Analizados os resultados das eleccións xerais de novembro no concello de Rianxo, a pregunta que nos facemos moitos é: cambiou moito o voto? Hai partidos que gañan e que perden votos. Vaiamos cos titulares:
Seguimento e resultados das eleccións municipais de Rianxo 2015
24 Mai22.36 horas. Co 100% escrutado:
BNG: 2.164 votos – 6 concelleiros (igual que no 2011)
PP: 1.687 votos – 5 concelleiros (un menos que no 2011)
PSOE: 1.662 votos – 4 concelleiros (un menos que no 2011)
Rianxo en Común: 695 votos – 2 concelleiros
22.28 horas. Co 93,61% das papeletas recontadas, segue a cousa igual: o BNG 6 concelleiros, por 5 do PP, 4 do PSOE e 2 de Rianxo en Común.
22.21 horas. Co 87,64% do voto escrutado, o PSOE perde un concelleiro a favor de Rianxo en Común. 6 tería o BNG e 5 o PP.
21.30 horas. Co 61,67% dos votos escrutados, lixeiramente por diante o BNG, aínda que habería un empate a 5 escanos entre Bloque, PP e PSOE.
21.20 horas. Co 26,66% dos votos recontados, por diante sitúase lixeiramente o PP.
21.00 horas. Segundo os primeiros datos, que son aínda moi sesgados, o BNG podería ter 6-7 concelleiros, o PP entre 5-6 concelleiros, o PSOE entre 4-5 concelleiros e Rianxo en Común 2 concelleiro.
20.45 horas. Segundo podemos coñecer de dentro dalgún colexio electoral, o BNG e o PP son os partidos máis votados, pero os nacionalistas van por diante. Todos os partidos terían representación e salvo sorpresas, semella que non vai haber maiorías absolutas.
20.25 horas. Como curiosidade, sinalar que dende hai 12 anos (nas municipais do 2003), non se presentaban en Rianxo 4 formacións á alcaldía. Daquela, concurría o Centro Democrático Independiente. En 1999 presentárase Unidade Veciñal e en 1995 Alternativa Galega.
En 1991 concorreron 5 partidos, con Converxencia Nacionalista Galega e o Partido Socialista Galego-Esquerda Galega.
En 1987 eran 6 as formacións. Ademais das actuais, participaron a Coalición Progresista Galega, Independiente de Galicia e o Partidos dos Traballadores de Galicia-Unidad Comunista.
En 1983 en Rianxo non se presentou Alianza Popular (actual PP), pero si o fixo o Partido Comunista de Galicia.
Nas primeiras eleccións celebradas en Rianxo, en 1979, participaron UCD e o Partido Comunista de Galicia, ademais do PSOE e do BNG, que estiveron en todas as eleccións rianxeiras.
20.00 horas. Péchanse os colexios electorais. Ata dentro dunha hora non se pode dar a coñecer ningún resultado porque tamén hai eleccións autonómicas e en Canarias as votacións rematan unha hora máis tarde que na Península.
19.00 horas. A participación está a baixar con respecto ás anteriores eleccións. Ás 12.00 horas foi do 34,01% (fronte ao 36,88% no 2011). E ás 18.00 a participación foi do 52,65% , cinco puntos menos que no 2011 (57,74%).
18.30 horas. Non temos datos concretos da participación ás 18.00 horas en Rianxo, pero no 2011 votara o 57,74% dos electores. É dicir, 5.715 persoas.
17.00 horas. Semella que a participación está a ser alta durante a xornada, onde acompaña o bo tempo.
12.20 horas. Vanessa Martínez indícanos que aínda non exerceu o seu dereito ao voto e quedamos de falar á tarde para confirmar.
12.15 horas. Antón Castro indícanos que aínda non votou, pero que intentará facelo agora ao mediodía. Declara que “animo á partipación. E como dicía a política Manuela Carmena, xa que nos deixaron unicamente o voto, imos cambialo todo a través do voto”.
12.10 horas. Mari Carmen Figueira confírmanos que votou ás 11.11 horas na mesa única de Quintáns. Quere “animar a xente a votar, porque é moi importante a nivel local que os cidadáns se involucren. A nivel municipal a xente pode ver que se pode facer outra política, resolvendo os problemas do día a día”.
11.30 horas. Adolfo Muíños votou ás 11.30 na mesa do Auditorio. Segundo nos comenta, “en Rianxo estase votando e participando libremente e á noite saberemos por onde se decanta a cidadanía. Na súa man está que sigamos ou pasemos á oposición, e sexa cal sexa o resultado aceptarémolo con democracia. Tranquilidade por estes catro anos de servizo e seguiremos coa mesma liña independentemente das votacións”.
11.00 horas. Como dato, indicar que hoxe en Rianxo están chamados a participar 9.676 electores que poderán votar en 15 mesas.
9.30 horas. Dende a Policía Local de Rianxo confírmannos que todas as mesas electorais se constituíron “sen ningunha incidencia”.
Ademais, indican que reforzaron o seu servizo “con catro axentes nas diferentes quendas, e a Garda Civil tamén reforza os seus servizos” para que a xornada transcorra con normalidade e todos poidamos exercer o dereito ao voto con seguridade.
9.00 horas. Ábrense os colexios electorais. Comeza a xornada de votación para escoller alcalde en Rianxo.
