Todos coñecemos de seguro a capela da Illa da Toxa. A súa gran peculiaridade é que está cuberta de cunhas de vieira. Aínda que no noso concello esa solución non é habitual, si que temos algúns exemplos parecidos.
A foto superior correspóndese de feito cunha vivenda situada en Isorna, no lugar de Quintáns, moi pretiño do mar.
Un arquitecto rianxeiro, que non quere ser citado, coméntanos que se trata dunha solución bastante cara, polo era moi raro empregalo. E cando se facía era porque a familia tiña bastantes cartos.
Nestroutros exemplos, vemos outra vivenda, neste caso da parroquia de Leiro, moi preto da súa praza.
Ao igual que a vivenda anterior, esta solución arquitectónica só se aplica na fachada suroeste.
Por que se aplica só nesa fachada? Como nos explica o arquitecto, tratábase de algo que en principio semellaba moi laboriosa na época. Era unha solución que buscaba a impermeabilización. Non servía para o illamento térmico, senón para protexer a vivenda da chuvia.
Dese xeito, esa a fachada máis exposta á humidade. “As borrascas con chuvia veñen do mar, e o mar nesa zona queda máis ou menos ao suroeste”, comenta o arquitecto.
Iso si, resulta moi estraño o caso da vivenda de Isorna, xa que ten bastantes ocos expostos á chuvia. Non pasa o mesmo na casa de Leiro, que ten moi poucas fiestras e espazos para que entre a luz por esa fachada.
Agora xa sabedes que en Rianxo tamén hai fogares que están recubertos de cunchas de vieira. Pero como vedes só nunha das fachadas. E o motivo non era ornamental ou decorativo, senón simplemente práctico: que non entrase a auga.
Iso si, como vedes era un traballo moi artesanal, que requería moito tempo e para o que facían falla miles de cunchas.
Destacamos tamén este post, dun blog da Illa de Arousa que nos pasaron, onde se indica que alí tamén quedan moi poucas casas con esta peculiar técnica mariñeira.
Un caso curioso é do arquitecto César Portela, que utilizou esta solución para a Casa da Cultura de Cangas.
Tamén cómpre citar, entroutras, a Casa Natal de Castelao, na Rúa de Abaixo.
Pois ese é un fallo imperdoable. A verdade é que non era consciente de que tivese cunchas. Mira ti a de veces que pasaría por diante.
O arquitecto cambadés Xosé Xoan Martínez Costa tamén acostumaba deixar a súa rúbrica en cada obra a través dun mura feito con cunhcas de vieiras, así moitos edificios e vivendas da zona do salnés teñen parte dalgunha fachada realizada con esta solución, aínda que a modo, mais ben, anecdótico.