Un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) sempre é un documento polémico. En todos os concellos. Así que quixemos informarnos un pouquiño máis sobre o tema e tamén explicar distintas cuestións que, como cidadáns e veciños de Rianxo, nos afectan.
Por ese motivo falamos con Carlos Bastos, veciño de Asados e arquitecto. Como profesional da materia que é, leva tramitadas polo de agora unhas 35 alegacións particulares ao PXOM, ao tempo que asesorou a outras 70 (entre as que me inclúo eu, polo que aproveito para darlle as grazas).
Na conversa que tivemos que con el tratamos distintos puntos que intentamos resumir a modo de preguntas e respostas, aínda que non se trata dunha entrevista. É dicir, a información está estruturada así pola nosa parte, buscando agrupar mellor as distintas cuestións que nos explicou.
Que é exactamente un PXOM?
É a normativa que establece onde se pode construír, onde non, que hai construído, cal é noso patrimonio arqueolóxico e natural…, e que intenta establecer a medio prazo como planificar o desenvolvemento urbanístico no territorio, segundo as normas vixentes. Máis información.
É necesario un PXOM?
Sempre é necesario un documento que intente poñer un pouco de sentido a como nos organizamos e a como facemos as cousas. Por poñer un caso que todos coñecemos de hai anos. No seu día permitiuse construír en Biescas un camping no antigo curso dun río, e a cousa acabou como acabou. Por iso é importante deixar unha zona mínima de seguridade na que non se permite construír preto dos cauces de auga.
Ademais, a sociedade evolucionou moito, polo que non é o mesmo como nos organizábamos hai 30 anos que como nos organizamos hoxe en día, polo que é bo ir revisando cada certo tempo as normas que regulan o urbanismo. Ver por onde é bo poñer unha estrada, etc.
Carlos Bastos comenta a modo de ilustración como hai tempo, para ir para Leiro, se ía pola praza de Castelao, pola rúa do Medio e despois pola do Hospital. Despois pasamos a tirar de Rinlo para a rúa de Rosalía de Castro, onde está a Casa do Mar. E agora xa imos por Rianxiño e despois por diante da escola. E seguramente no futuro se vaia directamente por Rianxiño sen pasar por Rianxo, como se recolle no PXOM.
Cantas vivendas permitirá construír este PXOM?
Hai máis de 3.000 vivendas previstas.
Non son moitas 3.000 vivendas para Rianxo?
De boas a primeiras si, sobre todo se temos en conta que o noso Concello leva anos sen aumentar a poboación. Así e todo, para moitos serán insuficientes e de seguro que hai alegacións para incluír máis.
De todos os xeitos, hai que pensar que 3.258 vivendas é algo teórico, polo que é case impsible que se cumpra. Carlos Bastos explicounos que “dende o ano 1985 ata o 2011 se construíron en Rianxo sobre 2.000 vivendas”. As máis de 3.000 de agora teñen algo de “trampa”, xa que moitas delas non serán construíbles. Non todo o mundo lle dará outra altura á súa casa ou fará dúas ou tres casas nun terreo. Por iso, o normal é que non se realice máis do 50% das vivendas previstas e “no caso das de rural (1.190) incluso se fala dun máximo de 30%”.
Por último, explicar que o equipo redactor realiza este aumento de vivendas en base a “uns acordos e informes existentes sobre Arousa Norte, onde se fai de forma conxunta un cálculo de poboación e crecemento”. Senón, na Xunta non se aprobaría un PXOM con este crecemento.
O PXOM fano os membros da corporación municipal?
Non. O Concello saca a concurso o PXOM entre as empresas autorizadas en Galicia para poder desenvolver un proxecto deste tipo. Xeralmente lévase o concurso quen presenta a mellor oferta económica e coas mellores condicións técnicas.
