Tag Archives: fotos de Rianxo

Nuco e o Museo de Nós Nuco

24 Mar

Como sabedes, estamos a preparar unha exposición titulada Ruando Rianxo, patrocinada polo Concello, na que buscamos descubrir a nosa localidade a través das súas xentes. E unhas das persoas que terá o seu pequeno oco, é Nuco.

Cando naceu, puxéronlle Robustiano, pero de aí a cousa pasou a Rubustianuco e, finalmente, a Nuco, como o coñece todo o mundo. E para quen non o coñeza, velaquí a súa ficha de presentación: Nuco Losada Romero, nacido en 1945, “un rapaz de Rianxiño, fillo de Antonio e de Flora, que non é de Uruguai nin de Nova York”, pero que non deixa de ser un artista autodidacta cunha gran obra.

nuco2

Para descubrires o seu potencial artístico, só tedes que pasarvos polo seu museo de Rianxiño onde nin tan sequera cobra entrada. Tedes as indicacións postas na entrada de Rianxo (xunto á rotonda do pavo real), aínda que sorprende saber que as tivo que pagar el do seu peto. Porque Nuco quere amosar ao mundo que o que fai tamén é digno, ten calidade e paga a pena. “Teño moita forza e non vou parar“, comenta mentres nos ensina o seu museo. “A min ninguén me axudou nunca”, pero iso non quita que no 2012 entraran a ver as súas esculturas “unhas 900 persoas, de Calanda, de Negreira, de Vilagarcía, de Canarias, ingleses, franceses… que tamén consumiron no concello, así que tampouco custaba nada sinalizar o museo”. Pero non, saíron do seu peto.

O museo de Nós Nuco está feito no baixo da súa casa. Son uns 150 metros cadrados, o que supuxo moitos anos de loita, “recibindo moitos parabéns e alegrías, pero tamén levando moitos paus, sobre todo ao principio”. Trátase dun museo “feito por un home só, que non deixa de ser unha punta de lanza convidando a outros artistas a crearmos unha rede de museos, que podemos”. Nuco mesmo indica que “sería moi bonito que Rianxo fora a terra dos museos“.

nuco3 nuco4

Porque Nuco ten corazón de artista, pero mans de currante. Foi case toda a vida carpinteiro de ribeira e para poder crear tiña que durmir moi pouco. “Téñome deitado ás 3 da mañá e levantado ás 7 para ir ao traballo. Aquí hai moito sacrificio”, confesa. Ao tempo, explica que ese esforzo era visto por moitos como un compartamente pouco habitual, porque “no seu día chamábanme O Loco da Colina. Hoxe en día ninguén o fai, porque o Loco do Colina sabía o que quería”.

De feito, é un home de verbo fluído e de ideas claras. As dúas horas que estamos con el pasan rapidamente. É un pracer poder escoitar as explicacións de cada una das obras que saíron da súa imaxinacións e do seu traballo. Así por exemplo, cando nos amosa unha peza sobre a emigración dinos que el a viviu en persoa, “así que sei o que se sente. É unha dor moi profunda, que che afecta a todo”.

nuco1

E no momento de ver unha escultura sobre a lingua, coméntanos que en ocasións van escolares ao seu museo e lles transmite a idea de que a lingua “está nunha cárcere, porque pensamos en galego pero non o falamos. Cada un é libre de falar a lingua que queira, pero que non pensen que por falar castelán un vai ser máis intelixente, porque a intelixencia é patrimonio de quen a ten“.

Déixovos aquí unha entrevista que lle fixemos a Nuco, para que poidades afondar mellor na súa personalidade e na súa obra. Aínda que o mellor é que vos pasedes directamente polo seu museo, o coñezades en persoa e poidades desfrutar das súas creacións 😉

– A súa primeira escultura foi un deus maorí no Pacífico. Por que esta obra? Como naceu esa idea?
– Nesas datas estaba eu navegando a bordo dun container holandés, eran tempos nos que aínda usaba a pintura como canle de expresión artística. Lembro que quedara sen material para pintar nunha vila moi pequena de nome Maunganui e como me atopaba predisposto a facer algo, ocorréuseme esculpir nun pequeno tronco de madeira de teca un deus Maorí: Marakihao, mítico ser mariño de rostro humano e lingua bífida, coas mans abertas sobre o ventre. Estiven un ano en diferentes vilas e cidades de Nova Zelandia, a palabra “maorí” significa “ común, normal”. A escultura éncheme porque a partir dun debuxo é necesaria unha grande loita contra a materia para chegar a un fin que se poida considerar artístico.

