800.000 euros para cambiar a led a iluminación pública e xuntarlle 200.000 euros do concello, as catro vivendas sociais en marcha ou simultanear dúas escolas obradoiro. Todo iso consíguese se hai solvencia e podes poñer sobre a mesa o 20-30% das axudas, senón non as hai. E, no caso do Pazo, só fondos propios a través dun crédito. Ou facer un investimento de 560.000 euros para melloras nas unitarias e nos colexios. Moi poucos concellos fan tal investimento en educación!
– No seu día indicaches que non continuarías como candidato, pero estás de novo á fronte da lista do BNG. Que aconteceu?
– O respaldo unánime dos compañeiros e compañeiras do BNG local, xunto á insistencia da organización a nivel nacional e tamén a necesidade de rematar algún proxecto que resta e quería impulsar como o do PXOM, consolidar o Liceo como centro social dos maiores, o novo arquivo do Concello ou as vivendas sociais, entre outros.
– Que considerariades un bo resultado e que un mal resultado nas locais?
– Coa fragmentación actual seguir sendo a forza máis votada en Rianxo e gañar algún concelleiro/a sería bo resultado. Mal resultado sería a perda de concelleiros/as.
– Cal é o estado actual do PXOM? No 2015 comentabas que lle quedaban uns meses de traballo, pero continúa pendente de aprobación.
– Si, certo, non se contaba que aparecese no 2016 unha nova Lei do Solo de Galicia que daba dúas opcións: ou volver comezar ou adaptala a esa nova Lei. Escollemos evidentemente ese último camiño porque xa levábamos moito tempo avanzado e tiñamos aprobado inicialmente o PXOM. Houbo que facer modificacións en planos, textos legais e mesmo encamiñar as alegacións presentadas ao abeiro desta Lei nova. Unha vez feito isto ir presentando até 30 informes doutras administracións: patrimonio, estradas, telecomunicacións, medio rural, urbanismo. Hoxe estamos diante do último trámite externo que é o Informe ambiental. Cando este chegue, o que agardo nun mes, a corporación terá que entrar a aprobar as alegacións, cos informes técnicos que dan a razón ao 65% delas e o texto do PXOM en pleno. Do pleno sae a remisión á Xunta outra vez (xa o fixo co texto inicial) e xa lle tocará a eles entón dar resposta definitiva. Custou máis do que parece mais houbo nestes anos un traballo silencioso e constante de informes perante administracións diferentes para ir conseguindo os informes positivos. E o tempo di que foi un acerto aprobar inicialmente o PXOM no 2015 senón estaríamos comezando de cero.
– Un partido da oposición lembraba estes días cuestións pendentes do goberno municipal, como o saneamento en todas as aldeas, a limpeza semestral de camiños e cunetas, a segunda escola infantil, o Centro de Día, o desbloqueo do contrato do servizo de recollida de lixo e a remunicipalización do servizo de abastecemento de auga. Que podes comentar disto?
– Hai cuestións pendentes e outras non, que os partidos reclamamos en conxunto. Por partes: o obxectivo do saneamento integral debe ser guieiro para todos e todas os grupos políticos. En saneamento e abastecemento nestes catro últimos anos levamos case 1.500.000 euros investidos. Se seguimos con este ritmo será factíbel de cinco a seis anos levar a todos os núcleos o saneamento. Dicir que hai unhas obras coa que non se contaba pois nos fiamos da palabra da Xunta que era acometer as zonas de Isorna e Leiro que eles deixaron sen facer no 2011 e agora non queren asumir ese proxecto, polo que deberá ser o Concello quen as planifique como en Quintáns ou parte de Meiquiz ou Or, por poñer dous exemplos.
Máis difícil é o obxectivo do abastecemento por cuestións de cotas de altura cos depósitos actuais. Mais si podo dicir que nun prazo dun ano ou ano e medio levarase traída á parroquia do Araño. A única que estaba sen ela. Isto será posíbel porque aproveitando obras de saneamento instalamos xa as canalizacións de auga para o subministro desde Taragoña. Por iso contamos con chegar á recta do Araño desde A Casilla nese prazo. Logo haberá que continuar subtramos coa vista posta na cota de altura do servizo.
O BNG está decidido a este obxectivo. Tamén a trocos na súa xestión pero non imos parar de investir nas aldeas mentres se analiza o sistema. Por certo foi o BNG quen encarga o estudo para remunicipalizar, quen non amplía o contrato á empresa… Para tomar decisións contrastadas e sen demagoxias. Pois hai que ver as contas desa operación, analizar os investimentos que se deixan de realizar grazas a eses contratos. Hai materia que estudar, mais insisto sen deixar de chegar como fixemos a núcleos afastados da rede xeral como Cerqueiras ou o inminente licitado en Foxacos ou os máis recentemente aprobados na Deputación de Pousada e Burés.