A empresa que se encarga de elaborar o PXOM ten que contar cun arqueólogo, cun enxeñeiro, cun economista e con outros profesionais especialistas no tema. O plan tense que facer adecuándose a máis dunha ducia de normativas existentes. E hai que enviar despois o documento aos organismos pertinentes a que lle dean o visto bo: á Deputación, a Costas, a Augas de Galicia, Medio Ambiente, Ministerios, á Xunta…
Se agora non existe PXOM, por que se pode construír en certas zonas en Rianxo?
En Rianxo non existe un PXOM, pero aplícanse as normas subsidiarias de 1985. Era, por así entendernos, o PXOM daquel momento, pero non tan elaborado. Como nos aclara Carlos Bastos “no mes de decembro pasado, cando se publicou no DOGA o tema do PXOM de Rianxo non deixaron de estar aínda vixentes” estas normas subsidiarias. Hai unha aprobación inicial, pero “mentres non saia publicado de forma definitiva non será a normativa” que rixa no noso Concello. Estamos nunha situación entre planeamentos urbanísticos onde “hai que que cumprir as dúas normativas en caso de pedir algunha licenza no concello”. Se en dous anos non sae publicado o novo PXOM, continúan vixentes as normas subsidiarias do 85 como normativa municipal.
Onde podo ver o PXOM?
Podes ir ata a Casa do Coxo ou ben descargalo da web do Concello de Rianxo.
Por que en sitios con luz, auga e rede de sumidoiros non se pode construír?
Porque hai distintas normas a nivel autonómico e estatal que restrinxe. As fincas do rural, por exemplo, están afectadas polo artigo 13 da Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUG). Este artigo prohibe facer vivendas en parcelas, aínda que haxa sumidoiros e o resto de servizos, se non se cumpren os distintos requisitos do nomeado artigo.
“Se o núcleo é tradicional, como pode ser o de Isorna, Sestelo, Devesa, Ermida, Ferrería,… onde se identifica claramente un núcleo compacto con bastante antigüidade, só se pode ter aí unha finca baleira edificable se está a menos de 50 metros dalgunha casa tradicional”, explica Bastos.
De feito, “no caso de identificar o núcleo como de tipo común, como hai moitos por Rianxo, aínda así, só poderían ser edificables as parcelas que de forma conxunta non pasen de 2 de cada 3 sen edificar, polo que hai que buscar conxuntos de parcelas onde haxa bastantes vivendas xa existentes, porque senón tampouco cumpriría a lei”.
Debería presentar unha alegación ao PXOM?
Se cres que hai algo mal ou que se pode mellorar no PXOM, si. Pensa que se se aproba, unha vez feito, non hai marcha atrás e non se poderá corrixir. Así que aproveita o prazo de alegacións. Despois será tarde.
Canto custa presentar unha alegación ao PXOM?
Nada, é gratis. No propio Concello ou na web tes unha folla para presentar a alegación e entregala no rexistro. Na documentación tes que indicar o número do catastro da parcela sobre a que quere alegar (no caso de que a reclamación sexa sobre ese punto). E tamén tes que achegar unha copia do plano, marcando a zona concreta afectada. Pódese incluír a documentación que se desexe, como fotografías, informes técnicos, etc.
Agora ben, a alegación pódese tramitar a través dunha empresa ou dun profesional, como é o caso de Carlos Bastos que cobran polo seu tempo e traballo.
Faranme máis caso se unha alegación a fai un profesional ou unha empresa?
Depende. Loxicamente un profesional ou unha empresa especializada coñece moito mellor o tema e, a nivel técnico ou de documentación pode presentar unha alegación máis completa. Pero hai casos nos que calquera podemos documentar de xeito moi sinxelo un erro no PXOM e que se arranxe.
Por poñervos un exemplo. Na finca dos meus pais non figura o hórreo, que está pegado á pista e ten mínimo medio século. Para figure ben no PXOM non é necesario pagarlle a ninguén, xa que poñendo unha foto se demostra que houbo un erro.
