Antón Castro, de Rianxo en Común, valora o primeiro ano desta lexislatura

18 Xuñ

Esta semana cumpríase xusto un ano dende que se celebrou o primeiro pleno da nova lexislatura en Rianxo. Unha das incorporacións á corporación municipal foi Rianxo en Común, con dous edís. Un grupo novo nun novo tempo sen maiorías no Concello e que nos conta, a través do seu voceiro, Antón Castro, como foi a súa experiencia nestes primeiros 12 meses de lexislatura. Ao tempo que nos indica cales considera que son as prioridades de Rianxo e como ve as Mareas de cara ás eleccións xerais.

– Cal sería a súa valoración ou impresión xeral do que foi este primeiro ano de lexislatura, tendo en conta que o seu é un grupo novo que participa por primeira vez na corporación municipal?

– Custounos un pouco arrancar. É un pouco acostumarse á vida institucional, que ten os seus ritmos e as súas formas. Somos un grupo moi diverso e cunha nula experiencia institucional, polo que nos custou uns meses aterrar, como digo. Pero dende hai xa un tempo comezamos  a facer propostas. Agora mesmo estamos un pouco sobrepasados de traballo, pois a nosa dedicación é un pouco por hobby, pois todos nos temos o noso traballo e a nosa familia, e a política ocupa unha parte importante, aínda que iso lle sucede tamen ó resto dos grupos que non están no goberno, e incluso ós que son grupo de goberno que tamén teñen mais responsabilidades.

-E agora que xa lle teñen un pouco o ritmo collido, como están a definir o traballo na oposición? Continuades quedando periodicamente cos veciños para ver un pouco as súas inquietudes?

– Seguímolo facendo. Aínda non hai moito fixemos unha. Este último ano fixemos por tódalas parroquias un par de roldas con distintas cuestións, a última a propósito da nova revisión do catastro e do inventario de camiños. O éxito foi desigual, xa que hai sitios onde a xente interactúa máis e outros onde menos. Pero o que si, seguimos con esa idea.

“Tardamos en arrancar, pero xa estamos con propostas e seguimos coa idea de quedar cos veciños de todas as parroquias cada tempo”

– Considera que ese éxito desigual se debe a que os veciños pensan que acudir a estes actos os compromete ideoloxicamente?

– Non. O tema político, a pesar de tódolos pesares, despois do que aconteceu ultimamente, está bastante apagado. Son moitos anos de inercia, de face-las cousas dunha maneira determinada e a xente acomodouse a esa maneira de facelas. Os políticos acostumáronos a que a política era cousa de especialistas entendidos e que os profanos non podían forma parte en todo iso. Tamén hai que recoñecer que a esfera da economía lle foi gañando terreo á política e a xente pensa que a politica non é un ámbito que a eles lles poida resolver as cousas. A pesar de todo, creo que están equivocados.

-Cales consideran que son hoxe as prioridades do Concello?

– Agora mesmo temos os presupostos de 2016 sen aprobar e iso para nós é absolutamente prioritario. Outras cuestións importantes son o abastecemento de auga, o saneamento, o lixo (un tema no que xa estaba o goberno dende a anterior lexislatura e que agora non está enriba da mesa porque hai unha serie de puntos que resolver previamente) e a luz. Estes temas levan unha parte moi importante do orzamento do Concello e son servizos públicos moi importantes. Despois, está o Centro de Día, que para nós vai ser un tema de lexislatura.

-De lexislatura que quere dicir, que vai tardar?

– Non. Que se non se resolve antes, nós seguiremos a traballar sobre isto, porque nos parece prioritario que se leve adiante canto antes. O resto dos grupos están a sumarse, a verdade é que con distinto grao de entusiasmo. Foi un tema que estivo apartado ata o de agora pero que para nós é fundamental. Fálase moitas veces, e con razón, dos nenos, da atención á infancia, da educación, pero cos maiores non temos nada, non temos practicamente nada. E son case a maioría da poboación de Rianxo, e das vilas en xeral.

“Ademais dos presupostos, as prioridades de Rianxo son o abastecemento de auga, o saneamento, o lixo, a luz e o Centro de Día”

-E aumentando.

– Si, claro. Os datos son completamente desalentadores en canto á idade da poboación. A pirámide poboacional é un drama, polo que ten que haber unha intervención e dedicarlle os esforzos que poidamos.