– Antes tamén practicara a pintura, pero non o enchía. Que atopou na escultura que non tiña a pintura?
– A escultura é tridimensional pero tes que traballar catro caras, todas distintas. Podemos dicir que nunha escultura coexisten catro cadros desiguais. Fago escultura porque me gusta e se houbera que nacer para algo, estou seguro que eu nacería para ser escultor. Todo o que fixen na miña vida diferente a iso, en certo modo consíderoo tempo perdido. Sinto paixón polas artes, pintei ao óleo pero a pintura non me acaba de encher, un pasa media vida buscando para o que valer, e cando o atopa dedícase a iso con todas as forzas; eu considérome afortunado porque atopei a miña canle de expresión: a escultura.

nuco5

– Cal é a obra da que se sente máis orgulloso?

– Moi difícil dicir de que obra me sinto máis satisfeito, unhas teñen simbolismo, outras forza expresiva, e outras unha execución superior. Non obstante, iso moitas veces non é suficiente para considerar a unha obra a máis querida. Considerando que eu son o pai de todas elas, por exemplo se un pai ten catro fillos, tres sans e un enfermo, posiblemente o seu cariño máis grande o leve o máis débil, o fillo enfermo; iso e o que me pode pasar a min. Aprezo a todas igual, non quero ciumes aquí dentro, en todo caso prefiro que sexa o espectador quen marque as diferenzas.

– Como é o seu proceso creador? Tarda moito en elaborar cada obra?
– O tempo que me leva facer unha escultura, depende case sempre do meu estado anímico, hai días que os paso dando voltas polos camiños da preguiza, sen ganas, e de repente xa na escurecida ao mellor éntrame unha especie de febre e póñome a traballar ata ben entrada a noite sen saber como me atoparei o día seguinte; difícil tarefa poñerlle data de acabado a unha peza miña.

– Traballa coa pedra, co ferro e coa fibra de vidro. Son materiais moi distintos entre si. Como decidiu cambiar duns a outros? É autodidacta á hora de aprender a traballar estes materiais?
– Ao longo de todos estes anos cambiei varias veces de material. Gústame estudar cada un deles, saber que se lle pode conseguir, e tamén demostrarme a min mesmo que podo facer unha escultura no material que se me antolle. Son autodidacta en todo, a miña universidade non ten teito nin paredes, é a escola da vida.

– O logotipo do seu museo ten unha antena, xa que busca captar calquera cousa que o poida inspirar. Que foi ata o de agora o que máis o inspirou: os libros, a personalidade da xente, a tradición…?
– No meu logotipo destaca unha antena que ten dúas facetas ben distintas: emisora é receptora, as ideas para facer as miñas esculturas proveñen dos feitos que se dan nesta grande obra de teatro que é a vida e tamén do que vexo na natureza.

– Boa parte da súa obra ten unha relación moi estreita con Galicia e con Rianxo. Necesitaba plasmar o que o rodeaba?
– Nun principio sentín a necesidade de plasmar nos meus traballos todo aquilo que me era máis próximo e me falaba da miña terra, nado en Rianxo era moi difícil non facer un percorrido polos persoeiros da literatura, os oficios, a tradición. Xa logo, máis adiante, as miñas esculturas fixéronse máis universais, cosmogónicas.

nuco6

– Cre que moitas veces se confunde o talento e a creatividade coa loucura?
– Non creo que a xente corda confunda talento e creatividade coa loucura, pero aínda que así fora, bendita loucura. Algunhas persoas aprovéitanse da extravagancia para disimular a súa mediocridade e a mellor virtude que pode ter un artista e a sinxeleza, a simplicidade… e obra. O hábito non fai o monxe.

– Como xorde a idea de crear un museo?
– Comecei a facer esculturas e a contalas, o día que non souben cantas tiña díxenme a min mesmo: chegou a hora de ter un museo, eis o Museo de Nós Nuco.

