O Rock in Rian 2021 celebrarase en agosto

8 Abr

É un dos festivais máis coñecidos na comarca e que cada verán atrae a miles de persoas, tanto pola calidade dos grupos que veñen como porque ano tras ano, dende a organización, traballan para que sexa gratuíto. É o Rock in Rian, un festival de música que este ano se deixa de celebrar durante a semana das festas da Guadalupe, como viña a ser habitual. 

– O festival cambia de data. Cando se vai celebrar?

– O festival  celebrarase, se todo vai ben, o 14 de agosto. Decidimos sacalo da semana da Guadalupe (unha celebración que atrae a moita xente) como se viña facendo ata agora. Aínda coas restricións de aforo que prevemos e demais normativa a aplicar, consideramos que ía ser máis complexo de xestionalo nunha semana que, para a vila, xa supón un incremento importante no nivel de xuntanzas e actividades. Normalmente ao longo do ano e de todo o verán sempre se organizaban máis eventos e festas, tanto pola nosa parte como pola doutras asociacións e do concello pero, tal e como está a situación, decidimos adaptala data a unha fin de semana máis tranquila.


– O Rock in Rian sempre coincidiu coa Guadalupe. Significa isto que colle un camiño independente ou é algo puntual, marcado pola pandemia?

– En principio trátase dun cambio puntual, pero estamos abertos ao cambio se resulta mellor para a vila.

Imaxe de instagram.com/festivalrockinrian


– O ano pasado non puido haber celebracións. Non sei se este ano a idea é retomar algunhas das ideas que tiñades para o 2020 ou ben intentar adaptarvos ás novas circunstancias?

-Como é lóxico non vai ser un festival coma os anteriores ao 2020, teremos que adaptarnos á lexislación que estea vixente no momento, o que tamén nos complica poder organizar todo dende o primeiro momento xa que, seguramente, teña que haber cambios. Pero traballamos xa con ideas adaptadas ás circunstancias nas que nos atopamos. Vai ser un evento con aforo controlado, con horarios que aínda están por confirmar pero que se van adaptar máis cara a un festival de tarde/noite e outras novidades que iremos comunicando ao longo destes meses.


– Como de complexo é organizar un festival co coronavirus roldando?

-Organizar un festival nestes momentos é complicado coma calquera outro evento cultural que se intente levar a cabo dende o inicio da pandemia. As restricións son moitas e moi cambiantes, as axudas son limitadas e nunca se sabe con seguridade se o traballo que estás a levar a cabo se vai poder realizar cando planificas a medio/longo prazo. Pero estamos ilusionadxs e confiamos en que coas medidas necesarias poidamos desfrutar dun día de entretemento ben merecido.



– Organizastes un concurso de bandas emerxentes. Como foi a acollida?

-Co concurso de bandas emerxentes estamos aínda que non o cremos: tivo unha acollida espectacular. Non só a nivel autonómico, unha morea de bandas de toda a Península escribíronnos con moitas ganas de participar e con propostas moi interesantes. Nuns días comezarán as votacións e agardamos que ao público lles gusten tanto coma a nós tódalas posibilidades que se presentan. Vai estar complicado decidirse só por unha, pero pode ser un formato que se manteña se segue funcionando tan ben como ata agora!

– Que outras novidades terá o Rock in Rian 2021?

As novidades deste ano van ser bastantes. Aínda non podemos adiantar moitas, pero contaremos con actividades de todo tipo e para tódolos públicos, dende a mañá ata o remate. Estamos a traballar nas ideas de varios obradoiros artísticos para os máis novos e outros plans que coidamos poden ter boa acollida en Rianxo. Como dixemos, o propio formato do Rock in Rian vai ser moi distinto ao que se viña facendo, pero dunha forma ou doutra sempre buscamos o que máis lles poida gustar ás/aos rianxeirxs. 

Agardamos que todo vaia ben e poder ir publicando as novidades e que o día 15 de agosto a sensación xeral tanto dxs asistentes coma da vila en xeral sexa de éxito rotundo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: