Arquivo | curiosidades RSS feed for this section

O Pico Muralla

1 Out

O Pico Muralla é o punto máis alto da xeografía rianxeira, pero tamén o lugar no que o concello limita con outros tres veciños. Deste xeito alí hai un monolito no cal se indican os concellos que conflúen nese punto: Dodro, Rois, Lousame e…

pois o cuarto concello en discordia é nin máis nin menos que Rianjo. Parece mentira!! E que mal soa a todo isto.

Graciñas pola visita!

19 Set

A verdade é que estou moi sorprendido da cantidade de visitas que está a rexistrar o blog estes días. Moitas deles proceden do facebook e do tuenti, así que vexo que nas redes sociais están rulando ligazóns a esta bitácora. A razón non é outra que as fotos da Guadalupe 2011. Dende o venres houbo case 3.100 visitas, polo que semella que medio Rianxo está mirando que deron de si estas festas.

Agardo que vos gusten as imaxes, tomeinas con todo o cariño que lle teño a esta celebración e ao meu concello. E se tedes algunha idea para o blog, non deixedes de facerma chegar. Eu aproveitei estes días para darlle un cambio á imaxe do blog, porque despois de case tres anos xa tocaba ir pintando a casiña, polo que agardo que non vos chocase moito a nova imaxe 😉

Tan só agradecervos de novo a visita e sinalarvos, a xeito de curiosidade, que grazas a vós levamos sendo tres días o blog de wordpress máis lido en galego. Case nada!!

Vendima: como se fai o viño

4 Set

Como cada ano, por estas datas, toca vendimar e facer o viño. Velaquí unha serie de fotografías nas que pretendo recompilar dun xeito breve o traballo que se fai na vendima.

O primeiro, claro está, é coller as uvas na viña unha vez que están maduras.


Hai que sacar as uvas verdes e tamén as podes e meradas. Unha vez escollidas as piñas de uvas boas, vanse almacenando en capachos ou seiras.

Cando xa temos un bo feixe de uvas, hai que pasalas pola esmagadora. Vamos, que se trituran. Antes nós faciámolo cun pau pero isto é máis rápido. E o de esmagalas cos pés si que teño que dicir que nunca o vin.

Aquí podedes ver a parte inferior da esmagadora, por onde pasan as uvas.

As uvas esmagadas van quedar nun barril de viño durante uns días. Cada certas horas, cun pau, hai que remexelas.

Pasados uns tres días, as uvas fermentan ou ferven, como dicimos na miña zona. No barril aparece esta especie de escuma. Cando desaparece é que o viño xa está listo para correrse.

Na parte inferior do barril nos temos un burato polo que deixamos saír o viño xa listo.

Unha vez que deixa de saír o viño, toca coller o bagazo (tamén chamado bagullo), que son os restos da uva . Estes restos aínda teñen moito viño que poderemos extraer mediante a lagareta.

Unha vez que teñamos o bagazo na lagareta, taparemos esta pola parte de arriba cunha serie de madeiras e comezará o prensado.

Segundo queiramos máis ou menos viño haberá que facer máis ou menos forza. Hai que ter en conta que co bagazo, meses despois, se pode facer tamén augardante, así que hai quen o quere máis seco e quen o prefire menos. O dito, unha vez prensado, o viño vai ao barril onde é preciso que arrepouse uns días e xa se pode beber.

Matraquillada 2011 no Festival Antrospinos

3 Ago

O pasado sábado día 30 de xullo partía de Campo Maneiro unha nutrida delegación de matraquillos e tractores para percorrer a parroquia de Taragoña. Aínda que a calor era sufocante, alí reuníronse uns 30 vehículos agrícolas para dar lugar á 3ª Matraquillada dentro do programa do Festival Antrospinos. Partiron a iso das 4 da tarde, e velaquí podedes ver algunhas imaxes deste singular “desfile” no que reinaba un moi bo ambiente.

Se alguén quere algunha das fotos pero en grande, que non dubide en escribirme a oscar.reboiras@gmail.com 😉


Sardiñas asadas

1 Xuñ

A verdade é que é unha sorte que na casa dos meus pais haxa unha lareira. Unhas sardiñas asadas e uns criollos sentan de marabilla 😀

XII Subida ao Castro Barbudo

25 Mai

De cando en vez collo a miña bicicleta e vou dar unha volta polos montes de Rianxo. O caso é o que pasado sábado pola tarde, ao chegar á casa, o meu pai me di que hai unha marcha ciclista en Taragoña que organizaba a Peña Cicloturista Castro Barbudo. Así que co sabor da comida aínda na boca funme para Campo de Pazos montado na bici. Alí xa había un bo grupo de xente. Polo visto había que anotarse e velaí a miña sorpresa ao saber que tiña que pagar 27 euros por non ser federado.

