Compartimos con vós o cuestionario que lle realizamos a Julián Bustelo, que se presenta a través do partido Rianxo en Común á alcaldía de Rianxo.
– É a primeira vez que concorres nas eleccións municipais. Pódeste presentar aos que non te coñezan?
– Chámome Julián Bustelo, son arqueólogo, veciño do Araño, e traballo como investigador predoutoral na Universidade de Santiago de Compostela. Nas anteriores eleccións municipais non formei parte da candidatura de Rianxo en Común, mais foi entorno a esa data, a das eleccións, cando me sumei ao proxecto e comecei a traballar cos compañeiros e compañeiras.
– Nas anteriores eleccións non ías nas listas de Rianxo en Común. Que leva a alguén, sabendo o desgaste persoal que ten, a dar este paso na política?
– Vimos, a nivel xeral, un contexto de retroceso nos dereitos sociais e nas liberdades individuais e colectivas, un contexto marcado polo paulatino empobrecemento e precarización dos máis, mentres que uns poucos son cada día máis ricos, nun contexto así, aínda que recoñezo que non é fácil dar o paso, penso que non nos podemos permitir quedar calados, hai que tomar partido e defender os intereses da cidadanía agredida. Hai política hai que facela, porque cando non a fas outros fana por ti, e daquela róubanche a democracia, róubanche o Concello, e até che rouban o reloxo e a carteira si te descoidas.
– É a segunda lexislatura na que Rianxo en Común forma parte activa da vida política no Concello. Como afrontades este novo ciclo?
– Con moita ilusión e con moitas ganas de acadar a alcaldía para poder implementar o noso programa de goberno. Non foi doado tampouco dar este paso a nivel colectivo, tivemos moitos días de debate e de reflexión na asemblea, mais finalmente, botando unha ollada ao traballo feito, mais tamén mirando cara o futuro, decidimos presentarnos de novo as elección municipais para recuperar Rianxo para a xente, porque, honestamente, pensamos que somos a única alternativa posible a un goberno sen iniciativa, sen ideas, como foi o goberno de Muiños estes últimos catro anos.
– Que considerades un bo resultado e que un mal resultado nas eleccións?
– Presentámonos ás eleccións para gañalas e para poder levar a cabo cada unha das medidas que conforman o noso programa de goberno. Ese é o único resultado no que pensamos e para logralo faremos a mellor das campañas.
– Houbo unha renovación nas listas, aínda que se manteñen moitos membros da lista de hai catro anos. Que nos podes contar dos que vos presentades este ano?
– Coido que isto é un síntoma de boa saúde democrática e unha boa sinal de que a veciñanza é consciente do traballo que fixo Rianxo en Común estes catro anos. Fronte a quen pretende entrar nas institución para fosilizarse nelas, nós somos conscientes de que estamos de paso, de que o que ten que perdurar é o noso traballo. Isto, xunto coa incorporación de veciños e veciñas interesadas e ilusionadas polo que representa Rianxo en Común, é o que explica a configuración da candidatura que presentamos nesta ocasión.
– E cales consideras que son os tres retos ou necesidades principais que ten o Concello nestes momentos?
– A despoboación, a perda de tecido empresarial e comercial e a adecuación dos servizos no rural. Dende o ano 2011 Rianxo perdeu 676 habitantes, converténdose no Concello da comarca que máis poboación perde, e o que o fai a unha maior velocidade. Se ben é certo que vivimos un contexto xeral de despoboamento das áreas máis rurais do país, o feito de que Rianxo supere en moito a media dos municipios da súa contorna, débese á falta de oportunidades no noso Concello, á un tecido comercial e empresarial cada vez máis mermado e a unha periferia rural no que cada día se fai máis difícil artellar un proxecto de vida pola falta de servizos e posibilidades.
Nestas áreas máis periféricas de Rianxo a precariedade dos servizos e das infraestruturas é notable. A estrada que conduce a Cerqueiras e a Campelo está impracticable, no Araño levamos anos demandano unha beirarrúa que una os Xens con Burés e entre a Casilla e Contrés. A maioría dos contedores de recollida do lixo levan anos sen cambiarse nin lavarse, e no verán os cheiros son insoportables en moitas zonas. O saneamento aínda non chegou a todos os fogares do Concello, e a traída de auga municipal….nin está nin ninguén a espera polo momento.
– Sodes un partido de esquerdas, como o que goberna en Rianxo, pero curiosamente parecedes o máis crítico coa xestión municipal. A que se debe isto?
