Ten só 28 anos, pero a Asociación Española de Críticos Literarios xa lle concedeu o seu premio pola súa obra Celebración. Gonzalo Hermo, de Taragoña, daba xa antes mostra do seu talento como poeta en Crac, un poemario convertido en mediametraxe polo director Lázaro Louzao. Por se isto fose foi, acaba de ser premiado co Premio Nacional de Literatura 2015, na modalidade de Poesía Jovén “Miguel Hernández”, dotado con 20.000€. A súa obra, escrita en galego, vemos que ten un gran recoñecemento. De feito, o xurado valorou “a aposta por abrir novos camiños para a expresión poética apuntando unha linguaxe arriscada e innovadora”.
Aínda que hai máis de 10 anos que non vive aquí, preguntámoslle que significa para el Taragoña, como foi a presentación do seu libro no Curral do Marqués e sobre a saúde da poesía e da nosa lingua.
– Es de Taragoña, pero non sei se estudaches no Brea Segade e alí espertou ou espertaron a túa curiosidade pola poesía. Pregúntoo tamén porque hai uns anos esta recibiu un premio a nivel estatal polas prácticas para a dinamización e innovación en bibliotecas escolares.
– Estudei no Doutor Fleming de Vigo. Por motivos de traballo de meu pai, non nos asentamos en Taragoña ata que eu tiña trece anos e xa entrei directamente a estudar no IES Félix Muriel de Rianxo. Chegoume por outras vías o recoñecemento ao labor do Brea Segade e ben que me alegro de que Taragoña teña un colexio público de referencia e de calidade.
– Cres que se inculca dende o sistema educativo o amor pola literatura dun xeito adecuado?
– Non descubro nada novo se digo que o alumnado acaba identificando a literatura coa historia literaria, ou mellor, coa memorización sistemática de datas, obras e autores. Do meu punto de vista, os currícula están mal propostos e ao profesorado fáltalle formación literaria que os organismos competentes non parecen estar dispostos a fornecerlle. Unha clase de literatura podería ser unha oportunidade para ensinar a ler nun sentido recto, é dicir, a comprender a estrutura profunda dun texto, como funciona (se é que funciona) e por que. Coido que, en termos xerais, iso hoxe non sucede.
“Taragoña, para min, significa a orixe. E a orixe supón moitas veces un refuxio”
– Lin no teu blog que regresas “a Tara[goña] de cando en vez, para reconstruír o mundo”, nunha referencia ao filme Foise co vento. Cal é ese mundo que se construíu en Tara[goña]?
– O de “reconstruír o mundo” collinllo prestrado a Emma Couceiro, que escribiu un poema moi fermoso sobre o Tara de Foise co vento. Hai máis de dez anos que non vivo en Taragoña, pero sempre regreso para visitar a meus pais. Alí están as paisaxes da miña adolescencia, boa parte dos meus recordos, a aldea de Fachán e mais a praia da Torre. Taragoña, para min, significa a orixe. E a orixe supón moitas veces un refuxio.
– Sendo ti rianxeiro e sendo este un blog sobre Rianxo, é unha pregunta obrigada saber se na túa poesía influíu algún autor da nosa terra, como Manuel Antonio.
– Manuel Antonio é unha referencia insalvable. Un poeta moderno, libre e irrevente no mellor sentido da palabra. É unha icona, por suposto, pero tamén o autor dalgúns dos textos máis rotundos da literatura galega. Un dos primeiros poemas que escribín cando era un rapaciño (e que aínda conservo) é unha homenaxe a Manuel Antonio, pero obviamente non o vou sacar á luz [risos].
“A presentación no Curral do Marqués tomeina como un regalo”
– Remato esta quenda de cuestións “locais” preguntándoche como viviches a presentación do teu último poemario, Celebración, no Curral do Marqués?
– Fixen varias presentacións do libro en Galicia e tamén en Barcelona e Madrid. Non che minto se che digo que para a que máis nervioso me puxen foi para a de Taragoña. Pero pagou a pena. Foi bonito ver a tanta xente que quero reunida nun mesmo espazo, tomando un viño e conversando. A presentación no Curral do Marqués tomeina como un regalo.
– En abril, a Asociación Española de Críticos Literarios precisamente concedeuche o premio na modalidade de poesía galega por esta obra. Como senta un premio deste tipo? Asusta, anima, dá moita responsabilidade…?
– A min os premios exércenme máis presión do que me motivan, aínda que claro que se agradecen. Este en particular, o da crítica galega, agradézoo especialmente porque sei que había obras de moita calidade competindo por el (non é un clixé, estou pensando en libros e autores concretos). Se relativizo o valor do premio é tamén para salvarme: confío en que o mellor que poida dar de min como poeta estea aínda por chegar.
“Confío en que o mellor que poida dar de min como poeta estea aínda por chegar”
– Ti como autor miras máis a opinión dos críticos ou a dos lectores?