Pareceume un pouco caro con respecto aos 5 euros que se cobran na marcha de Lousame. Despois entereime que 12 euros xa eran para un seguro por se me pasaba algo. De todos os xeitos, nos tempos nos que estamos ségueme a parecer algo caro. Teño que recoñecer que a organización estivo moi ben, que a abituallamento foi estupendo (faltoume un punto de auga entre Cerqueiras e o colexio de Taragoña), que houbo charanga, churrasco e pinchos, unha gorra e calcetíns para todos e mesmo un detalle a todos os que fixeron o tramo libre. Eu, sinceramente, prefería menos cousas e pagar algo menos, jeje

Velaquí o comezo da marcha, a iso das 16:35 horas:

O límite de inscritos eran de 150 persoas, e creo que se non se chegou a cifra estivo próxima porque vin xente co dorsal 140 (o meu era o 109):

Os primeiro metros foron pola estrada, ata que de súpeto desvío á dereita e tirar todo para arriba:

Teño que recoñecer que nunca fora por ese tramo, así que me gustou saber destes roteiros e, de seguro, que algún sábado o farei:

Algunhas rampas eran tan duras que os que non estabamos moi en forma tiñamos que botar o pé ao chan, mentres outros tiñan pernas e peito para tirar con forza:

Este foi o primeiro punto de abituallamento de auga:

E este foi o punto de abituallamento en Cerqueiras, cando levabamos 20 kilómetros. Había auga, refrescos, froita, rosquillas, chocolatinas…

Dende Cerqueiras fomos todo pola beira do río do Té. Ás veces o camiño era tan estreito e tan complicado que tiñamos que parar para que a xente puidese baixar da bici e ir poder atravesar un tramo:

E como vedes, non nos faltou nin unha zona pasada por auga:

Durante a marcha non faltaron nin pinchazos, nin saídas de cadeas (a min saíuseme 3 veces) nin mesmo caídas:

O tramo dende a Ferrería ata Taragoña foi bastante suave, a non ser a costa arriba que está xusto antes da escola de Taragoña. Eu cheguei alí ás 19:45 horas. Polo visto o agrupamento era ás 19:30 e aí iniciábase a subida libre ao Castro. Loxicamente quedei xa na escola, e despois entereime que os que subían tiñan un detalle de recordo 😦

Despois de tanto esforzo, as bicis merecían un baño:

E os corredores querían dar boa conta do churrasco e recibir os premios:

Para rematar, simplemente darlle a noraboa á organización, porque todo estivo moi ben. A ruta tiña tramos de bastante dificultade, pero estaba moi chula (estiven con dous rapaces de Porto do Son aos que lle gustou moito o tramo á beira do río). E se se pode baixar o prezo aínda a costa de facer menos cousas, eu agradeceríao 😉

Graciñas por esas 10.000 visitas

24 Mai

Onte descubrín que este pequeno recuncho no que busco retratar a miña fermosa vila chegou ás 10.000 visitas. Así que vos quero dar as grazas polos vosos comentarios e por pasarvos de cando en vez a ler, mirar e opinar. A miña cámara, as teclas do ordenador e máis eu agardamos seguir por aquí moito tempo máis 😉

Cruceiro de Brión

1 Abr

Sen dúbida é o máis estraño cruceiro de todos cantos teño visto en Rianxo. O pé é dun cruceiro, pero a figura non é a típica. Non hai ningunha figura cristiá, nin virxes, nin santos nin Xesucristo na cruz. Só unha figura que lembra a certos pobos antigos, pero que non sabemos de cando pode datar.

O cruceiro pegado á fachada, no xornal De luns a venres

17 Xan

Captura da noticia no xornal L-VA coordinadora do xornal De luns a venres é amiga miña. Falando un día con ela de imaxes curiosas, decidín enviarlle estas fotografías que xa puxen neste blog noutra ocasión. O caso é que hoxe as publicou no xornal. Iso si, por se alguén entendo que eu dixen que as vivendas son recén construídas, en ningún momento comentei nada. Simplemente enviei as fotos.

Campo de concentración? Non, unha casa particular

5 Xan

Non sei se poñer un cercado electrificado enriba do muro dunha propiedade é legal ou non, pero para min é cando menos chocante. Isto pode verse nunha finca particular en Leiro, preto de Abuín e a min de boas a primeiras recordoume a unha prisón ou un campo de concentración.