Un ano máis, hai que felicitar a Comisión de Festas de San Pedro de Vilas polo estupendo traballo que fan. É unha celebración nun marco incomparable, pero que moitos rianxeiros aínda non coñecen pola propia localización do lugar, pero que paga a pena visitar e vivir, porque hai un ambiente inmellorable. Ademais, a organización gastou máis de 2.000 euros en actuacións musicais, o que amosa o traballo e o esforzo realizado.
A cousa pintaba mal para a celebración, xa que a noite do venres ao sábado caían xerras de auga. E para o sábado non pintaba demasiado ben a cousa. Por fortuna, o tempo portouse e o sábado fixo un día inmellorable. Houbo nubes, si, pero o único que provocaron foi algo de sombra e pouco máis.
Non pensaba que ía facer bo nin o polveiro, que se comprometera a levar unha carpa grande para que a xente se puidera resgardar. Lonxe diso, levou unha normal para os que quixeran comer porque “total, pouca xente iría”. Equivocouse. Como tamén os prognósticos meteorolóxicos e foron moitos, tanto de Asados como do resto de parroquias de Rianxo os que se deixaron caer pola festa. A maioría chegou en coche, outros foron a pé, pero tamén houbo quen tirou de tractor, de matraquillo ou incluso de cabalo.
A romaría de San Pedro de Vilas é desas celebracións antigas, nas que botas todo o día na festa, dende a mañá ata que o corpo aguante. Porque se trata precisamente de festexar. Por iso, foron moitos os que se quedaron a comer, levando comida da casa ou ben aproveitando que había polbo e churrasco.
Máis dun botou a sesta debaixo dos piñeiros, mentres outros pasaban a sobremesa xogando á brisca e ao tute. Pola súa banda, os pequerrechos desfrutaban dos hinchables.
E tamén había cativos que querían darlle a benvida ao verán xogando a mollarse con pistolas de auga. Non sei se por envexa ou polas bebidas espirituosas, pero os maiores tamén quixeron unirse ao xogos.
Pero o corpo pedía máis. Así que algún xa se aventurou a inventar un novo deporte de verán: o esquí montuno. E abofé que maneiras e estilo non lle faltaban:
Faltaba un dos pratos fortes da xornada: o lanzamento de alpaca. Había moita expectación e moitas ganas. E a verdade é que houbo emoción ata o final. De feito, comezou abrindo o concurso o subcampión (e a persoa que máis veces lanzou a alpaca, todo hai que dicilo).
Pero detrás del foron moitos outros:
Ata se animou Óscar, que aproveitou a xornada festiva para bautizar alí ao seu fillo:
Non obstante, había piques e gañas de ser o campión nesa modalidade agro-deportiva:
As féminas tamén se sumaron á competición:
Pero o masterchampionoftheuniverse foi Breogán. Non foi dos primeiros en tirar, pero si puxo o listón moi alto na súa primeira marca. E cando o superaron, volveu batir sen maior problema os seus rivais:
Éche ben interesante esta información. Parabéns á veciñanza e grazas por a compartir.
E fantastico ver como as romerias collen mais auxe cada ano.