– Fomos os máis críticos por méritos propios do goberno de Muiños, pola súa desidia e falta de iniciativa. Durante a última lexislatura presentamos máis de medio cento de mocións, porén, a pesar de que moitas delas foron aprobadas, algunhas mesmo por unanimidade, o certo é que o goberno de Muiños foi gardando unha tras outras nun caixón baixo chave, e nunca máis quixo saber delas. Ademais, e coido que é importante, nesta lexislatura o goberno do BNG presentou só 2 orzamentos, no 2016 e no 2018, e en ambas ocasións preferiu pactar a súa política co Partido Popular en lugar de mirar cara a súa esquerda, que penso que é onde estamos nós.
– Nas eleccións xerais a Marea non tivo uns bos resultados. Nunca se pode comparar unhas xerais cunhas locais, pero cres que vos pode afectar esta situación?
– En absoluto. No 2015 concorremos ás eleccións dentro da colación “Son”, mais todo aquilo que no seu día naceu da ilusión e da esperanza de xente anónima por artellar unha alternativa aos partidos do réxime do 78, axiña se veu contaminado polos intereses de parte e polos xogos de cadeiras. Para iso que ninguén conte con Rianxo en Común. Desta volta concorremos ás eleccións como un espazo autónomo, coa única meta de traballar polo interese dos veciños e veciñas de Rianxo, que coido que nos xulgarán polo traballo que xa fixemos, e non polo que fixeron outros noutras esferas.
– Cales son as liñas fundamentais do programa de Rianxo en Común para estas eleccións?
– O noso programa de goberno está composto por un total de 101 medidas e ao que se pode acceder a través da nosa páxina de Facebook. Mais permíteme insistir en que non é un programa pechado, senón un punto de partida dende o que seguir artellando a noso proposta e sempre aberto ás demandas e ideas da veciñanza. Estes días estamos repartindo polas casas de Rianxo un folleto no que están recollidas 15 desas 101 medidas, que coido que son representativas do sentido xeral que ten o noso programa. Esas 15 son:
o Implantaremos os Orzamentos Participativos. Reservarase unha parte dos orzamentos municipais anuais para a posta en funcionamento de proxectos que sexan propostos e elixidos pola propia veciñanza.
- Fixaremos un límite de dous mandatos para os representantes políticos de Rianxo en Común, e establecemento dun calendario de encontros coa veciñanza para render contas e resolver dúbidas.
- Crearemos un Centro de Información á Muller, un servizo no que se preste asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, información en materia de recursos dispoñibles no ámbito territorial e calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade real das mulleres.
- Desbloquearemos o PXOM e os servizos municipais, apostando pola súa xestión directa.
- Elaboraremos e implantaremos un Plan de Dinamización do Comercio Local para o período 2019-2023.
- Crearemos un Espazo de Coworking, isto é: un espazo de titularidade municipal no que se faciliten despachos, servizos e asesoramento, a persoas que queren botar a andar un negocio e non se poden permitir alugar un local.
- Implantaremos unha liña de micro-créditos, a xuro cero, para que quen ten unha idea de carácter empresarial conte co respaldo do concello.
- Impulsaremos o Mercado de Abastos como espazo de comercialización de produtos da horta de do mar, artesanais e ecolóxicos vinculados co territorio.
- Estableceremos unha liña de axudas para que os propietarios de fincas cultivadas poidan incorporar dispositivos e medidas de prevención contra os ataques do xabaril.
- Impulsaremos un Plan Comarcal de Acción contra o Furtivismo e a creación do selo de calidade “Xouba de Rianxo”.
- Estimularemos unha xestión sustentable do monte, concedendo axudas a particulares para a repoboación dos seus terreos con especies autóctonas e apoiando os proxectos de aproveitamento dos recursos forestais (biomasa, madeira, froitos do bosque…).
- Adecuaremos e manteremos de maneira axeitada dos vías e espazos públicos, limpeza semestral de camiños e cunetas e limpeza e reemprazo dos contedores de recollida de lixo que o precisen.
- Demandaremos que se cubran as prazas na escola infantil, e construír unha aula de estudo e un local de ensaio, espazos en instalacións municipais cos servizos adecuados para realizar as actividades aos que están destinados.
- Ampliaremos a oferta de ocio para a rapazada, e crear novas áreas de xogo e actividades lúdicas realizando tamén actividades de adecuación e mantemento nas existentes.
- Impulsaremos a construción dun Centro de Día en Rianxo, e reclamaremos que a Xunta asuma as súas competencias en materia de política social facéndose cargo da súa xestión.
– Por último, por que os rianxeiros te deberían votar?
– Como dicía antes, porque honestamente penso que somos a única alternativa de esquerda ao goberno de Muíños, un goberno esgotado e sen iniciativa. Despois destes 8 anos de parálise, pensamos que é necesario abrir as ventás do Concello, para que entre aire fresco que impulse as medidas de rexeneración democrática e de revitalización da economía que o noso municipio tanto precisa.
Deixar unha resposta