Pecha a residencia de escritores e de creadores de Axóuxere

1 Xan

A través do xornal Certo acabo de enterarme de que pechou a residencia que abriu hai dous anos a editora rianxeira Axóuxere na aldea de Brión, en Leiro. Era un espazo no que creadores de todo o mundo podía pasar uns meses e escribir, compoñer ou desenvolver a súa obra con total liberdade e sen gastar un peso. Ademais, organizaban cursos e xornadas con eses novos artistas, para que os rianxeiros puidesen, ao tempo, aproveitar esas estadías e aprender novas cousas.

Foto de La Voz de Galicia. Irene La Sen na Residencia de Escritores

Agora, este fermoso proxecto, ten que pechar por falta de apoio institucional e sen capacidade de recursos por parte de Axóuxere, que continuará editando libros. Velaquí o seu comunicado:

“Amig@s,

Hai algo máis de dous anos que, na casa de Axóuxere na aldea de Brión, en Rianxo, comezamos a lle dar forma a un proxecto que latexaba desde había tempo no noso corazón. A idea era configurar un espazo propiciatorio para o traballo creativo en calquera das formas que este se puidera dar; un espazo que, fóra da lóxica da produción e do imperativo do resultado, permitise un fluxo do tempo propio, libre de determinacións alleas ao proceso creativo —e vital— das persoas. A este proxecto demos en chamalo Residencia de Escritores.

Neste tempo pasaron pola nosa pequena comunidade persoas de moi diferentes —afastados e próximos— lugares. Ben a través das convocatorias “oficiais”, ben a través dos vínculos que no decorrer cotián ían dándose naturalmente no encontro e no intercambio que a dinámica do espazo propiciaba. Xente do Brasil, Mozambique, Venezuela, México, Portugal, España, Italia ou Polonia; xente tamén, por suposto, da Galiza. Creadoras e creadores, configuradores de mundos e investigadores nas máis diversas realidades que o ser humano tece nos tempos actuais. Especial atención prestamos, por resonancia obvia, ao ámbito lusófono, que se revelou en todo momento unha fonte de crecemento inesgotábel para o despregue da nosa cultura e supuxo unha apertura ao proceso de re-coñecerse outro a través da lingua. Compartiron ademais as súas artes coa xente de Rianxo e cos que de fóra quixeron achegarse aos obradoiros creativos e as lecturas organizadas de xeito aberto e gratuíto, abrindo así a experiencia da residencia á contorna, a ese tod@s que somos. Nese contexto, o espazo serviu tamén de soporte para encontros e eventos nos que xentes amigas doutras editoras, do mundo do teatro, da arte ou da música, alimentaron o fluxo de intercambio creativo continuo. Foi emerxendo así —nese fluír e nese co-crear— unha trama que, ao mesmo tempo que se tecía, revelábase sustento, abeiro dun anceio común, dunha procura de coñecemento e desenvolvemento colectivo.

As ganancias deste camiñar coñéceas cadaquén d@s que, dun ou doutro xeito, andaron o camiño. Paramos, agora, e non precisamos ollar cara atrás para darnos conta de que xa non somos @s mesm@s, de que fomos atravesad@s por moitas correntes que nos modificaron, que nos enriqueceron, que entraron a formar parte de nós. Mais tamén é certo que foi necesario un esforzo constante da nosa parte pois, alén da enerxía precisa para manter toda actividade potenciadora de procesos creativos, non deixamos en ningún momento de lado o labor editorial. Este esforzo, que nos produciu un grande desgaste, non foi acompañado, porén, de apoio ou implicación real por parte de entidade ou institución algunha, o que fai que a día de hoxe teñamos esgotado os nosos medios para seguir levando o proxecto adiante. Comprobamos que, contrariamente á idea promovida desde a cultura institucionalizada, o soporte material para manter unha iniciativa semellante non ten que ser, en absoluto, elevado; mais esixe, iso si, compromiso, ganas de apostar pola cultura (de modo aberto e sen interese persoal ou partidista), e un mínimo para manter as condicións de vida con dignidade, cousas estas que, tristemente, a día de hoxe apenas se encontran no noso país. Non reivindicamos, nin moito menos, a dinámica dunha “cultura subvencionada”, onde vicios estendidos na nosa terra, como esa endémica loita por manter o pequeno espazo de control xerárquico a custa do que sexa —e de quen sexa—, se transmiten desde as esferas do poder institucional —da cor que sexa— aos axentes culturais en todos os seus niveis —creadores, funcionarios, intermediarios, etc.—, pero si consideramos que os recursos que as administracións xestionan —e que pertencen á xente— non poden ser secuestrados, e que deben ser orientados sempre ao ben común. E, acaso non é a cultura —lonxe dun mero elemento de ocio e espectáculo, banalizado, baleiro e inocuo, como moitos nos queren facer ver— un ben común que nos nutre e nos impulsa, a través do seu potencial transformador, a coñecer e experienciar novos territorios individuais e colectivos do noso ser?

Vémonos empurrados, porén, por estas circunstancias, a abandonar a Residencia de Escritores e o espazo onde a desenvolvemos, na aldea rianxeira de Brión. Continuaremos, iso si, coa nosa senda editorial, reconcentrándonos neste aspecto do noso proxecto e realizándoo na medida das nosas posibilidades.

E, mentres erguemos a haima para continuar o camiño, lanzamos ao vento beizóns e agradecementos para aquelas persoas que, dun ou doutro xeito, fixeron parte desta etapa, coa súa presenza permanente ou esporádica, alimentando e ampliando o seu espírito; e tamén ás veciñas e veciños de Brión, que nos acolleron este tempo entre eles. Talvez o futuro nos traia de volta cun novo vento, talvez non. Talvez veñan outros proxectos, outros lugares ou outras persoas; nós estaremos ou non, mais o espírito permanece.

A TAZ levántase, os nómades volven ver cos seus ollos abertos a extensión innumerable do horizonte. A súa boca profire: Croatan”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: