O auditorio de Rianxo tivo a honra de acoller o inicio da xira 2013 de Roi Casal.
Teño que dicir que ao principio pensei que a afluencia non sería moi alta. Sempre somos de queixarnos de todo, de querer todo gratis e tendo en conta de que se trataba dun concerto de pagamento, moita xente tírase para atrás. E xa digo que a falta de 5 minutos para o comezo do concerto, había unhas 60 persoas no auditorio. Pero, sorprendentemente (ben por Rianxo), ao final vendéronse unhas 215 entradas, polo que non estivo nada mal.
Roi Casal e todos os membros dos grupos comezaron cunha canción que el mesmo definiu como “macarrada”, pero bastante animada.
Teño que dicir que o que máis me gustou foi sobre todo a voz de Silvia Ferre, da que ademais me enterei que é rianxeira de adopción (e asturiana de nacemento). Roi canta ben e toca de marabilla, pero a voz de Silvia é deliciosa e enche os oídos, regalándonos momentos impresionantes.
Entre canción e canción Roi confesábanos que os xornalistas moitas veces chamábano sen saber que tipo de música facía, pensando que era música “intimista”, por iso de que toca a arpa (ademais de moitos outros instrumentos). Pois non, toca sobre todo música galega de tipo pop, aínda que nunca canción se marcou un dúo zanfona-guitarra eléctrica que era puro rock. Si que houbo un momento intimista, cando con só a arpa e a voz de Silvia cantaron unha canción de cuna que Roi compuxo para o seu fillo.
Ao final do concerto case todo o auditorio acabou bailando a última das cancións do repertorio de Roi Casal e o aplauso foi enorme. Por certo, que o pianista é rianxeiro, Alfredo Susavila.
Teño que dicir que me encantou a voz de Silvia Ferre, pero que na canción “Maxicamente vello”, Roi Casal me puxo a pel de galiña. Aquí vos deixo un vídeo de Youtube:
Deixar unha resposta