Por outra banda, está tamén o tema laboral, no cal os concellos non teñen moitas competencias. Non podemos ser alleos a isto, unha das principais preocupacións dos nosos veciños. Aínda que non haxa competencias, iso non pode ser motivo para non facer cousas, dinamizando cousa que poidan xerar riqueza e que están bastante paradas ou apoiando os sectores da maneira que eles o consideren e chegando a acordos políticos. Non hai desculpa para non dedicarlle tempo a iso.

– Nese sentido, como está a ser a relación co equipo de goberno, tanto nos presupostos como noutros temas que lles traladades? E a relación co resto dos grupos politicos da corporación?

– Encontro o goberno un pouco paralizado e disposto a escoitar, pero sempre con medo a que as cousas se lle vaian da man. Coa idea de ir controlando, para que nada se lles escape da man e non haxa a sensación de que outros toman a iniciativa.  Creo que é unha vella costume da política que aí está. A miña apreciación é que fai falla un grao de apertura bastante maior, pero a relación é boa.

En canto ao resto dos grupos, co PSOE a relación tamén é boa. A situación do PP cambiou despois da dimisión de Norberto. Aínda que non sei se é a palabra correcta, Norberto é un “político, político”. O Partido Popular en Rianxo era Norberto e dentro da corporación o seu peso era importante. Creo que no tempo que estivo na corporación xogou un papel construtivo. De feito, o grupo de goberno ten as dedicacións que ten apoiado polo Partido Popular.

– Pode explicar isto?

– Adolfo foi elixido alcalde cos votos do PSOE, pero as tres dedicacións que teñen, foron co apoio do Partido Popular. Que quero dicir con isto? Que tivo un papel importante. A nosa relación co PP mudou, despois de que Norberto se fora, xustamente despois dun pleno no que nos montaron a nós unha trifulca gratuíta.

Todo partiu da candidata popular (Vanessa Martínez), que nese momento non estaba a ser nin voceira. Era voceira nominal, pero naquel momento o voceiro de facto era e. Entón, a candidata pedíu a miña dimisión e o que logrou foi a dimisión deste home.

“Norberto Uzal foi unha persoa moi construtiva nos plenos e daba certo nivel político á corporación”

– Polo que teño entendido, fóra de pleno Norberto Uzal pediuvos desculpas polo acontecido, por sacar todo de contexto. É certo isto?

– Si, claro. Nós tivemos o apoio tácito e explícito no privado deste home. Pero tamén del como de calquera cun pouco de sentido común, porque aquilo non tiña nin pés nin cabeza. En todo caso, a idea tapouco era volver sobre esa historia. Pero si que é certo que dende o momento no que se marcha Norberto, xusto coincidindo con esta agresión tan gratuíta, a relación co PP quedou un pouco tocada, pero con respecto, con formas e mantendo a corrección.

-Considera que Norberto Uzal, a pesar de que inicialmente foi unha fichaxe polémica, tivo un perfil  construtivo?

– Sen ningunha dúbida. O seu paso polo Concello, con feitos, pódese consultar nas actas. As dedicacións do grupo do goberno son co seu apoio e sempre  tivo posicións construtivas. Nun dos plenos, levamos a proposta de crear unha comisión para o seguimento do Centro de Día. Pregámoslle ao PP que se sumase, fixérono e mesmo realizan un alegato porque lles parece razoable. Esa foi a tónica durante o tempo que el estivo. E hai que recoñecer que era unha persoa que daba un certo nivel político á corporación; sen el a corporación aprodeceu substancialmente. E aínda que pode soar moi paradóxico, a realidade é esa e está aí, nas actas.

– As elecións xerais están moi preto. Pensa que as Mareas van seguir crecendo ou ben chegaron ó seu teito electoral? Se medran, isto podería beneficiar ao seu grupo en Rianxo?

– Creo que é bastante obvio que si van seguir  medrando. En canto ao de beneficiarnos a nós a nivel de Rianxo, non teño nin idea. Supoño que si, pero non o formulo neses termos. Quero que Marea teña bos resultados porque creo que é necesario, aínda que non sei se será suficiente con que medren, porque creo que todo o tema político está bastante acotado polo económico e pola permanencia no euro. Prevendo o que escribe xente moi seria en estudos económicos, desgraciadamente, creo que hai moi pouquiña esperanza para o sur de Europa dentro da UE. Pero é necesario e imprescindible de que En Marea siga medrando. É necesario gañar unha eleccións, pero non suficiente, xa que hai que plantarlle cara a un poder económico que está a atacar de xeito inmisericorde as clases populares.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: