Tag Archives: axóuxere editora

Pecha a residencia de escritores e de creadores de Axóuxere

1 Xan

A través do xornal Certo acabo de enterarme de que pechou a residencia que abriu hai dous anos a editora rianxeira Axóuxere na aldea de Brión, en Leiro. Era un espazo no que creadores de todo o mundo podía pasar uns meses e escribir, compoñer ou desenvolver a súa obra con total liberdade e sen gastar un peso. Ademais, organizaban cursos e xornadas con eses novos artistas, para que os rianxeiros puidesen, ao tempo, aproveitar esas estadías e aprender novas cousas.

Foto de La Voz de Galicia. Irene La Sen na Residencia de Escritores

Agora, este fermoso proxecto, ten que pechar por falta de apoio institucional e sen capacidade de recursos por parte de Axóuxere, que continuará editando libros. Velaquí o seu comunicado:

Seguir lendo

Advertisements

Ofertas culturais en Rianxo para a fin de semana.

4 Abr

 

  • Venres 5 e sábado 6 de abril – Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo
    • OBRADOIRO DE ESCRITA CREATIVA: Da realidade ao papel (sobre a creación de personaxes) impartido por Elisa Iglesias Gil dentro do programa de residencias da Editorial Axouxere coa colaboración do Concello de Rianxo. O prazo de inscrición remata o venres 4 de abril   Máis información
    • http://www.concelloderianxo.es/documents/11480/0/Cartaz+Elisa+Iglesias+Gil+WEB+GRANDE.jpg/18304f96-0cb8-46bb-8926-c07a45e3c83d?t=1363890470763
  • Sábado 6 de abril  – 12.00 horas – Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo 
    • PROXECCIÓN AUDIOVISUAL E INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN Un mar de Mulleres organizada polo Grupo de Acción Costeira 7 (Vigo-A Garda) e a Asociación Mulleres en Acción. A exposición poderá visitarse dende o 6 ata o 20 de abril e dende o 22 abril ata o 5 de maio nos centros culturais de parroquias (lugar e horarios anunciaranse con antelación) Máis información
  • Sábado 6 de abril  – 18.00 horas – Auditorio de Rianxo 
    • CONCERTO ORQUESTRAS XUVENÍS cargo do alumnado mozo de  Estudio, Escola de música (Santiago de Compostela) e da Escola de música Juan Francés de Iribarren-Sangüesa (Navarra) coa colaboración do Coro de Nenos de Estudio, escola de música, Combo tributo a John Scofield de Estudio, escola de música, Combos da Escola Juan Francés de Iribarren, Alumnado e combos da Escola de Música de Rianxo e o Alumnado do Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela Máis información
  • Domingo 7 de abril  – 20.00 horas – Auditorio de Rianxo 
    • TEATRO  O Tempo do Pájaro Pinto, estrea da obra póstuma de Andrés Martínez “Pancho” a cargo do Cadro Artístico de Teatro, Música e Danza de Rianxo baixo a dirección de Xaquín Lorenzo. Aforo limitado, as entradas (máximo 2 por persoa) poden retirarse unha hora antes do comezo da representación Máis información

Axóuxere Editora, un proxecto con alma rianxeira

18 Out

A que de seguro que moitos non coñeciades a existencia dunha editora de libros nacida en Rianxo? Pois si, porque en Xens (na parroquia do Araño) ten a súa sede Axóuxere Editora, un proxecto no que xogan un papel fundamental dous rianxeiros: José Manuel Tubío e Roberto Abuín.

Moitas veces, ao falarmos de libros e de literatura pensamos nos escritores, pero non nos lembramos dunha parte fundamental: dos editores. Eles buscan textos interesantes, danlle a oportunidade a creadores novos, axudan a difundir o pensamento, contribúen á normalización da nosa lingua… Sen editores os Castelao, Manoel Antonio e Rafael Dieste tampouco serían quen hoxe son. Así que é moi de loar o traballo e o esforzo que están a realizar estes dous mozos emprendedores rianxeiros, e máis nestes momentos de incerteza.

De esquerda a dereita, José Manuel Tubío e Roberto Abuín

“Que acontece pasa, que en tempos de crise non imos facer nada? Imos quedar na casa agardando? Nós decidimos tirar para adiante coa idea”, confesa José Manuel Tubío. Pola súa banda, Roberto Abuín comenta que “esta crise non é económica, senón de valores, unha crise ética que afecta á conciencia humana, á socioloxía. Estamos a perder o solo ético e humano; Axóuxere non ansía só gañar cartos, senón tamén dar que pensar, mover as conciencias”. Ao tempo, confesa que “oxalá isto vaia para adiante porque temos moitas gañas”.

Nacemento

Axóuxere Editora, como idea, naceu xa hai varios anos vencellada á Universidade Autónoma do Atlántico (Uniat). Buscaban crear un espazo universitario de aprendizaxe centrado nas humanidades. Non chegou a callar porque desapareceu a Uniat pero a idea continuaba intacta. Así que unha vez que Roberto Abuín volveu de México, onde traballaba nunha editora, atopáronse de novo todas as persoas que estaban a darlle voltas á cabeza para editar libros de pensamento e de ensaio en galego. E seguiron e seguiron ata que en xuño deste ano se constituíron como unha pequena editora independente “a nivel de mercado e de subvencións”, como salienta Roberto.

