22.36 horas. Co 100% escrutado:
BNG: 2.164 votos – 6 concelleiros (igual que no 2011)
PP: 1.687 votos – 5 concelleiros (un menos que no 2011)
PSOE: 1.662 votos – 4 concelleiros (un menos que no 2011)
Rianxo en Común: 695 votos – 2 concelleiros
22.28 horas. Co 93,61% das papeletas recontadas, segue a cousa igual: o BNG 6 concelleiros, por 5 do PP, 4 do PSOE e 2 de Rianxo en Común.
22.21 horas. Co 87,64% do voto escrutado, o PSOE perde un concelleiro a favor de Rianxo en Común. 6 tería o BNG e 5 o PP.
21.30 horas. Co 61,67% dos votos escrutados, lixeiramente por diante o BNG, aínda que habería un empate a 5 escanos entre Bloque, PP e PSOE.
21.20 horas. Co 26,66% dos votos recontados, por diante sitúase lixeiramente o PP.
21.00 horas. Segundo os primeiros datos, que son aínda moi sesgados, o BNG podería ter 6-7 concelleiros, o PP entre 5-6 concelleiros, o PSOE entre 4-5 concelleiros e Rianxo en Común 2 concelleiro.
20.45 horas. Segundo podemos coñecer de dentro dalgún colexio electoral, o BNG e o PP son os partidos máis votados, pero os nacionalistas van por diante. Todos os partidos terían representación e salvo sorpresas, semella que non vai haber maiorías absolutas.
20.25 horas. Como curiosidade, sinalar que dende hai 12 anos (nas municipais do 2003), non se presentaban en Rianxo 4 formacións á alcaldía. Daquela, concurría o Centro Democrático Independiente. En 1999 presentárase Unidade Veciñal e en 1995 Alternativa Galega.
En 1991 concorreron 5 partidos, con Converxencia Nacionalista Galega e o Partido Socialista Galego-Esquerda Galega.
En 1987 eran 6 as formacións. Ademais das actuais, participaron a Coalición Progresista Galega, Independiente de Galicia e o Partidos dos Traballadores de Galicia-Unidad Comunista.
En 1983 en Rianxo non se presentou Alianza Popular (actual PP), pero si o fixo o Partido Comunista de Galicia.
Nas primeiras eleccións celebradas en Rianxo, en 1979, participaron UCD e o Partido Comunista de Galicia, ademais do PSOE e do BNG, que estiveron en todas as eleccións rianxeiras.
20.00 horas. Péchanse os colexios electorais. Ata dentro dunha hora non se pode dar a coñecer ningún resultado porque tamén hai eleccións autonómicas e en Canarias as votacións rematan unha hora máis tarde que na Península.
19.00 horas. A participación está a baixar con respecto ás anteriores eleccións. Ás 12.00 horas foi do 34,01% (fronte ao 36,88% no 2011). E ás 18.00 a participación foi do 52,65% , cinco puntos menos que no 2011 (57,74%).
18.30 horas. Non temos datos concretos da participación ás 18.00 horas en Rianxo, pero no 2011 votara o 57,74% dos electores. É dicir, 5.715 persoas.
17.00 horas. Semella que a participación está a ser alta durante a xornada, onde acompaña o bo tempo.
12.20 horas. Vanessa Martínez indícanos que aínda non exerceu o seu dereito ao voto e quedamos de falar á tarde para confirmar.
12.15 horas. Antón Castro indícanos que aínda non votou, pero que intentará facelo agora ao mediodía. Declara que “animo á partipación. E como dicía a política Manuela Carmena, xa que nos deixaron unicamente o voto, imos cambialo todo a través do voto”.
12.10 horas. Mari Carmen Figueira confírmanos que votou ás 11.11 horas na mesa única de Quintáns. Quere “animar a xente a votar, porque é moi importante a nivel local que os cidadáns se involucren. A nivel municipal a xente pode ver que se pode facer outra política, resolvendo os problemas do día a día”.
11.30 horas. Adolfo Muíños votou ás 11.30 na mesa do Auditorio. Segundo nos comenta, “en Rianxo estase votando e participando libremente e á noite saberemos por onde se decanta a cidadanía. Na súa man está que sigamos ou pasemos á oposición, e sexa cal sexa o resultado aceptarémolo con democracia. Tranquilidade por estes catro anos de servizo e seguiremos coa mesma liña independentemente das votacións”.
11.00 horas. Como dato, indicar que hoxe en Rianxo están chamados a participar 9.676 electores que poderán votar en 15 mesas.
9.30 horas. Dende a Policía Local de Rianxo confírmannos que todas as mesas electorais se constituíron “sen ningunha incidencia”.
Ademais, indican que reforzaron o seu servizo “con catro axentes nas diferentes quendas, e a Garda Civil tamén reforza os seus servizos” para que a xornada transcorra con normalidade e todos poidamos exercer o dereito ao voto con seguridade.
9.00 horas. Ábrense os colexios electorais. Comeza a xornada de votación para escoller alcalde en Rianxo.
Deixar unha resposta