A quen se votou en Rianxo nas Europeas?
26 MaiOnte tiveron lugar as eleccións ao Parlamento Europeo. Xa co 100% dos votos escrutados, podemos ver como foi a tendencia en Rianxo. A nivel estatal, os partidos maioritarios (PP e PSOE) tiveron unha porcentaxe de votos inferior ao 50%. No caso do noso Concello non pasou o mesmo, xa que entre estes dous partidos sumaron algo máis do 54% dos sufraxios.
Resultados das eleccións autonómicas en Rianxo
21 OutComo se pode ver na gráfica, o primeiro que destaca dos resultados en Rianxo é que baixou moito a participación. Baixou en toda Galicia, é certo, pero en Rianxo houbo un 11,3% menos de votos que nas anteriores autonómicas.
Por outra banda, todos os partidos de referencia baixaron os votos (porque tamén houbo menos participación), aínda que o PP aumentou en case dous puntos a súa porcentaxe de votos (do 39,67% ao 41,4%).
O PSdeG baixou case un 13% a porcentaxe de votos, do 33,38% ao 20,5%. Tamén baixou moito a porcentaxe do BNG (do 23,25% ao 16,45%), aínda que seguramente neste caso houbo votantes tradicionais deste partido que votaron por AGE, encabezado por Xosé Manuel Beiras. Este último foi a gran sorprensa a nivel galego tamén, e en Rianxo tivo un 15,31% dos sufraxios.
Como curiosidade, comentar que se manteñen os 3 votos que tradicionalmente ten a Falange das JONS no noso concello. Iso si, sorpréndeme que Unión Coruñesa, o partido “Por La Coruña” tivo un voto. Vamos, que se trata dun partido moi local e choca que tivo votantes en Rianxo.
Resultados das eleccións xerais en Rianxo
20 NovVelaquí tedes o resultado das eleccións xerais unicamente no concello de Rianxo:
Actualización: e aquí tedes a comparativa con respecto ás anteriores xerais, ás do 2008.
Para contextualizar estes resultados, en primeiro lugar hai que sinalar que baixou a participación, xa que no 2008 foi do 78,02%, mentres que este ano foi do 71,78%. Así, mentres hai tres anos e pico votaron 7.665 persoas no concello, este ano fixérono 7.077, é dicir, que houbo 588 votos menos.
A abstención neste caso (porque sempre pode variar o censo electoral por morte dalgún veciño, porque cambio de residencia a outro concello ou ben porque se recibe poboación) foi de 2.791 electores, cando no 2008 foron 2.159 as persoas que non exerceron o seu dereito a votar (632 persoas menos que no 2008, o que case coincide cos votos de menos que houbo).
Aumentou nun punto o voto nulo (126 e o 1,78% dos sufraxios emitidos) e en case medio punto o voto en braco (79 papeletas e 1,14% do total).
Pero vaiamos aos grandes datos. O Partido Popular obtivo os seus mellores resultados no concello de Rianxo. A pesar de que baixaron as persoas que votaron, o PP conseguiu 308 votos máis. E tamén aumentou a súa porcentaxe, do 37,51% ao 45,57% (é dicir, a case catro puntos de ter a metade dos votos do concello). Vamos, que os populares arrasaron e seguen na súa liña ascendente a nivel electoral na nosa localidade.
A formación máis votada nas anteriores eleccións, co 40,99% dos votos e 3.117 papeletas, o PSOE, pasou desta vez a ter 2.008 sufraxios (1.109 menos) e o 28,88% de todas as papeletas. Vamos, que o resultado non podía ser peor. Cremos que moitos dos seus simpatizantes desta vez optaron por non ir votar (de aí que baixase a participación), ben tiraron directamente para o PP (o voto de centro que se adoita chamar, e que vai fluctuando, e que explica tamén a subida dos populares no concello, ante o gran descontento pola xestión da crise por parte do PSOE) ou destinaron o seu voto a Esquerda Unida (con 178 votos consegue 112 máis que no 2008) ou UPyD (sube de 13 a 40 votos).
Con respecto ao BNG, os frontistas pódese dicir que levan unha de cal e unha de area. É dicir, perden 48 votos (baixan de 1.449 a 1.401), pero suben un punto a súa porcentaxe de votos con respecto ao 2008 ao pasar do 19,05% ao 20,15% de todos os sufraxios do concello. Realmente non é que sexa algo para botar foguetes tendo en conta que se trata da formación de referencia agora en Rianxo ao ter a alcaldía, pero tampouco son cifras para preocuparse (aínda que está claro que o PP será un duro rival a batir a nivel local, xa que non se sabe onde vai rematar a súa progresión).
En definitiva, o PP gañou con rotundidade (foron 300 votos máis, pero tendo en conta que baixou a participación no concello está moi ben); o PSOE perdeu máis dun milleiro de votos, así que foi unha gran debacle para un concello historicamente socialista (continúa a liña descendente iniciada dende as locais, se agora sen un referente claro, como era Pedro Piñeiro), e o BNG máis ou menos mantense, polo que hai unha certa incertidume do que poida pasar de cara ao futuro (entendemos que todo dependerá das decisións que se tomen dende o Concello, do que se faga en Rianxo e das tensións BNG-PP, ou Adolfo Muíños-Vanessa Martínez).