A segunda escola infantil non a ten o Consorcio en axenda. Mais nós si pensamos tres opcións e nas que estamos traballar: oferta de terreos no polígono (hai xa unha parcela municipal) para unha nova escola completa. Segunda: ampliación da actual, en altura non é posíbel mais estamos a avaliar a posibilidade de negociar a adquisición uns terreos privados que teremos que adquirir. Terceira: abrir un módulo nos baixos das vivendas dos mestres que poderíamos adaptar a estes fins e para os que habería un orzamento aprobado no Plan de Obras da Deputación. Quen deberá pronunciarse é o Consorcio sobre estas opcións sobre as que traballamos para dar saída a unha situación que nos preocupa e que nestes dous últimos anos se manifestou, non antes, a falta de prazas, como dicía trece este ano.
E mentres preguntan polo servizo do lixo non se lembran de que se impulsou a Limpeza Viaria nas parroquias. Agora todas as semanas pasan polos tramos máis urbanos de todas as parroquias a facer unha limpeza que antes non se facía. E o que é máis positivo, creáronse seis postos de traballo estábeis nunha empresa de inserción adscritos a este servizo. E por certo, somos o segundo concello de toda Galicia en recibir o premio CEGASAL que dan as empresas de inserción por reservar servizos ás persoas con discapacidade.
Tamén é curioso que algún partido que agora fala de saneamento integral votou en contra de impulsar proxectos concretos de saneamento no Araño como Traba, A Veiga, Pousada e Foxacos. Tamén en Asados: os de Lustres e Burés que van no último plan de obras da Deputación. Pois son obras que encamiñan a ese obxectivo final e non se implicaron nel.
– Cales son os grandes logros que consideras que se acadaron nesta última lexislatura?
– Pois unha delas á a compra do Pazo de Rianxiño como sede dun futuro Centro de Día e de atención ás persoas con demencia. Claro que non hai fórmulas máxicas pois é o propio Rianxo quen as está solucionando. Aquí non hai complicidades máis que o apoio da Deputación. Pero precisamos da Xunta para garantir a xestión pública.
A creación de vivenda pública de alugueiro social (imos con catro e camiñamos a catro máis) é un logro a partir das vellas vivendas dos mestres. Ademais de ser un acerto restaurar solucionará carencias a oito familias numerosas, ou monoparentais ou desafiuzadas ou con baixos ingresos. É fantástico e un exemplo a seguir. Algunhas vilas máis grandes ou cidades non teñen este parque, humilde pero un primeiro chanzo e agardo tamén permita a baixada de alugueiros.
O cambio a leds do 70% das luminarias e cadros de mando do Concello.
A apertura definitiva do Liceo é outro servizo para os maiores que non tiñamos. E móntao Rianxo só, é para estar orgullosos. Cando non haxa cumplicidade doutras administracións poder impulsar servizos básicos.
E en pequena dimensión, crear dunha escombreira a carón do polígono unha zona libre de eucaliptos, un novo bosque de ribeira, onde traballa unha escola obradoiro para os menores de trinta anos… aos que amamos o verde é moi satisfactorio.
Por non citar en patrimonio o pasar dunhas pezas arrumbadas nunha nave de obras a declararense Ben de Interese Cultural e expoñerse no auditorio ou formar parte da exposición do século en Vigo xunto o pergamiño Vindel, un orgullo como rianxeiro.
E ese castelo da Torre ou da Lúa posto en valor.
E son moitas as actuacións que valoras, grandes e pequenas, que resolven un problema a un veciño ou veciña: un saneamento, un abastecemento, como ese chegar por fin ao Araño coa traída cando parecía imposíbel pola distancia. Ou a Cerqueiras (a primeira depuradora autónoma).
Mencionei antes o investimento para poñer o día as nove unitarias do Concello. Pouca xente sabe que somos dos concellos de Galicia que máis unitarias ten. E dedicar recursos suficientes propios é un logro.
E teño que mencionar que tamén sabemos chegar a acordos con outras administracións como son os catorce millóns da Unión Europea e a Xunta para implusar a segunda depuradora ou o tanque de tormentas que están en marcha. Isto é ir en prol do saneamento integral do Concello. Sen demagoxias. Con traballo e sendo constantes nas reclamacións.
– Se puideses solucionar “de forma máxica” na primeira semana de goberno un dos problemas que afectan a Rianxo, cal sería?
– A maxia destinaríaa a ampliar do 33% actual ao máximo a ocupación do polígono para que a reserva prevista no PXOM tivese que usarse. Creo isto daría lugar a crear emprego próximo, dotalo de novos servizos como unha escola infantil, etc. Mais aviso, non existe a maxia, nin varas máxicas, aínda que aparecen ás veces vendedores de fume, pero as solucións custan sacalos adiante en tempo e recursos e dicir que non é algo que se aprende no goberno, non na oposición, para dicir si a unha postura e á contraria á vez.
-E cales consideras que son os tres retos ou necesidades principais que ten o Concello nestes momentos?