Podedes visitar gratis o Museo de Nós Nuco de luns a sábado de 18.00 a 21.00 horas, ou ben concertar previsamente visita para outros horarios no teléfono 981.86.02.85 ou no correo riodexeixos@hotmail.com

50.000 grazas

18 Mar

50000_1

50000

Hoxe colgo un par de fotos comigo (que non miñas, porque son do amigo Xoán Antón) para agradecervos unha cifra que non deixa de ser significativa: 50.000 visitas ao blog. A algún de seguro que lle parecen poucas, pero a min parécenme demasiadas para un pequeno proxecto que trataba de recoller en fotografías todo o que ten Rianxo. Era unha forma de descubrir os recunchos de cada unha das nosas parroquias, ao tempo que podiamos coñecer aos nosos veciños ou ben ter información de eventos interesantes.

O blog, ademais, cumpriu o pasado mes de febreiro nin máis nin menos que catro anos. O 16 de febreiro de 2009 abría esta bitócara cunha foto da estatua de Castelao na Ribeira. Así que toca unha dobre celebración.

Facendo números, o que máis se busca no blog son as fotos das festas da Guadalupe. De feito, no mes de setembro e de outubro as visitas dispáranse sempre 🙂 Pero tamén é moi consultada a sección de Rianxeiros, a dos Cruceiros, a dos pazos do Concello (o dos Calotes e o de Baltar), e tamén a entrevista a Vanessa Martínez e a reportaxe a Esther Carrodeguas. Outro dato curioso é que despois de España está Estados Unidos en canto a visitas, e despois veñen Alemaña, Suíza, Uruguai e Francia.

Como moitos xa sabedes, vivo por causa do traballo (e agradecido que estou) na Coruña, aínda que como bo rianxeiro sempre que podo veño ata a terra, así que non sempre podo facer todas as fotos que me gustaría. Dende hai uns meses, non obstante, Xoán Antón Castro tamén escribe e publica neste blog, así que quero darlle as grazas polo seu traballo, porque moitas das visitas son mérito del. Intentaremos afondar a partir de agora nunha etapa máis informativa neste blog, sen perder a referencia fotográfica e a recompilación de imaxes dos lugares interesantes da nosa localidade. E tamén daremos boa mostra do que estamos a facer para a exposición de Ruanxo Rianxo.

Agardo que sigades participando neste blog porque é un pracer a vosa visita 😉

Fotos antigas do Pazo dos Calotes nun proxecto artístico

8 Xan

Hoxe poño aquí un pequeno tesouro, unha curiosidade fotográfica que naceu dun proxecto artístico que desenvolveu a miña irmá Sheila cando estudaba Belas Artes en Pontevedra. Son fotos sacadas hai uns dez anos, cando o Pazo dos Calotes do Araño aínda estaba caendo a cachos. De feito, as imaxes realmente foron sacadas cunha cámara analóxica e estas instantáneas son fotos das copias en papel que ela sacou.

O proxecto artístico quería contar a historia dun espírito da familia dos Calotes, que esperaba un século despois da súa morte e atopaba en ruínas o que fora o seu fogar. Agardo que vos gusten.

Pazo dos Calotes fabi500-2 fabi500-3 fabi500-4 fabi500-5 fabi500-6 fabi500-7

O duro traballo das mariscadoras

5 Xan

O día de fin de ano, non sei se o lembrade, pero choveron chuzos de punta, de tal xeito que aquilo parecía un temporal do vento e da auga que caía. O caso é, pasando polo coche á altura do Pazo, me sorprendeu que a pesares dese tempo as mariscadoras estivesen a traballar, xa que me parecían condicións moi malas.

Volvín coa cámara media hora despois, pero só tiven tempo de sacar dúas fotos cando medio recollían. Do vento que fixo, rompeume o paraugas, así que con isto xa volo digo todo.

mariscadoras

mariscadoras

Cabazas do Samaín no colexio Castelao de Rianxo

1 Nov

Antes de nada, agradecerlle as fotos a Xoán Antón Castro, que sempre nos cede xenerosamente as súas imaxes para o blog.

Cruceiro de Abuín

19 Out




Petroglifos da Foxa Vella

14 Out

Aínda que non é sinxelo de atopar, indo en bicicleta dei con este petróglifo da Foxa Vella. Está preto da autovía, do lado de Leiro. O acceso está limpo, pero non sinalizado.