– Na poesía galega o papel de autor, lector e crítico están acotío mesturados. Eu valoro as lecturas atentas, veñan de quen veñan, sexan boas ou malas. É certo que non tiven ningunha crítica pública nin comentario privado que fose negativo, pero iso no sistema literario galego é a norma. Aquí acostumamos a xogar cos silencios, que moitas veces hai que entender como críticas negativas. Son perfectamente consciente de que o libro non puido gustar a todo o mundo.
– Es filólogo e investigador no ILG. Non sei se iso condiciona, se alguén que coñece e estuda a lingua intenta medir cada palabra, analizar cada verso, ou ben a túa poesía só entende de sentimentos.
– Non creo que a formación de base condicione unha maior atención á lingua. Eu son filólogo e mido cada palabra e cada verso pero coñezo poetas que tamén o fan e estudaron xornalismo ou psicoloxía. Entendo que un/ha poeta debe sempre estar atento á ferramenta coa que traballa, que é o idioma.
– Comentabas nunha entrevista que o título de Celebración vén porque se busca, dalgún xeito, celebrar a vida. Son poemas esperanzadores e optimistas nun tempo de crise. Consideras que esta crise nos fortaleceu a nivel humano? Vivimos unha crise de valores ou económica?
– Do meu punto de vista, vivimos unha crise sistémica que soborda o económico, aínda que todo dependa en primeira instancia do plano material (niso sonche ortodoxamente marxista!). A crise trouxo moito sufrimento pero tamén a oportunidade de artellar unha nova orde de cousas. Non vai ser doado, porque os poderes en contra son moitos e están ben armados, pero hai motivos para a esperanza. No plano máis inmediato, detecto que a xente do común está máis activa, desconfía en maior grao do que lle din desde arriba e semella máis disposta a xuntarse polo ben común.
– Uns versos que salienta Apiario, a editora de Celebración, din: “Non tememos a morte. / Levámola dentro. / Celebrámolo”. Cres que os medos nos condicionan e só podemos vivir plenamente cando os deixamos atrás?
– Supoño que os medos forman parte de nós e non hai maneira de botalos fóra completamente. Pero podemos aceptalos e traballar con eles coñecendo a súa motivación e a súa contixencia. Penso que o vello aforismo grego “coñécete a ti mesmo” mantén toda a súa actualidade.
– Hai uns meses, o director Lázaro Louzao presentou Crac, unha mediametraxe inspirada no teu poemario do mesmo nome do que dixo quedar impactado. Como definirías o resultado, entendo que non precisamente doado, de levar un libro de poesía ao audiovisual?
– Iso foi cousa de Lázaro, foi el quen adaptou os poemas á linguaxe audiovisual, mesturando ademais elementos da danza. Non teño ningún mérito nese sentido máis alá de escribir o libro. O filme propón unha lectura particular de Crac, que a min me interesa moito porque non coincide coa das críticas que saíron no seu momento. É unha visión desde a relación co outro, desde o afectivo.
“A máxima que sigo á hora de publicar (non así á de escribir) é facelo cando sinto que teño algo que dicir”
– Crac e Celebración escribíchelos con varios anos de distancia, co que hai unha evolución persoal e no xeito de ver as cousas. Consideras que é bo deixar pasar un tempo e que os versos agromen desa forma, indepedentes e cunha nova visión?
– Iso do medo a repetirse é “defecto do animal”, que diría meu pai. Non estou seguro de que a todos os escritores lles preocupe ou, polo menos, non na mesma medida. Por outra banda, estou convencido de que a distancia temporal entre os proxectos non garante de seu producir algo novo. A máxima que sigo á hora de publicar (non así á de escribir) é facelo cando sinto que teño algo que dicir, máis alá de que esa sensación estea ou non equivocada.
– Nun mundo dominado polas redes sociais, a imaxe e o fast food non só informativo, senón tamén literario, a poesía segue a ter un espazo?
– Si, na medida en que non sucumba. Se a poesía tenta competir coa linguaxe da chamada sociedade da información daquela leva as de perder. Quen se achega a un poema non busca unha mensaxe rápida e mastigada. Busca un resorte que faga pensar, que contribúa a facerse preguntas ou que emocione e engaiole. Hai que ser moi bo para xogarlle a batalla á linguaxe da publicidade e saír vitorioso. En Galicia só o conseguiu Lupe Gómez.
“Quen se achega a un poema busca un resorte que faga pensar, que contribúa a facerse preguntas ou que emocione ou engaiole”
– E o galego? Como ves a situación da nosa lingua?
– Hai cousa duns meses botei unha temporada en Barcelona por motivos de traballo, que me resultou reveladora en moitos sentidos, tamén no da lingua. Ao contrario ca en Catalunya, en Galicia non houbo correntes masivas de emigración nin hai un problema identitario ligado á terra de orixe. Partimos dunha situación sociolingüística moito máis propicia para que os procesos de recuperación e afianzamento da lingua callen. Daquela, por que non o fan? Disto moito de ser un experto no tema pero entendo que falta, sobre todo, vontade política. A solución non pode ser só esa, pero creo que un cambio de goberno non nos viría mal.
Deixar unha resposta