Hoxe pola noite, ás 21:00 horas, poderemos desfrutar da estrea de “Celtas sen Filtro”. Trátase dunha obra de Méndez Ferrín representada por Teatro Airiños baixo a dirección de Esther F. Carrodeguas. Terá dúas representacións no Auditorio de Rianxo, tanto o venres 14 e como o venres 21 de novembro.
A obra está recomendada para maiores de 12 anos. As entradas teñen un custe de 2€ e poden adquirirse de forma anticipada na perruquería Chuchamel (Asados), Estanco Xacobiño (Asados), Cafetería Castelao (Rianxo), Bar Berberecho (Rianxo) e no Auditorio de Rianxo (unha hora antes do inicio de cada representación)
E cando a obra remate, que mellor que pasarse polo Toffe para desfrutar dunha actuación dos Perucos, acompañada dun magosto con queimada e licor café gratis! Será a partir das 22:30 horas da noite e, ademais, por cada consumición, repartirase unha rifa para entrar no sorteo dun descenso por río en kayak.
Xa na xornada do sábado 15 de novembro, ás 21:00 horas, poderemos desfrutar da obra “GO ON!” É unha odisea cómica escrita por José Luis Prieto e dirixida por Marcos Orsi na que os actores Xoque Carbajal e Jouse García interpretarán a dous exploradores espaciais que entraron nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea.
A obra está recomendada para todos os públicos. As entradas son de balde e poden retirarse (máximo 2 por persoa) unha hora antes do comezo da función.
A función está enmarcada no programa Outono Cultural que organiza a Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Rianxo ao abeiro da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Ademais, ata o 29 de novembro, pode visitarse a exposición de pintura de Salvador Figueira Laíño “Sendeiro de volta“, tamén no Auditorio de Rianxo.
Xa sabedes: aínda que chova, a diversión non para!
Deixar unha resposta