– Saen máis de tres seguro. Un mencioneino antes no parágrafo anterior da maxia, mais voltos ao traballo duro e cotián cómpre seguir a proporcionar as parcelas que, aínda que non son nosas, hai quen semella non sabelo que as quere ceder, se non son nosas! Si nos vai o empeño en colaborar en sacalas adiante. Até onde podemos estase facendo con campañas publicitarias e medidas fiscais de calado como son bonificacións na contribución ou do imposto de obras que poden ter rebaixas de até o 95% durante tres anos. Puxemos tamén videovixilancia e luces led, promovemos a rede ultrarrápida para abranguer empresas instaladas nas proximidades. Todo buscando promover as vendas e instalación de novas empresas e xerar empregos de calidade.
O segundo sería a elaboración consensuada e a activación dun plan de dinamización comercial que apoie o noso comercio próximo e loite contra o comercio por internet que se está a espallar ou contra as áreas comerciais das cidades que acollen a moitos dos nosos veciños nas compras. E querémolo facer con medidas concretas e contrastadas de apoio ao comercio.
E un terceiro sería actuar no viario de Rianxo que, aínda que se están a dar pasos neste senso, precisa un plan de choque para nuns anos resolver as súas carencias. Un aspecto máis concreto que esixe actuación potente.
Podería engadir un cuarto que como está fresco na memoria é a necesidade de mudar a ordenación do monte a as especies que o habitan. Cada ano os incendios atentan contra a riqueza forestal e o patrimonio natural de Rianxo. Cómpre darlle unha volta e apoiar iniciativas como Fousas o Monte ou a recente plataforma de comunidades que buscan o troco deste modelo baseado só no eucalipto.
Un quinto sería acometer melloras urbanas entre as que apunto: resolver a falta de actuacións de Portos de Galicia coa cesión de espazos sen uso, o impulso ao náutico, a renovación da fachada marítima. O encaixe da AC-305 de Asados a Taragoña con novas beirarrúas unha vez o tráfico está encamiñado pola autovía.
– Cales son as liñas fundamentais do programa do BNG en Rianxo para estas eleccións?
– Os cinco puntos inicio do programa:
Un Concello máis social. Avanzaremos no camiño de completar as prestacións sociais da veciñanza de Rianxo como a posta en marcha do Centro de Día tras a compra do Pazo de Rianxiño. Nestes anos véñense de triplicar as horas de atención en Axuda a Domicilio para as persoas con dependencia. Ou a posta en marcha do centro social de Rianxo, o Liceo, impulsado polo Concello. E como reto impulsar a cesión á Xunta para crear unha residencia pública para os maiores. Damos de balde unha parcela para ese fin! Ou tamén nos tocará impulsala a nós? Xa sei a resposta case.
Mellores servizos públicos. Como a educación, concretada na renovación de todas as escolas unitarias do Concello e melloras en todos os centros de ensino público. Este verán comezamos coa renovación das xanelas de dous centros.
Tamén a ampliación do saneamento para tentar acadar o 100% das vivendas nestes catro vindeiros anos.
Vivenda social. Incorporamos ao fondo de vivenda de alugueiro social as antigas vivendas dos mestres de Rianxo restauradas e que se poñerán ao servizo da xente con menos recursos. Seguiremos a aumentar a bolsa de alugueiro público que baixe os prezos.
Queremos ser a referencia cultural no Barbanza. Na terra de Castelao, Dieste, Manuel Antonio… cómprenos ese papel. Coidando o patrimonio: rehabilitando o Castelo da Torre, limpezas dos Mouchos e Campiños… Nas Cercas, en Isorna, incorporámonos ao proxecto Idade do Ferro da Deputación.
Un Rianxo para traballar. Promovendo a formación a través das escolas obradoiro e potenciando o Parque Empresarial con melloras como foi a dotación de cámaras de vixilancia, iluminación led e rede ultrarrápida. Somos Concello emprendedor con importantes bonificacións fiscais para empresas que se instalen aquí.
Un Rianxo para vivir, o Urbanismo. Tras a longa tramitación do PXOM, chegou o momento da aprobación definitiva. Contando con todos os informes doutras administracións cómpre dar o paso definitivo. Pretendemos ampliar ao rural a Área de Rehabilitación Integral (ARI) para acceder directamente a axudas para rehabilitación.
– Por último, por que os rianxeiros te deberían votar ou devolver a confianza?
– Só prometo seguir traballando de maneira constante, que as cousas non se resolven con maxia ou promesas dun tempo electoral senón con atención continua aos problemas e con sentido común. Ademais, creo demos mostras de sermos solventes e accesibles, dialogantes e abertos a acordos con outras forzas nun marco incerto sen maiorías. E penso estivemos cada vez que houbo un problema que nos chama aínda que non sexa competencia do Concello: o xeito e a pesca artesanal, o ataque da Lei de acuicultura e da Mina de Touro á ría, a falta de servizos médicos como pediatría, matrona ou persoal do PAC de tarde. Traballo, firmeza, constancia e man tendida ao diálogo. Ese é a nosa credencial.
Deixar unha resposta