Había calor na Praza de Castelao. Calor de festa, de amigos, de risas e de música. Así que os 22º de temperatura só acompañaron o sentimento de centos de rianxeiros que comezaron a Guadalupe como é tradición, coa conta atrás para un chupitaso que inicia 8 días de festa.
Os mellores días do verán estaban a agardar por unha Guadalupe tardía. Así despediremos por todo o alto a estación, con ganas de máis e de soñar en imposibles, en “para o ano 15 días”.
O encargado de axudar as Juadalupeñas a botar o foguete inicial foi o televisivo Duarte Galbán. Ademais de terra de escritores e de músicos, ben podemos dicir que tamén somos agora terra de artistas que presumen de orixe.
Duarte contou que temos as mellores festas de toda Galicia e el disto sabe moito pola súa experiencia percorrendo celebracións na TVG. Ademais, como o xefe da policía local se vai xubilar, vai estar todo permitido. Son 8 días para a troula e a diversión máxima. Iso si, diversión sa.
Como nas últimas edicións, o palco da música está afastado do lugar do chupitaso. Así, os que non queren acabar arrecendendo a viño do país ou pegarse un refrescante baño alcólico, pódeno facer sen problema. Iso si, a Praza regouse ben.
Tras a actuación do grupo Broken Peach, un DJ animou a todos con cancións dos 80 e dos 90. Tivemos looks para todo os gustos, pero triunfou sobre todo a cor e referencias musicais como Madonna, Michael Jackson ou os rockeiros.
Deixar unha resposta