Dende a empresa redactora do PXOM xa indicaron que simplemente con demostrar que se equivocaron á hora de poñer algo, xa o van corrixir.
Do mesmo xeito, se tes unha finca ao lado dun río e queres construír, por moito que un profesional che faga a alegación, a lei é clara e non o permite. Así que gastarías os cartos e aplicando os criterios técnicos, seguirías igualmente sen poder edificar á beira do río.
Cal é o prazo para presentar unha alegación ao PXOM?
O prazo remata o 3 de marzo. O mínimo que obriga a lei é un mes. En Rianxo déronse dous meses para presentar alegacións e agora, como se están presentando bastantes reclamacións e había xente que non se informou antes, aumentouse outro mes máis.
Distintos partidos , colectivos e asociacións como o PP, Leiras de Rianxo ou a ARE pediron que se ampliase, e o Concello aceptou esta petición.
Que pasa despois destas alegacións?
A empresa encargada de elaborar o PXOM recíbeos, estuda cada alegación e ten que emitir unha resposta a cada caso, que pode ser a favor ou en contra. En todo caso, todas teñen que estar argumentadas e explicadas as razóns polas que se decidiu facer así.
É normal que un PXOM teña alegacións?
Si. Noutros casos de concellos próximos houbo arredor de 1.500 alegacións, polo que é normal que os veciños participen e indiquen se están de acordo ou non co proposto no PXOM.
Se un PXOM ten moitas alegacións pódeno tirar abaixo?
Non. As alegacións permiten mellorar o documento inicial. Pero non todas as alegacións se van poder recoller, xa que hai leis que impiden levar adiante certas propostas. Que haxa máis ou menos alegacións non vai implicar que o documento non sexa válido a nivel técnico ou legal. O PXOM o único que o pode tirar abaixo é a Administración pertinente, como a Xunta de Galicia.
Se despois das eleccións municipais hai cambio de goberno, vai cambiar o PXOM?
O PXOM en ningún caso se vai aprobar antes das eleccións, xa que existe un prazo mínimo de 3 meses para responder as alegacións, e o último pleno da corporación municipal será o último xoves do mes de abril. Así que na próxima lexislatura, goberne quen goberne, é cando se aprobaría ou se rexeitaría o PXOM e se mandaría á Xunta para a súa aprobación.
A día de hoxe o BNG e o PSOE, así como a Xunta de Galicia, aprobaron o que é o documento inicial do PXOM, sen incorporar aínda as alegacións. E o PP abstívose, non dixo que está a favor nin que está en contra. Vistos os exemplos doutros concellos nos que houbo un cambio de goberno e o PXOM estaba xa moi avanzado, ao final tramitouse igualmente o documento.
Así que nestes temas é mellor ser rigorosos e ter claro que detrás hai unha serie de leis e de criterios técnicos. Ademais, unha vez aprobado no pleno municipal, son as administracións de distinto signo as que teñen que aprobalo ou rexeitalo definitivamente. E a Xunta é a que vai ter a última palabra.
Sería mellor tirar este PXOM e facer outro novo?
Non. En primeiro lugar porque sería tirar cartos, en canto que un proxecto deste tipo custa moitos miles de euros. Así que sería gastalos sen sentido e despois pagar outro tanto para comezar de cero.
E empezar dende o principio tampouco ten sentido, porque canto máis se tarde, máis restricións terá o PXOM. Hai que pensar que este tipo de normativas se basean na lei de Galicia do 2002, que se revisa cada certo tempo; a última vez no 2010. E agora mesmo están mirando de novo o tema na Administración Autonómica, polo que seguramente en breve haxa cambios para controlar máis todo.
Así que o máis sensato e o máis económico é facer todas as alegacións oportunas, mellorar o PXOM o máximo posible e aprobalo para ter unha normativa actual que sirva para a próxima década.
Deixar unha resposta