Antes de nada, queremos dar as grazas a Fran, de O lecer fai culleres (onde podedes atopar estupendos calendarios e camisetas de Rianxo), por pasarnos estas imaxes. Forman parte dun pequeno momento histórico, da gravación no Auditorio de Galicia de “Unha noite de amor con Lela”, o disco da Banda da Escola de Música de Rianxo. Tomate nota, porque se presentará a finais do mes de maio nun concerto na praza de Castelao.
Aínda faltan unhas semanas por diante, seleccionar todo o traballo e editalo. Pero o 18 de marzo foi a data na que se interpretaron as pezas que formarán parte deste traballo. Nin máis nin menos que 60 músicos se desprazaron ata a capital galega para poñer o seu talento e a súa alma nas diferentes pezas, arranxadas polo músico e mestre Alfredo Susavila.
Trátase de nove temas: “Lela” (versión instrumental), “El día que me quieras”, “Quizás, quizás”, “Por ti”, “Meu amor é mariñeiro”, “Ramito de violetas”, “Rosiña do mes de maio”, “Quen poidera namorala” e “Lela” (versión voz).
Susavila tamén estivo ao piano durante a interpretación, dirixido por Rafael Collazo, “marabilloso guía das nosas andainas musicais” como definen dende a propia Banda. Xunto a eles, como dicimos, 60 músicos máis, a impresionante voz de Silvia Ferre, á que agradecen o “sentimento que pon na súa voz, facéndonos aflorar bágoas nos nosos ollos”, Belén Xestal como narradora e Pablo Barreiro como técnico de son.
Fran de O lecer fai culleres publicará máis adiante un making of con parte das fotos que sacou nesa gravación. E nós agardamos poder estar en maio na estrea do disco.
Parabéns tanto artista e tamén a vós por o dardes a coñecer.