José Manuel comenta que “estamos a ser o que faltaba en Galicia”, xa que os seus “libros de pensamento libre” non eran doados de atopar na nosa comunidade. E precisamente chegan nun momento de especial necesidade destes textos, no que a crise económica, a clase política e os problemas sociais fan que escritos como o Indignádevos de Stéphane Hessel sexan unha referencia para moitos lectores. Cos seus textos, dende Axóuxere “mesmo nos adiantamos a outras editoras”, explica Roberto.

De momento só editan en galego, aínda que non pechan as portas a outras linguas. Como sinala o propio Roberto, “aspiramos a ir do particular ao universal. Algúns dos libros que editamos non están nin en castelán”, así que aspiran a chegar a máis públicos.

Títulos

Tendo en conta que hai poucos meses que botaron a andar, de momento os libros que podemos atopar en Axóuxere Editora non son moitos, aínda que irán aumentando pouco a pouco (de feito, de aquí ao Nadal xa están a traballar en catro obras novas). Un dos que máis destaca é TAZ. Zona Temporalmente Autónoma, escrito polo norteamericano Hakim Bey (seudónimo de Peter Lamborn Wilson). O que para moitos é pai ideolóxico dos hackers, escribe nesta obra “un dos manifestos ou textos-fonte de moitos dos movementos sociais contemporáneos”.

José Manuel Tubío coa obra TAZ. Zona Temporalmente Autónoma

Hai poucos días presentaron tamén Inmanencia viral, e para tal ocasión contaron co seu autor, o mexicano Fausto Altazi. Dende Axóuxere definen esta obra como “unha lúcida análise crítica do devir contemporáneo, facendo unha inmersión profunda nos tópicos da cultura pop, a industria do porno, o punk, a realidade virtual e outros submundos a través dos cales zumega a orde epistemolóxica imperante, o relato do poder e as súas tramas de control subxacentes”.

Outra das obras que ofrecen é Chamamento, un texto anónimo distribuído en Francia no 2003, no que os seus autores buscan “crebar as formas en que o imperio nos conformou nunha sensibilidade estéril, vaga e conformista”.

Fóra desta liña de pensamento e crítica teñen a obra Carabranca, de Iván Sende. Trátase dun libro que mestura texto e ilustracións e está enfocado a un público máis infantil.

Musas gregas

Cada colección de libros dentro de Axóuxere Editora ten o nome dunha musa porque a asocian a un valor. É o caso de Clío, vencellada coa historia e o pensamento, e coa que eles buscan contextualizar e dar unha visión a certas cuestións do pensamento e do futuro.

Calíope, a musa da fermosa voz, acollerá textos de carácter narrativa de experiencias de desenvolvemento persoal. De momento non teñen ningún libro, pero xa apuntan a autores como Tiziano Terzani con Un adiviño díxome ou Cartas contra a guerra. Ou ben a Sara Maitland con Unha viaxe ao silencio.

Por último, en Polimnia estarán os “textos de combate”.

Roberto Abuín co último dos libros distribuídos por Axóuxere, Inmanencia viral

Distribución

Os libros de Axóuxere Editora pódense comprar a través da súa web, ou ben nunha serie de librarías de toda Galicia. Nun primeiro momento a súa idea era falar eles directamente cunhas 15 seleccionadas previamente, pero xurdiulles a oportunidade de traballar coa distribuidora Prama (que está formada por catro editoras independentes), o que lles dá a oportunidade de chegar a máis de 40 librerías, de centrarse exclusivamente no traballo de editores e de ter unha mellor retribución (o normal é que o 33% dos cartos do libro vaia para a editora, outro 33% para a distribuidora e o 33% restante para a libraría; neste caso a distribuidora leva o 20%, polo que os editores poden quedar cun 50%).

Futuro

Aínda que a ideal inicial é seren unha editora, “algo está quecéndose” dentro de Axóuxere e todo fai indicar que nun futuro se convertan nunha “produtora cultura”, como eles confesan, mesturando a escrita coas novas tecnoloxías e o audiovisual.

Ao tempo, tamén están a perfilar, xunto coa Universidade de Santiago, como crear un espazo dixital para a produción e innovación literaria empregando aplicacións multimedia. É o que chaman o proxecto Telémaco.

Dentro de poucoas semanas tamén presentarán un proxecto de escrita colaborativa coa xente chamado Zoopolitik, e feito coa Universidade Invisíbel. A idea é presentar na súa web durante un texto os textos que van ir incluídos nun futuro libro para que todo o mundo os poida mellorar, reformular, dar ideas…

Queda claro que non estamos ante unha editora máis, senón ante unha que nace nun tempo adverso, que o fai con ideas moi claras e novidosas e que de seguro que dará que falar nos próximos anos.